xoves, 28 de xullo de 2011

A pesca da sardiña: cerco e sacadas

A ORLA COSTEIRA DE CEE A CAMARIÑAS NO SÉCULO XVIII 
26.06.2011 TEXTO: VÍCTOR MANUEL CASTIÑEIRA CASTRO
Cerco real, dicionario de Antonio Sáñez, 1791-1795
A pesca da sardiña era actividade común en todo o litoral galego. Na nosa zona atopamos establecidos varios cercos para a súa explotación con diferenzas en canto ó tamaño e produción. No caso de Corcubión, o Catastro non especifica a existencia de cercos, se ben a aparición de dous trincados pode ser un indicador da súa presenza. O porte de cada un sería de tres toneladas e media regulándolle de producto anual 420 reais por doce quiñóns de sardiña en cada caso. A produción anual era importante como se desprende dos 12 quiñóns de sardiña que percibe por décimo o cura párroco que podían acadar uns anos con outros os 460 reais. Estes indicios lévannos a pensar na existencia de dous cercos, formados por 60 quiñóns cada un, onde, ademais dos trincados participarían o elevado número de embarcacións, 18, que formadas por catro mariñeiros como media, aparecen especificadas na lista de utilidades que segue ó Interrogatorio.
Nos portos de Cee, Fisterra e Muxía, o valor útil que se declara no Catastro sitúase en valores entre os 3.000 e os 3.300 reais, aínda que o número de quiñóns que forman cada cerco pode variar considerablemente. En Cee cada un dos 32 quiñóns acadaría un valor de 100 reais; en Fisterra habería 47 quiñóns a preto de 64 reais cada un, mentras que en Muxía dividíase o cerco en 64 quiñóns a 41 reais e 21 maravedís cada un. Ademáis, en Fisterra destaca a pesca con volantas na que se empregan os mariñeiros a metade do ano. Neste caso o valor de cada quiñón de rede acadaba os 50 reais.
A sacada e o cerco eran sistemas de recollida do peixe que requerían grandes inversións polo que non estaban ó alcance de pescadores a título individual. Necesitaban do apoio de barcos grandes para tende-las redes, arrastralas e facer servicios de carrexo desde a terra ó cerco e viceversa. A armazón dun cerco podía chegar a custar máis que un barco e unha compañía armábase entre 40 e 50 quiñoneiros. Os quiñóns non eran outra cousa que as participacións nas diferentes pezas e aparellos necesarios para arma-lo cerco e non só os mariñeiros senón tamén outras persoas podían adquirilos como un modo de investir cartos. Ademáis, podíanse trocar, transmitir en herdanza ou dar en dote. A vila de Camariñas contaba con dous cercos que aparecen perfectamente detallados no Catastro de Ensenada. Desta explicación obtemos a nivel xeral a información necesaria para saber como funcionaba a explotación da sardiña mediante este sistema que xa se documenta na Baixa Idade Media:
Que en este puerto hay establecido el Armamento de dos cercos que sirven para la pesca de la sardina en tiempo de sazón y cosecha, la que regularmente empieza a primeros de septiembre y fenece a ultimos de Diciembre de cada año. Cuios armamentos se componen el uno de setenta quiñones de Aparejo, y el otro de ochenta, para cuio Armamento hay dos Barcos grandes que llaman Trincados, o Galeones de porte de trescientos quintales y Doce bancos cada uno, el uno llamado San Jorxe, y el otro Nuestra Señora del Monte, en los que lleban ala mar y buelben a la tierra, todas las Redes, Cordaje y más aparejos conducentes a dho Armamento. Cuios Galeones o Trincados son propios de todas las personas ynteresadas en el referido Armamento... como toda la pesca producto y utilidad que en ellos se saca y adquiere, la que dividen y puntualmente prorratean entre dhos quiñones de aparexo, y las personas que manexan y administran dho Armamento, llebando los ynteresados por razon de Aparejo un quiñon, y por razon de la persona otro, y si alguno tiene dos o mas quiñones de dho Aparexo lleba otros tantos de la referida pesca a proporcion y demas a mas el quiñon de la persona, y esta practica es la que se observa en este puerto... y se advierte que ademas de dhos trincados se emplean en dho Cerco todas las demas lanchas del Puerto.
.
Esta forma de pesca era común nos cinco portos na tempada da sardiña que soía durar de agosto a decembro, con certas variantes. Era este o caso dos portos Cee, Corcubión e Fisterra mentras que en Camariñas comenza a primeiros de setembro e en Muxía un mes despois para rematar nestes dous últimos casos a fins de decembro.
No derradeiro cuarto do século, xa coa presencia catalana na zona aínda que non asentada definitivamente, Corcubión contaba para a extracción da sardiña con tres sacadas menores e vinte lanchas, Fisterra con outras tantas sacadas e nove lanchas e Cee con dúas sacadas e vinte lanchas. Mentras tanto, os de Muxía villa compuesta toda de pescadores, aunque no se puede llamar puerto, pues solo es una rada abierta, sus matriculados tienen dos cercos reales y usan del jeito para la sardina con nueve lanchas, de las que dos se dedican a la pesca del abadejo y a la de congrio, que hacen con abundancia. Finalmente, os de Camariñas contaban con outros dous cercos e un chinchorro, dous grandes lanchóns e doce lanchas.
Xa nos temos referido á importancia da actividade pesqueira e como as clases privilexiadas sacaban beneficio desta actividade a través de diferentes cargas impositivas. A principios do s. XVII o décimo do pescado que cobraba o párroco fisterrán acadaba os 30 ducados. Mentras, na vila de Cee, o Arcediago de Trastámara, percibía, nesas mesmas datas, del pescado sacan los pescadores diez y ocho quiñones y de lo demas pagan diezmo de quince uno y de cada varco de pescadas, catorce pescadas y del congrio medio real de cada quintal. Un dos impostos que o Arcebispo percibía nas vilas litorais suxeitas ó seu dominio era o da media décima. Os portos nos que se pagaba eran os de Redondela, Cangas, Muros, Rianxo, Padrón, Pontevedra, Vilanova de Arousa, Vigo, A Pobra do Deán, Caramiñal, Fisterra, Cee, Malpica e Muxía. Antigamente, este imposto cobrábase en dúas partes iguais: unha para o Arcebispo e outra para a Facenda Real pero a mediados do s. XVIII, posiblemente debido ás cada vez máis continuas resistencias por parte dos mariñeiros ó seu pago, o Arcebispo cedeulle a súa parte á Coroa a cambio dunha cantidade anual fixada en máis de 9.600 reais, o que indica claramente a importancia económica deste imposto: Estas medias diezmas consisttian en lo que se descargaba en los Puertos de los Generos que a ellos arribaban de estrangeros y lo que se cargaba de estte Reino en dhos Puerttos para fuera de el cuia exsacion que se hacia entteramente por el ttanto por cientto establecido se dibidia de por mittad en dos parttes yguales, que una llebaba la Dignidad y ottra el Rey astta que en el año de 1752 resolbio S.M. en vista delo Representado por el señor Arzobispo Dn. Caietano Gil Taboada yncorporar estte derecho y parte que correspondia a la Dignidad a sus Rentas Reales mandando que desde entonces y alo delante se pagare a la Dignidad en Reconpensa nuebe mil seiscientos y quatro Reales en cada un año sobre el productto de Renttas Generales, cuia paga estta corriente. Vid. A.H.D.S. Fondo Xeral, leg. 44, Archivo Arzobispal. Bienes y rentas de la Mitra de Santiago y pensiones que se paga, 1775.

Ningún comentario:

Publicar un comentario