luns, 13 de xuño de 2011

Unha mostra lembra a arte salvada da Guerra Civil


Está articulada a través dunhas caixas a modo de soporte das informacións que forman o percorrido
H. P. 11/06/2011 - 01:02 h.
O Museo de Belas Artes da Coruña acolle até o vindeiro día 16 de outubro a exposición Arte salvada. 70 aniversario do salvamento do patrimonio artístico español e da intervención internacional. A mostra, organizada por Acción Cultural Española (AC/E), ten como obxectivo recuperar e difundir unha das historias máis descoñecidas da Guerra Civil: a protección e evacuación das obras de arte realizada pola República, así como da intervención do Comité Internacional para el Salvamento de los Tesoros de Arte Españoles, para evitar a súa destrución e garantir a súa conservación.
A presentación da mostra contou coa presenza do seu comisario, Arturo Colorado Castellary; do director de Relacións Institucionais da AC/E, Ignacio Ollero; e da responsable do Museo de Belas Artes, Anxos Penas Truque.
Castellary explicou que, tal e como sinalou o presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, durante a inauguración de Arte Salvada en Madrid, “esta foi a maior empresa de salvamento artístico de toda a historia”. Ademais, fixo fincapé no obxectivo da exposición, “lembrar esta historia tan descoñecida en España”.
Pola súa banda, Ignacio Ollero mostrouse “encantado” con que a mostra estea situada no Museo de Belas Artes da Coruña, e explicou que esta chega á cidade “despois de seguir a mesma ruta que no seu día fixeron as obras de arte: primeiro Madrid, e logo Valencia, Barcelona, Figueres e Xenebra”.
ESTRUTURA CRONOLÓXICA
Arte Salvada presenta unha estrutura cronolóxica, para que o visitante poida seguir os pormenores do salvamento das obras de arte, partindo de Madrid ao Ampurdán, pasando por Valencia e Barcelona. Tamén está, por suposto, a xestación e creación do Comité Internacional para el Salvamento de los Tesoros de Arte Españoles e as dramáticas circunstancias que deron lugar ao Acuerdo de Figueres, que provocou o exilio, como protección, desas obras.
A terceira e última parte da exposición recrea o seu traslado de Perpiñán a Xenebra, o inventariado das obras salvadas, a exposición que se celebrou nesa cidade suíza e o seu regreso a España no ano 39, todo a través dunhas caixas que serven de soporte para as fotos e carteis que conforman o percorrido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario