venres, 11 de marzo de 2011

O adiantado que berrou República en solitario


Marcelino 'Tierra Libre' foi un activista republicano que se enfrontou aos caciques do sur de Pontevedra a través dos seus periódicos e da súa actividade política, polo que foi encarcerado e a súa granxa-vivenda asaltada
DANIEL PRIETO 06/03/2011 - 20:00 h.
Marcelino Gómez Arias, alcumado O Tierra Libre, é un deses homes inclasificables aos que, como en moitas ocasións, o tempo non fixo xustiza. Desempeñou un incansable labor a prol dos valores republicanos en América, Portugal e Galicia. Foi un obstinado defensor do agrarismo, un actor destacado da Revolución de Uruguai de 1904, fundou catro xornais e varios partidos políticos, foi asesor xurídico, marchante de arte e impulsou unha granxa de tecnificación agrícola. Nado en Asturias en 1880, levou a cabo unha loita a morte contra o caciquismo desde a parroquia de Agundes, no municipio pontevedrés de Crecente. A súa morte en 1924, cando só tiña 44 anos, estivo precedida dunha persecución sen tregua por parte dos caciques da zona sur de Pontevedra, que fixeron que fose encarcerado en reiteradas ocasións e mesmo se encargaron de asaltar a súa vivenda, maltratando a súa familia cando se atopaba de viaxe. Hipólito G. de Andoin, impulsor en Bos Aires xunto a Marcelino da Liga Republicana Española, refírese a el como “un ser excéntrico, todo corazón”, un “moderno Quixote” decidido a “transformar a sociedade”.
Sendo un adolescente, embarca desde Vigo rumbo a Arxentina. En Montevideo e Bos Aires traballa como xornalista e participa na creación da Liga Republicana Española. En 1904 trasládase a Uruguai para participar na revolución que enfrontou o Partido Blanco do xeneral Aparicio co Partido Colorado de José Pablo Torcuato Battle y Ordóñez, futuro presidente da República dese país. Marcelino enrólase no bando colorado e convértese nun cronista de excepción da última guerra civil dese país. Rematado o conflito, rexeita a paz asinada por Aparicio e publica La revolución uruguaya de 1904: sus operaciones en el Sud, que narra en primeira persoa eses feitos. “É un gran coñecedor da política da súa época e esa obra é unha crónica detallada deses sucesos”, indica o historiador Perfecto Ramos, especialista en Marcelino Gómez, que recentemente deu unha charla no Instituto de Estudos Miñoranos de Gondomar sobre a súa figura e prepara un amplo libro.
Marcelino volve a Arxentina e afástase dos preceptos da Liga, acusando o seu presidente, Rafael Calzada, de practicar un “republicanismo de salón”. En España, o avance electoral dos republicanos tras as eleccións de 1903 xera unha corrente que ve posible proclamar a República. O sector máis moderado seguía a Nicolás Salmerón e o máis radical a Alejandro Lerroux. Este último trama un plan en segredo en 1905 para recrutar adeptos coa intención de artellar un posible levantamento militar, que Salmerón ignora por completo.
Os republicanos radicais recaban entón apoios económicos no Estado e no exilio para levar a cabo este levantamento. Marcelino regresa a Pontevedra para organizar a Partida de Crecente, recruta mozos da bisbarra e proclama a República en solitario, descoñecendo que Salmerón fora informado do plan de Lerroux e mandou deter a operación. “Marcelino foi probablemente a primeira persoa de todo o Estado en proclamar a Segunda República coa súa partida, que planeaba chegar ata Celanova e Bande”, indica Perfecto Ramos. Fracasado “o intento de Crecente”, como o chamaron os xornais da época, Marcelino refuxiouse en Portugal mentres os seus compañeiros lle daban as costas, quedando como “un iluminado” ante os republicanos, segundo o historiador. Máis tarde demostrouse que Marcelino só obedecía ordes.
