domingo, 1 de agosto de 2010

As razóns do silencio


O apoio de Sofía Casanova a Franco ou a minusvalorización do traballo da muller propia do século XIX poderían explicar por que foi case esquecida

MONTSE DOPICO . SANTIAGO

Por que a escritora e xornalista Sofía Casanova non ocupa aínda o lugar que lle corresponde nos libros de historia e na memoria colectiva? O seu apoio ao golpe franquista, ou a tendencia dos homes da súa época a minusvalorizar o traballo das mulleres son dúas hipóteses que, a xeito de resposta a esta pregunta, formula o libro Vida e Tempo de Sofía Casanova (1861-1958), que o Instituto de Estudos Gallegos Padre Sarmiento presenta hoxe ás 12:00 horas na súa sede, no número 2 da rúa de San Roque, en Santiago.

A obra, con orixe no seminario Feminino Singular: vida e tempo de Sofía Casanova, organizado polo Padre Sarmiento no 2008, recolle as ponencias daquela lidas por Antón Pazos, Gregork Bak, Kirsty Hooper, Ola Osorio, Carmen Blanco e María Rosario Martínez.

No prólogo, o director do Padre Sarmiento, Eduardo Pardo de Guevara, salienta que "non deixa de ser un síntoma de falta de visión histórica, tamén por parte de institucións creadas para manter a memoria das xentes e da cultura galegas, que escritoras como Sofía Casanova ocupen hoxe un lugar tan pequeño no recordo colectivo".

Aínda que o Consello da Cultura Galega inclúe no seu Álbum de Mulleres unha reseña sobre esta autora, escrita por Encarna Otero; a Real Academia Galega nomeouna membro correspondente e no ano 1952 concedeulle o título de académica de honra, e recentemente recibiu recoñecementos como o do Concello de Melide, que puxo o seu nome a unha rúa e incluíuna nunha campaña do 8 de marzo, ou a Fundación Galiza Sempre, que se lembra dela na súa mostra sobre a historia do feminismo galego.

Antón Pazos, do CSIC, realiza no seu texto unha achega á "antropoloxía" de Casanova. Salienta a súa "compaixón" polos demais, a súa "sensibilidade" cos xudeus, o seu humanitarismo, solidariedade e arela de paz, o seu "universalismo", antitotalitarismo, a súa "piedade tradicional galega" pero "nada tradicionalista", e o seu feminismo "que se desenvolve moi comodamente no ámbito familiar" e se rebela contra o "papel pasivo" das mulleres.

Rosario Martínez, autora de Sofía Casanova, Mito e literatura analiza a traxectoria vital de Casanova a través das súas cartas a Blanca de los Ríos, e Grzegork Bak, da Universidade Compluense de Madrid, contextualiza o seu tempo histórico .

REFLEXIÓNS

Unha cronista do "ABC" moi popular

A investigadora Kirsty Hooper, da Universidade de Liverpool, autora de A Stranger in My Own Land: Sofía Casanova, a Spanish Writer in the European Fin de Siècle, reflexiona no seu texto sobre o "apagamento" da muller intelectual española nas primeiras décadas do século XX. "Casanova foi lembrada durante décadas non como escritora e intelectual, senón como unha figura exótica na periferia da cultura esañola e -peor aínda- como un símbolo idealizado da feminidade nacional-católica", escribe.

Hooper pon exemplos de intelectuais da época que desprezaron o traballo das mulleres, como Miguel de Unamuno, que afirmou que "escribir una mujer para el público en lengua literaria masculina es algo así como ponerse los pantalones", e Juan Valera, que se burlou dela ridiculizando o seu xeito de recitar, aínda que a recoñece como unha "gran literata".

A xornalista e profesora Olga Osorio lembra a popularidade que Casanova conseguiu coas súas crónicas en xornais como o ABC, no que compartiu páxinas con nomes célebres como Julio Camba. Contapón este feito co esquecemento de Sofía Casanova na "historia da cultura galega". "Monárquica convencida na súa mocidade, Casanova chega a simpatizar coa Revolución Rusa para acabar os seus días convertida nunha pro-franquista", sinala. E as súas simpatías con Franco "convertérona, á morte deste, nun personaxe antipático para un país que rexeitaba todo que gardase algunha relación co réxime fenecido do ditador ferrolán". Osorio sinala no seu texto como o nome de Sofía non aparece en libros sobre coresponsais de guerra como os de Alfonso Rojo e Felipe Sahagún. E indica que, se cadra, a razón destes silencios é a tendencia a facer investigacións baseadas en fontes secundarias nos libros de divulgación. Ademais, relaciona o silencio sobre a autora coa falta de consideración, no século XIX, do traballo da muller como actividade profesional digna de ser tida en conta.

A escritora Carmen Blanco compara, no seu artigo, as traxectorias de Casanova, conservadora e católica, e Emma Goldman, anarquista. Subliña o humanismo e pacifismo de ambas, a súa defensa da xente humilde e denuncia dos abusos de poder, e e a súa afirmación como mulleres por enriba das convencións sociais .

DATOS

En Polonia na I guerra mundial

Sofía traballou como cronista de guerra na fronte polaca na Primeira Guerra Mundial e como enfermeira para a Cruz Vermella en Varsovia. O seu home, o diplomático polaco Vicente Lutoslaswki, rexeitouna por non ter un fillo varón.

Testemuña do bolchevismo

Arrasada Varsovia polos alemáns, marchou a Moscú e despois San Petesburgo, desde onte contou a Revolución blochevique. Na guerra civil española posicionouse ao lado de Franco, tras vivir os "excesos revolucionarios" en Rusia, sinala Martínez.

Dos nazis ó telón de aceiro

Tamén foi testemuña da ocupación de Polonia polos nazis, da persecución dos xudeus en Varsovia, e despois dos anos do "telón de aceiro", ata que faleceu no 1958. Así, puido sempre facer crónicas "desde dentro", contando o que viviu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario