martes, 3 de maio de 2011

A India perdeu millóns de nenas no século XX polos feticidios


O Goberno chama a unha cruzada ante o aborto selectivo e a discriminación feminina ·· Os médicos non poden informar do sexo do bebé
O primeiro ministro da India, Manmohan Singh, cualificou onte como unha "vergoña nacional" a práctica dos feticidios femininos, nun momento no que continúa caendo o cociente de nacementos de nenas no país. "A caída da proporción de nenas nadas sinala co dedo os nosos valores sociais", recoñeceu Singh nunha intervención ante un grupo de funcionarios citada pola axencia india IANS. Os datos provisionais do último censo decenal, publicados o pasado 31 de marzo, mostraron que na India nacen actualmente só 914 nenas por cada 1.000 nenos, o peor dato desde a independencia do subcontinente en 1947.
"É unha vergoña nacional que os asasinatos infantís e o feticidio feminino continúen en moitos lugares do noso país", engadiu Singh, que pediu unha "cruzada" para acabar coa discriminación feminina.
As organizacións internacionais levan anos denunciando o problema dos abortos selectivos e feticidios femininos, e aseguran que millóns de nenas deixaron de nacer no século XX debido á atávica preferencia polos fillos homes.
Na India, o fillo home perpetúa a liñaxe, herda a propiedade e coida dos seus pais na vellez, mentres que, no caso das mulleres, os proxenitores deben pagar un substancioso dote á familia do noivo no momento de pactar o matrimonio.
A India prohíbelles aos médicos informar os pais do sexo do seu futuro bebé, en vista de que o acceso ás novas tecnoloxías lles servía a moitos proxenitores para decidir abortar selectivamente en función de se o feto era neno ou, pola contra, se trataba dunha nena.
"Non me mates. Son túa irmá"
Na imaxe, escolares indias maniféstanse contra os feticidios con lemas leen lemas como "Non me mates, son a túa irmá, na cidade de Jammu, a capital estival da cachemira india, onte. As organizacións intsrenacionais levan anos denunciando o problema, pero o desequilibrio de xénero está empeorando malia o veto a informar do sexo do feto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario