martes, 22 de decembro de 2009

Desde cero


O asasinato de Lorca amplía o seu misterio ao concluíren as escavacións na zona de Alfácar sen dar con ningún enterramento

MARÉ . Galicia Hoxe, 19-12-09

O misterio arredor da morte de Federico García Lorca, o autor de Poeta en Nueva York ou de Seis poemas galegos, é hoxe máis grande ca nunca. Tan grande que comezan a aparecer todo tipo de versións e teorías sobre o que puido pasar aquel 18 de agosto do 1936 -cando o poeta foi asasinado por un grupo de afectos ao levantamento do xeneral Franco- pero, especialmente, sobre o que puido pasar despois co seu cadáver. As inquietantes interrogantes xorden tras concluír -con evidencias científicas de que "nunca houbo enterramentos nesa zona"- as escavacións de seis posibles fosas na paraxe de Alfácar, en Granada, onde algunhas investigacións situaban os restos de Lorca.

A conselleira andaluza de Xustiza, Begoña Álvarez, presentou onte en roda de prensa un avance do informe final. Na zona, non se achou "nin un só óso nin unha esquirla", como tampouco cascos de bala ou restos de roupa. Iso non significa "un fracaso", senón un "impulso" para seguir avanzando na recuperación da memoria, asegurou a conselleira sobre a escavación, realizada a petición da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Granada en nome de familiares das persoas supostamente asasinadas xunto a Lorca.

O hipotético enterramento en Alfácar foi fixado, entre outros, por Ian Gibson, que tomou como fonte principal o enterrador Manuel Castilla, coñecido como Manolo el Comunista. Porén,un amigo do enterrador afirmou que Castilla lle tomou o pelo ao "guiri" e que en realidade non lembraba onde estaba enterrado o poeta.

Outros investigadores como Gabriel Pozo sosteñen tamén que Castilla se desdiciu anos máis tarde. Pozo cre que Lorca foi enterrado na zona do Caracolar, próxima á Fonte Grande de Alfácar, e despois desenterrado e trasladado a outro lugar para ocultar probas da súa morte ante os reproches contra Franco que comezaron a chegar desde o estranxeiro.

A tese deste investigador, exposta no seu libro Lorca, el último paseo, é que o cadáver está nalgunha fosa común sen determinar. No libro, publicado hai uns días, Pozo recolle o testemuño póstumo, inédito ata agora, da actriz Enma Penella, filla de Ramón Ruiz Alonso, quen supostamente detivo a Lorca na casa da familia Rosales. Segundo Penella, o delator do poeta foi o fillo máis vello desta familia.

Os traballos infrutuosos en Alfácar fan dubidar da veracidade dos datos de Gibson, que dedicou 45 anos á investigación sobre Lorca e a determinar o lugar do seu enterramento. Con todo, o mércores pasado, nunha entrevista en El País, reafirmaba a súa convicción de que se o poeta non aparecía alí estaría moi preto, polo que cría que habería que seguir insistindo.

Outros investigadores defenden teses diferentes. É o caso de Fernando Guijarro, convencido de que a familia desenterrou o cadáver tras pagar unha forte suma como rescate e que o enterrou na Horta de San Vicente.

A presidenta da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Granada, Maribel Brenes, considera as novas perspectivas abertas supoñen "un reto", porque agora debería retomarse a investigación "desde cero". "Hai que volver estudalo todo", indicou Brenes, para quen o erro na investigación puido proceder fundamentalmente da Comisión de Enquisas que constituíu a Deputación de Granada antes de inaugurar, en 1986, o Parque Federico García Lorca. Aquela comisión determinou que o lugar máis probable do enterramento de Lorca e os fusilados xunto a el se situarba próximo ás oliveiras e peñascos situados na zona, cuxos terreos foron adquiridos pola Deputación para evitar presións inmobiliarias, unha vez que historiadores e testemuñas situaron alí o enterramento.

PERSPECTIVAS

O gran poeta alófono galego

Gracias aos seu Seis poemas galegos, Federico García Lorca converteuse no máis importante poeta alófono da Literatura galega. O termo alófono, apontoado polo profesor Xesús Alonso Montero, fai referencia aos escritores que utilizan na súa obra unha lingua diferente á propia.

A raíz destes poemas, publicados en 1935, segue a ser un misterio, como boa parte dos grandes acontecementos que rodearon a vida -e a morte- do poeta. Numerosos investigadores indagaron nas razóns que levaron a Lorca a escribir en galego. Boa parte destes investigadores defende que el os escribiu en castelán e que outra persoa -apúntase o nome de Guerra da Cal e, mesmo, a participación de Eduardo Blanco Amor- llos traduciu. A lenda máis estendida é que foi unha composición a medias: o tradutor íalle dicindo as palabras e el elexíaas segundo a súa sonoridade e poder evocativo. En calquera caso, o misterio manteríase: ¿Por que Lorca quixo publicar un libro en galego?

Ningún comentario:

Publicar un comentario