mércores, 8 de xuño de 2011

70 anos de "La Codorniz"


A revista celebra o seu aniversario cun facsímil do seu primeiro número no que se inclúe un artigo do humorista coruñés Wenceslao Fernández Flórez
CATALINA GUERRERO/EFE . MADRID
Portada e contraportada do primeiro número
Mingote, Chumy Chúmez, Máximo, Gila, Perich, Ops ou Forges son algúns dos grandes comentaristas gráficos españois que se fraguaron en La Codorniz, "a revista máis audaz para o lector máis intelixente", da que se edita agora unha antoloxía polo 70 aniversario do seu nacemento.
Con prólogo de Antonio Mingote e epílogo de Chumy Chúmez, esta antoloxía inclúe as portadas máis representativas do semanario, incluída a que abre a súa cuberta e que asina Gila, cun famoso chiste: "Non lle deas máis puñadas, home", di un personaxe a outro que está cosendo a navalladas a un terceiro, e o interpelado respóndelle: "Pois que deixe de chamarme asasino".
A antoloxía acompáñase tamén dun facsímile do primeiro número da revista, con portada de Ton e viñetas de Herreros e do propio Miguel Mihura, fundador de La Codorniz e considerado o pai do humor contemporáneo, así como un artigo asinado por Wenceslao Fernández Flórez, no que afirma que "a graza só nace nas almas sas e non pode ir separada da bondade".
Dirixida por Mihura, o 8 de xuño de 1941 vía a luz esta publicación mítica que creou escola co seu humor surrealista, absurdo, irónico e desconcertante, e que foi viveiro de xornalistas enxeñosos e de debuxantes sublimes que figuran hoxe na cúspide. Pero foi Álvaro de Laiglesia, "que participara, avispadísimo adolescente, na súa fundación", quen tomou as rendas da revista en marzo de 1944 e "soubo mantela con talento e esforzo durante máis de trinta anos", afirma Mingote no prólogo.
Houbo un tempo en España en que "dicir "eu pertenzo ó equipo de La Codorniz era ó máximo ao que se podía aspirar", asegura a Efe Melquíades Prieto, autor xunto con Julián Moreiro de La Codorniz. 70 aniversario: 1941-2011, editada por Edaf. Ser de La Codorniz, segundo Prieto, era "considerado socialmente o equivalente hoxe dun autor de éxito". Revisar, como fixeron Prieto e Moreiro, os máis de 1.800 números deste semanario, cuxa publicación se prolongou ata o 11 de decembro de 1978, é "un xeito distinto de ver a historia de España", pois este rotativo, fito do xornalismo de humor español, "sóuboa reflectir como ninguén".
Así, "vese a evolución da España pobre e mísera dos anos 40, como se alixeira a vida un pouco nos anos 50, entran novos debuxantes e empeza, e é unha cousa que che fai graza cando o ves, a deostada figura do pobre garda urbano, que é o máximo que se toleraba" da crítica á autoridade, sinala Prieto. "Nos anos 60, os españois empezan a soñar con Europa, uns porque se teñen que ir e outros porque ven vir a estranxeiras, e iso en "La Codorniz" percíbese fenomenalmente", continúa. A década dos 60 é, para Prieto, "a máis apaixonante" da revista, coincide con "a aparente liberdade de prensa" do réxime, na que "non había censura previa, pero despois pechábanche", e, ademais, é cando a publicación ten máis éxito, chegando a ter tiradas de ata 250.000 exemplares.
E é nesa época cando xorden lendas urbanas sobre chistes que se lle atribuían a La Codorniz e que non eran certos. Como exemplo, Prieto cita un número que "moitos afirman ver" e que "nunca existiu", e que tiña, segundo a lenda, todas as súas páxinas en negro salvo a portada, na que se vía un tren entrando nun túnel, e a contraportada, pola que saía.
EVOLUCIÓN
Os anos 70 marcaron o seu declive
Nos 70, La Codorniz empezou o seu lento, pero inexorable, declive, ó "sufrir a competencia" de numerosas revistas do mesmo estilo, como Hermano Lobo e Triunfo, e debido tamén ó "frenesí" experimentado pola prensa naquela época con máis liberdade de expresión, "con publicacións por todas as partes, todas colocándose ideoloxicamente e incorporando un, dous e ata tres debuxantes de cabeceira". O nacemento da revista, subliña Mingote no prólogo, foi "un acontecemento celebrado no seu momento por uns poucos, insuficientemente encomiado despois por historiadores e sociólogos e aínda a falta da clamorosa ovación".
Unha ovación que se lle debe, engade o académico, por "ser unha das causas da conversión de millóns de fanáticos, intransixentes e violentos españois nos civilizados europeos que, máis ou menos, somos hoxe".

Ningún comentario:

Publicar un comentario