sábado, 7 de maio de 2011

As augas galegas, unha historia de culto desde a época prerromana até hoxe


24.04.2011 Primeiro foi mantial curativo dos habitantes das vilas tocadas polo don da auga, despois salubre reducto de veraneo e socialización dos adiñeirados
MARGA TOJO
Tomar as augas ou ir ás augas. Así se denomina tradicionalmente en Galiza á recurrencia aos baños salutíferos que poboan a nosa xeografía.Pero a expresión contén máis información da aparente, pois as fontes clásicas empregan tamén o plural aquae, o que reforza a existencia dunha longa historia do termalismo na comunidade. Xa Plinio o Vello documenta como Galiza e o norte de Portugal presentan a maior concentración de ‘cidades Aquae’ dentro do territorio peninsular.
Primeiro foi mantial curativo dos habitantes das vilas tocadas polo don da auga, despois salubre reducto de veraneo e socialización dos adiñeirados. A boiante historia das augas mineromedicinais galegas logrou, non obstante, na última década democratizarse para chegar á maioría do público que pode acceder aos efectos beneficiosos das súas cualidades, mais aínda queda moito por percorrer. En Europa, más de corenta millóns de persoas acoden cada ano aos balnearios e en España, no 2009, a cifra de agoiristas foi de un millón duascentas mil dos que máis de cento corenta mil corresponden a Galiza. Porén, o estudo de Raquel Casal e Silvia González Os balnearios de Galicia. Orixe e desenvolvemento lembran que, ao contrario do que acontece na maioría dos países europeos, as terapias termais non están incluídas como prestación sanitaria do Sistema Nacional de Saúde do Estado español.
A historia termal tal como a coñecemos hoxe arrincou como unha opción das elites. Conta un libro que acaba de publicar Galaxia baixo o título O lecer das augas. Historia dos balnearios de Galicia 1700-1936, de Luís Alonso Álvarez, Elvira Lindoso e Margarita Vilar que os nativos coñecían as propiedasdes salutíferas dos mananciais desde tempos anteriores á conquista romana. A tradición relata que aplicaron a auga ás necesidades da vida e que apreciaron as propiedades curativas das fontes, especialmente das termais, convertidas nunha sorte de centros de perergrinación de enfermos. Pero o culto á auga remóntase á época prerromana, tal como demostran as investigadoras da USC Casal e González: "O coñecemento exhaustivo da realidade espacial que rodeaba os primeiros poboadores foi unha condición sine qua non para a súa supervivencia (...). As augas mineromedicinais formarían parte así desas augas localizadas nas que, cunha serie de peculiaridades facilmente recoñecíbeis (mal olor ou mal sabor, elevada temperatura, burbullar, vapor...), chamarían a atención significativamente a eses primeiros poboadores, máis aínda á hora de comprobaren empíricamente que tiñan propiedades salutíferas. (...) Nese sentido, cómpre chamar a atención sobre o feito de que o territorio da antiga Gallaecia é privilexiado en canto á información indirecta que achega sobre as tradicións prerromanas vinculadas ao culto destas augas".
Non obstante, O lecer das augas recolle como foi na segunda metade do século XVIII e principios do séxulo XIX cando a monarquía e as clases adiñeiradas redescubriron moitas fontes abandonadas ou utilizadas polos veciños nalgúns casos desde a época romana –por exemplo, carballo, Caldas de Reis, lugo, molgas ou cuntis–. impulsados polo crecente interese político e social, moitos baños foron rehabilitados e publicitados na prensa da época. Porén, as formas de consumo nesta primeira etapa resultaron moi elementais, restrinxido o seu emprego ás doses en bebidas e ao baño en inmersión, case sempre en pías colectivas de cinco ou dez persoas. En xeral eran píos de cantería labrados na terra sin ningún abrigo.
Como no ocaso dos tecidos de liño ou na lenta evolución das conserveiras até a chegada de capital catalán ao negocio, o termalismo galego instalábase na obrigada decadencia. O catedrático de cirurxía e anatomía da Universidade de santiago de Compostela, Pedro Gómez de Bedoya, recolleu en 1765 nun pequeno manuscrito titulado Descripción de 54 fuentes minerales del Reyno de Galicia o abandono dos baños galegos, 34 dos cales se achaban en lamentábel estado de desamparo. Entre outras cuestións, bedoya criticaba a falta de coñecemento dos facultativos sobre as propiedades.
Dous factores fundamentais, escriben os tres autores, impulsaron a instalación das primeiras casas de baños ‘modernas’ de Galiza durante a primeira metade do séxulo XIX. por unha parte, a aprobación das primeiras regulacións de baños baixo o reinado de Fernando VIII, que estableceron normas básicas para o goberno, inspección e uso de instalacións á vez que introduciron a obriga de dispoñer de directores médicos nos establecementos máis significativos. O incipiente marxo lexislativo recoñecía catro casa de baños oficiais en Galica en 1816, dun total de 31 identificadas no conxunto do Estado: Caldas de Cuntis, Caldas de Reis, Caldelas de Tui e Cortegada. Só as dúas primeiras conseguiron dirección médica nas oposicións celebradas un ano despois.
O segundo elemento impulsor recaeu na existencia de iniciativas de investimento nos baños por parte de empresarios ou persoeiros locais. Así, detrás das dúas casas de baños de Caldas de Reis estaban o político ilustrado Pedro Acuña y Malvar e o escribán Joaquín Dávila. En Cuntis, o conde de Ximonde, que impulsou a creación dos baños en agradecemento á virxe por unha curación. En Ourense, os baños de Cortegada e partovia pertencían aos cidadáns do lugar e a fonte principal do Carballiño estivo en mans municipais durante case todo o Oitocentos, igual que Sousas e Caldeliñas, en Verín.
Pero, cal era a posición de Galiza no conxunto de España? Alonso, Lindoso e Vilar responden que en conxunto, Galiza, con sete balnearios oficiais convertiuse na comunidade con maior número de establecementos termais no censo de 1833. Pero case dúas décadas máis tarde, caía á terceira posición, por detrás de Andalucía e Castela, e empatada con Euskadi, malia a incorporación de Louxo, A Toxa e Lugo. Aínda que os procesos de desamortización e a toma do poder dos progresistas no 1854 contribuíron ao desenvolvemento da actividade balnearia, ao darlle pulo á renovación e facilitar o traspaso a mans de particulares, os grandes cambios para os balnearios galegos non chegaron até o derradeiro cuarto do século XIX.
A Restauración monárquica estimulou o investimento privado da burguesía, e Galiza non permaneceu completamente allea ao cambio de tendencia. É un período no que triunfan as tecnoloxías derivadas da máquina de vapor aplicadas con fins terapéuticos e créanse novas formas empresarioais para a explotación de balnearios. Durante eses anos a estructura interna do mapa balneario galego mudou radicalmente. Mentres en 1876 os balnearios históricos das zonas de Caldas de Reis (Dávila e Acuña) e O Carballiño (O carballiño e Partovia) lideraban o sector, o número de visitantes, no caso do século XIX dous titáns coparon o mercado: A Toxa e Mondariz. En realidade, nesta etapa hai dúas grandes categorías de establecementos: dun lado os balnearios tradicionais orientados cara a unha clientela popular e rexional, que ofrecían instalacións modestas, mais que, pouco a pouco melloraron as súas condicións hixiénicas e terapéuticas. Trátase de Caldas de Reis, Molgas, Cortegada, Caldeliñas, Sousas, Partovia ou O Carballiño.
Doutro lado, relata O lecer das augas, estaban os grandes establecementos que trataban de reproducir o modelo centroeuropeo das grandes estacións balnearias, atractivos centros de investimento para o capitalismo. Dentro desta tendencia, algúns balnearios españois adquiriron un compoñente lúdico e elitista, á vez que se converteron en pequenas vilas termais onde se combinaba a difusión dos novos tratamentos hidroterápicos con veladas musicais, faladoiros ou casinos. A esta época pertencen, por exemplom o casino de Archena (1899) ou o Casino de Caldas de Oviedo (1896), onde a clientela acudía en moitos casos co propósito de veranear e descansar sen necesidade de padecer ningunha doenza, o que os convertía en centros de vida social para aristócratas e persoas de maior nivel adquisitivo que o baleneario de descanso.
No caso galego axústanse a estas caracterísitcas A Toxa e Mondariz. Este último foi creado polos irmáns Sabino e Gumersindo Peinador, que lle encargaron ao arquitecto Genaro de la Fuente o deseño do Gran Hotel de Mondariz inaugurado na temporada de 1898. A vila dispuña de gabinete hidroterápico "con baños individuais de mármore de italia, duchas de todas clases, baños de asento, pulverizacións e inhalacións". Completaban a oferta un hotel de luxo con restaurante, teatro, casino, café e capacidade para 500 hóspedes. En canto á Toxa, o proxecto estivo liderado por Euloxio Fonseca, acaudalado propietario de Pontevedra que se asociou con Fernando Rodríguez, farmacéutico de Xixón, e Laureano Salgado, un indiano oriundo de Caldas de Reis. Os tres constituíron la Toja SA cun capital de seis millóns de pesetas en 1903. A magnitude do proxecto requeriu o respaldo financeiro e político de Bernardo Mateo Sagasta, enxeñeiro, avogado e deputado en Cortes polo distrito de Caldas de Resis.
A belle epoque dos loucos anos 20
Os balnearios de alta categoría viviron unha especie de Idade de Ouro durante os anos vinte, grazas a unha lexislación favorábel e ao achegamento dos propietarios aos círculos de poder, factores moi relacionados entre si". A Toxa e Mondariz atopábanse entre os establecementos balnearios máis demandados en España durante os anos vinte xunto a Cestona, Puenteviesgo, Archena, Ledesma ou Sobrón. Unha década despois, un artigo publicado en Anales de la Sociedad Española de Hidrología Médica situaba a Galiza á cabeza en augas medicinais.