Este adiantado ao seu tempo decide regresar a Arxentina, onde funda o Partido Republicano Español na Arxentina e o seu primeiro periódico, La España Moderna, no que defende os principios republicanos. Marcelino traballa tamén como asesor xurídico e goza da vida sen estreiteces. Como desde América non podía estar na primeira liña da loita ideolóxica, decide editar o xornal en Francia e Portugal para penetrar na sociedade española. En 1907 casa coa súa sobriña Manuela Tandil, coa que terá sete fillos, aos que porá nomes como Cervantes, Riego ou Lealtad. O acoso da monarquía española obrígao a pechar o xornal. En 1909 edita outro na capital lusa, El Clamor Español, que tamén é clausurado cando está de viaxe en América. Marcelino chega a ser un estreito colaborador dos artífices da revolución republicana portuguesa de 1910, que puxo fin á monarquía dos Braganza: o almirante Cándido dos Reis e o doutor Miguel Bombarda.
En 1911 volve a Galicia e instálase en Agundes. Alí funda a granxa Tierra Libre, onde amosa técnicas para modernizar o agro. É elixido presidente da Sociedade Española de Artistas Notables, dedícase á venda de obras de arte e segue coa súa actividade xurídica. O sistema caciquil campa ás súas anchas no rural galego, onde os labregos loitan contra os foros, o imposto de consumos e outras taxas abusivas. Farto de ver como o control político da zona está en mans duns cantos clans conservadores, como as familias Bugallal, Mon e Landa, que se van transmitindo entre si os cargos públicos, Marcelino pasa á acción, abandeirando a loita contra estes sectores. En 1911 é detido por primeira vez e ingresa na prisión da Cañiza, xa que os poderes establecidos ven nel un perigoso elemento subversivo que fala sen ambaxes de progresismo, laicismo e se opón aos valores da Igrexa e dos caciques rurais. Despois de que a súa granxa sufra un asalto, o 23 de decembro de 1913, no que a súa muller é amordazada e maltratada e a propiedade queda destruída, decide fundar o periódico Tierra Libre. “Programas non hai máis que un: a revolución”, aseguraba nun dos seus artigos desta época, instando á unión de todos os republicanos nun único bando. Nestas datas tamén se reconcilia con Lerroux, que apoia o seu proxecto. Ademais, Marcelino impulsa a Liga para a Defensa dos Dereitos do Home.
Os autores do asalto á súa vivenda quedaron impunes, aínda que Marcelino denunciou os feitos e todos foron recoñecidos. O deputado Alejandro Mon ordenara o ataque, segundo declarou un deles. Por contra, Marcelino foi denunciado por inxurias e a Garda Civil incautouse de todos os exemplares de Tierra Libre, que desaparece temporalmente en 1914. Tras pasar o inverno en prisión, o caso de inxurias é sobresido pola Audiencia de Pontevedra e reedita o periódico. Nesta época colabora activamente con Basilio Álvarez, a figura máis destacada do movemento agrario galego. O acoso dos caciques forzará o peche de Tierra Libre, que publica por primeira vez os presupostos dos concellos do distrito. Lonxe de acovardarse, o intelectual funda unha nova cabeceira, El Amigo del Pueblo, onde segue denunciando os abusos dos caciques e, en 1922, abre de novo Tierra Libre. Ese mesmo ano preséntase na Cañiza ao banquete que ofrece Alejandro Mon con varios exemplares do seu periódico, entón é detido e maltratado. E é que a súa cabeceira resulta moi molesta para os poderes fácticos.
O republicano pretende presentar, sen éxito, unha candidatura anticaciquil ás eleccións municipais de Crecente de 1922. Un ano despois son asasinados en Guillarei tres labregos que se opuxeron aos recadadores de foros, nunha época de espertar das organizacións agrarias. Antes das eleccións a Cortes de 1923, Marcelino dá un mitin multitudinario en Crecente ao que acode Basilio Álvarez. Mon é proclamado de novo deputado sen que se celebren votacións e Tierra Libre bota o peche definitivamente, pouco antes do golpe militar de Primo de Rivera. O 13 de marzo de 1924, a Marcelino agrávanselle as doenzas causadas polas súas longas tempadas no cárcere e falece, catro anos antes de que, esta vez si, se proclame a Segunda República.

Ningún comentario:

Publicar un comentario