Máis, pregúntanse Alonso, Lindoso e Vilar, que buscaban os visitantes dos balnearios da época? "As esixencias dos bañistas variaban segundo as necesidades terapéuticas e o seu poder adquisitivo. En xeral, os concorrentes máis potentes demandaban auga de calidadee, un bo emprazamenteo con clima suave, instalacións terapéuticas modernas, unha hospedaxe adecuada, posibilidades de distracción e fácil acceso. No último factor desempeñou un papel fundamental a conexión ferroviaria e telegráfica. tampouco podemos esquecer as tendencias de cada época e a notábel influencia de determinados personaxes públicos cuxos comportamenteos se imitaban como signo de distinción social. (...) Polo contrario, os receos das elites ao establecemento da II República en 1931, o afastamento do poder e a inestabilidade económica e política frearon o desenvolvemento das vilas termais nos anos previos á Guerra Civil. Á marxe das coxunturas políticas máis ou menos favorábeis, houbo máis factores que condicionaron a concorrencia balnearia nas primeiras décadas do XX, como a rápida difusión da medicina farmacolóxica e dos baños de mar ou ‘turismo de onda".
Porén, paradoxalmentem desde os anos sesenta, cando aumentou a renda per capita, os balnearios do Estado entraron en decadencia –en Verín, por exemplo, a gran maioría pecharon e limitáronse a subministrar auga embotellada nas plantas de Sousa, Cabreiroá e Fontenova–. O boom do turismo de sol e praia condeou aos balnearios a unha lánguida existencia até a década dos oitenta. En 1985 empresarios do sector crearon a Asociación Galega de Propiedade Balnearia aos que actualmente pertencen dezanove dos vinte e un balnearios existentes na comunidade.
Os mal chamados spas
“Xunto aos balenarios, hoxe en día coñecemos a figura dos mal chamados en galego e en castelán spas ou balnearios urbanos que, fronte ao que acontece nos balenarios clásicos propiamente ditos, empregan auga común a diferentes temperaturas para proporcionar comodidade e benestar aos seus usuarios, sen un carácter especificamente salutíferoe sen necesidade, por tanto, de control médico”. Explícano Raquel Casal e Silvia González en Os balnearios de galicia. Orixe e desenvolvemento. O último modelo de edificio salutífero que xorde nos nosos días é o dos centros de talasoterapia que, como o seu nome indica, teñen carácter terapéutico e de lecer nos que se emprega auga do mar nunhas condicións específicas que favorecen determinados tratamentos de saúde. Aínda que puidese parecer que estes conceptos de balnearios, spas e centros de talasoterapia son conceptos relativamente recentes e de novo cuño, se rastrexamos a nosa historia, podemos comprobar que as súas raíces afondan moito no pasado, cuns antecedentes moi específicos en cada un deses casos e cun marcado protagonismo xa en época clásica e, sobre todo, no Imperio Romano.
Coa Igrexa topou a auga galega (cousa do demo)
“É aquí a clase de promesa e de profesión de fé que tendes a Deus? Pois prendedes velas xunto ás pedras, ás árbores, ás fontes e nas encrucilladas, que outra cousa é se non culto o demo?”
San Martín de Dumio, en De correctione rusticorum (572 d. C.)
Case sempre coincidindo con lugares actualmente explotados, hai testemuños da presenza do uso e aproveitamento dos mananciais en época prerromana e romana en Lugo, Carballo, caldas de reis, Cuntis, As Burgas, Baños de Molgas, Baños de Rande e Riocaldo. Pero tras a caída do Imperio Romano, a situación dos balnearios creados durante ese período somérxese nun baleiro documental. Nese declive –relatan as autoras de Os balnearios de galicia. Orixe e desenvolvemento–, a introducción do cristianismo como relixión oficial incidiu con forza, xa que se fomentou a crenza de que os balnearios antigos eran espazos de culto ao demo, redutos de tradición pagá. Así, as referencias aos cultos ás augas na Alta Idade Media aparecen fortemente criticados nos concilios episcopais dos séculos V e VI d. C. ou nalgunhas obras dos pais da Igrexa, como as de san isidoro de Sevilla .
Na procura da regulación da moral dos bos costumes relacionados cos baños aparecen no ámbito español entre os séculos XII e XIV unha serie de foros (de Teruel, Cuenca, Sepúlveda, Cáceres...) a modo de manuais de conducta para seguir naqueles espazos onde se cría que se fomentaba a luxuria e o pecado.
Non aconteceu o mesmo no caso daqueles territorios ocupados pola poboación árabe que, amante dos costumes herdados dos romanos e coñecedores das virtudes para a saúde dos mananciais de augas mineromedicinais seguiron a empregalas e construíron novos edificios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario