luns, 14 de xaneiro de 2013

“Andaina navega, desde o principio, a contracorrente, mesmo no seo do propio feminismo”


CC BY-SA Montse Dopico. praza.com
A evolución do feminismo en Galicia non se podería entender sen o proxecto de Andaina, a revista que desde 1983 participa nos principais debates non só do movemento feminista galego, senón do mundial. Andaina celebrou este 11 de xaneiro os seus trinta anos de vida coa presentación do seu último número, unha cea e unha poxa na que recadará fondos para mellorar a súa difícil situación económica e poder seguir editándose en papel. Entrevistamos, aproveitando unha reunión que tiveron en Compostela, a boa parte das mulleres que, como un xeito de activismo e sen cobrar nada, fan posible esta publicación.
Celebrades os 30 anos de Andaina. Como vai ser?
Este venres 11 de xaneiro presentamos o último número de Andaina na galería Sargadelos de Santiago. E ese mesmo día ceamos na Gentalha do Pichel. A situación económica de Andaina é neste momento moi complicada, tanto que xa nos resulta moi difícil seguir sacando a revista en papel. As máis vellas de nós estamos por rendernos, pero as máis novas non están de acordo e queren que Andaina siga saíndo en papel. No medio deste debate, pensamos que poderiamos celebrar o cumpreanos de Andaina, que precisa de agasallos, do apoio da xente da cultura, dos movementos sociais... Por iso organizamos unha poxa, e a resposta foi moi boa. A idea é, entón, celebrar os 30 anos de Andaina cunha poxa, unha cea e a presentación do dobre número 61-62. Tamén temos á venda unha edición facsímile do nº 0 de Andaina. A nosa é unha publicación en galego que leva facéndose 30 anos con moi escasos apoios institucionais. Unha revista feita por mulleres, para homes e mulleres, que abrangue toda clase de temas. E tentaremos seguir sacando tres números anuais en papel.
En 30 anos xa se pode face balance. No nº 1, de 1983, diciades “se non somos nós as que levantamos a voz pra denunciar a situación da muller, ninguén o fará por nós”...
Ese é, sen dúbida, un dos logros de Andaina. Dar voz ás mulleres, que somos capaces de tratar todo tipo de temas, desde os máis sesudos ata os menos. E Andaina é unha proba disto. Os tertulianos da televisión ou da radio ou os columnistas da prensa son case sempre homes. Dise que non hai mulleres, pero non é verdade. E en Andaina temos artigos de mulleres que escriben sobre todas as materias: da filosofía á astronomía, reflexións sociais... Tamén podemos salientar o nivel dos artigos: desde os temas máis amenos e divertidos ata as reflexións máis fundamentadas, ben documentadas e máis repousadas que a de moitos tertulianos e editorialistas, ou a de cargos institucionais... Os homes teñen un plus de visibilidade que nós non temos.
O número 61-62 recolle un artigo sobre o aborto titulado Unha volta atrás de 30 anos, en referencia á reforma da lei defendida polo ministro de Xustiza, Gallardón. Alén da influencia ideolóxica da Igrexa católica, que se atopa detrás deste tipo de propostas?
O que defende Gallardón é unha volta atrás de trinta anos, como se non tivese pasado o tempo. Dixo el mesmo que a muller é máis muller se é nai. Entón, a muller que non é nai, é un cacho de muller? Defender unha ideoloxía tan noxenta nos tempos que corren... Ademais, quen é Gallardón para dicir que é ser muller? Debería retractarse ese señor. En canto á xerarquía católica, parece que está aboada a Andaina porque moito aparece na revista. Outros están, pero de maneira máis recente, como Castelao Bragaña...
Andaina foi evolucionando nestes trinta anos. Isto é evidente no deseño gráfico, por exemplo. Pero tamén nos contidos, coa incorporación de máis xente...
No deseño gráfico nótase moito a boa man de Uqui, que entrou no número 11. E, claro, Andaina é un bo retrato da súa evolución como creadora. En canto ao equipo humano, algunhas estamos desde o principio: Nanina Santos, Ana Arellano, Pilar Pérez... Foise incorporando xente nova, outra xente foi marchando... É un equipo no que todas somos voluntarias. Ninguén cobra por isto, que entendemos como un traballo militante. A vantaxe é que temos total liberdade para escribir: non lle debemos nada a ninguén, non temos que contentar a ninguén. En realidade navegamos, desde o principio, a contracorrente, mesmo no seo do propio feminismo, en asuntos como sexualidade, a violencia, a prostitución, a publicidade... Por sorte ou por desgraza, nunca formamos parte de maiorías. Non estamos na liña de máis castigo, máis penas, un Código Penal máis duro... Non se trata de machacar a xente, senón de gañar en liberdade. Non somos partidarias de catecismos, aínda que veñan do feminismo. Un exemplo é a prostitución: sempre que, por suposto, non se exerza por coacción, nós pensamos que cada unha pode facer co seu corpo o que queira. O mesmo pensamos respecto da publicidade: a solución non é censurar anuncios. É evidente que hai machismo na publicidade, pero tamén as mulleres foron sendo tratadas máis como suxeitos nos anuncios... 
A través de Andaina tamén poden seguirse os principais debates do feminismo, non só galego. Por exemplo, no relativo aos temas: o paso da segunda á terceira onda do feminismo. De cuestións como a sexualidade, a reprodución ou o traballo ata as mulleres ciganas, inmigrantes...
As nosas curiosidades e preocupacións foron ampliándose, si. Hai temas presentes desde o principio, como a sexualidade. Ou a violencia de xénero, o aborto, a prostitución, o traballo... Tamén é moi importante desde os primeiros números a memoria histórica, con especial atención á memoria da vida cotiá, ou o tema das mulleres no poder. Despois fóronse abrindo máis temas, como a muller na ciencia ou no deporte. Ao primeiro tiña moito peso a análise da literatura galega e a muller, e despois foi tendo menos, se cadra porque foron aparecendo especialistas que traballaban con este tema na Universidade.
O número 10, do 1986, analiza as concepcións patriarcais de Vicente Risco. Tempo despois, no 1998, María Xosé Queizán publicou Misoxinia e racismo na poesía de Pondal. Fostes pioneiras en temas coma este. Hoxe acéptase sen problemas, por exemplo, a lectura feminista de Rosalía. Pero as revisións sobre a ideoloxía patriarcal dos autores máis representativos do galeguismo seguen atopándose con fortes rexeitamentos...
É certo que abrimos camiños, que abrimos portas neste e noutros temas. Ese artigo que citas é da primeira época de Andaina, -que abrangue do 1983 ó 1991-. E é verdade que nos saíron inimigos por falar da ideoloxía patriarcal de Vicente Risco, ou por contestar ideas sobre a muller galega como o mito do matriarcado galego. Mesmo, cando comezamos a celebrar o 8 de marzo, recibimos fortes críticas de parte do propio movemento obreiro. Aínda temos gardado un artigo que dicía que que era iso de celebrar o 8 de marzo, porque xa existía un día da clase obreira galega. Chamáronnos burguesas e españolistas, dixéronnos que dividiamos o pobo galego... Ese era o contexto que había, a sensibilidade feminista da sociedade galega hai vinte anos. Ademais a crítica viña da CIG, que era da parte socialmente máis activa... Nós fomos sempre independentes de partidos, a nosa é unha voz propia e independente, polo que dicimos o que queremos e nada máis. Ademais, así, Andaina non cae cando cae tal ou cal poder afín. Nós caemos e levantámonos soas, porque non dependemos de ninguén.
Andaina naceu máis ou menos vencellada á Asociación Galega da Muller (AGM), plataforma formada por mulleres de esquerdas militantes de diversos partidos e por independentes. Andaina e a Festa da Palabra Silenciada son as únicas revistas que se manteñen desde aqueles primeiros tempos do feminismo organizado galego. Na AGM houbera unha división da que naceu FIGA, e despois houbo unha evolución de siglas bastante complexa. Mais Andaina sobreviviu a todo iso...
Non é só “máis ou menos”, é que foi a AGM a que decidiu crear Andaina. A AGM foi a nai da revista, e a filla sobreviviu á nai, si. Houbera unha ruptura na AGM, da que naceu FIGA, e que tivo que ver co debate entre o que, simplificando, se chama feminismo da igualdade e feminismo da diferenza. Pero iso foi no 78, antes de que comezase Andaina, no 83. Nós comezamos un pouco antes que a Festa da Palabra Silenciada, e ademais nós non temos unha subvención, como a Festa. Queriamos dar voz ao feminismo galego, e por iso na primeira etapa a nosa publicación chamábase Andaina. Revista do Movemento Feminista. Na segunda etapa, a partir do 91, rectificamos niso porque é verdade que nós non eramos todo o movemento feminista, porque había máis colectivos, distintos do noso. Por iso cambiamos o título por Andaina. Revista Galega de Pensamento Feminista, e comezamos outra vez coa numeración, desde o número 1. A AGM aínda tivo unha longa vida, pero é certo que Andaina durou moito máis. Andaina é, para nós, un xeito de facer actividade política feminista. Porque non facemos só a revista, senón que organizamos xornadas, proxectos como o Mufest...
Mónica Bar distingue no seu libro Feministas Galegas. Claves dunha revolución en marcha o protofeminismo “reformista” do Movemento Democrático de Mulleres, do “feminismo transformador, radical e non reformista” da AGM ou do “feminismo posibilista” da Asociación Democrática da Muller Galega (ADMG). Identificábavosdes as mulleres da primeira etapa da Andaina con ese xeito de entender o feminismo, máis rupturista?
Pois se cadra nos críamos máis transformadoras do que eramos nalgunhas cousas, e menos do que eramos noutras. Cando comezamos a reivindicar o dereito a usar anticonceptivos houbo quen nos correu a escobazos no Toural, en Santiago... O que agora se chama performances xa o facíamos nós, e a diario... O tema do divorcio tamén fora moi debatido, e nós defendiamos unha posición moi favorable ás mulleres: canta máis liberdade e empoderamento das mulleres, mellor. E nada de “os fillos para as mulleres” e xa está, porque os homes teñen que facerse cargo da paternidade tamén. Fomos punta de lanza, ademais, nas discusións sobre identidade sexual, (nos debates sobre a transexualidade, interxénero...). Ou no debate sobre a participación dos homes nos grupos feministas. Sempre fomos atrevidas, valentes. Vamos a contracorrente e dicimos o que pensamos. E hoxe hai mulleres novas que están pegando moi forte e facendo as cousas moi ben, como a Rede Feminista Galega.
Mais o xeito de activismo mudou, non si? Agora funciónase, precisamente, en rede. Con grupos pequenos, formados por unhas poucas mulleres. E buscando puntos en común, como a Marcha Mundial das Mulleres.
Se cadra a novidade é o funcionamento en rede, porque grupos pequenos sempre os houbo. O importante é facer cousas xuntas, como fai a Marcha Mundial das Mulleres. Porque hai moitas máis cousas que nos unen que que nos separan. Como diciamos antes, o que agora chaman performance xa o faciamos nos 80. Pero é certo que aquel movemento multitudinario dos 80 xa non se ve. Só en ocasións, como as Xornadas Feministas de Granada, por exemplo. Tamén é verdade que hoxe é raro escoitar unha muller que diga directamente que non é feminista. E antes si había moitas que o dicían. Outra cuestión é o uso institucional que se fixo do feminismo.
Mesmo non houbo certa apropiación, por parte da dereita, de elementos do discurso feminista? Como cando din que o aborto é “violencia estrutural”, mentres ao mesmo tempo suprimen as axudas da lei de dependencia e recortan nos servizos básicos do Estado de Benestar.
É certo. Ao PP a palabra feminismo non lle gusta nada. E hai mulleres do PP que utilizan o tema da igualdade para obter un beneficio particular. Mulleres do PP que queren poder, pero para beneficio propio. Non cambiou tanto a situación, niso, respecto dos anos 80 e 90. Segue a a haber intentos por parte dos partidos de ter unha marca feminista propia. Nós non queremos a tutela de ninguén, defendemos a autonomía do movemento feminista.
"Segue a a haber intentos por parte dos partidos de ter unha marca feminista propia. Nós non queremos a tutela de ninguén, defendemos a autonomía do movemento feminista"
Ao ler as vellas Andaina, dá a impresión de que nalgúns temas, non só o aborto, non se avanzou tanto. A AGM xa pedía no 77 igualdade no traballo ou a despenalización da homosexualidade. Hai pouco o TC resolveu sobre a lei do matrimonio homosexual ante o recurso presentado polo PP, as diferencias salariais entre homes e mulleres persisten... Que sentides ante isto as feministas que levades tanto tempo na loita?
Pois é que os dereitos non son para sempre. Só hai que mirar o movemento obreiro, e todo o que está pasando cunha reforma laboral que supón un retroceso tremendo. A xente que naceu cos dereitos, imos chamarlle así, “postos”, non se decataba de que podía perdelos, e de que hai que seguir pelexando. Aínda que agora si hai cada vez máis xente que se decata disto.
A violencia contra as mulleres, nas súa distintas formas: violación, malos tratos... é un tema que está en Andaina, tamén, desde o principio...
Estudamos, afondamos, discutimos e matizamos moito, porque é un tema moi complexo. Por suposto estamos en contra da violencia contra as mulleres. Pero a nosa posición afástase nesta cuestión da doutras compañeiras feministas. A lei contra a violencia de xénero supón moitos avances, pero ten unha impronta tutelista que non nos gusta. Non se poden resolver os problemas sociais a golpe de Código Penal. Non hai que esquecer a importancia, por exemplo, da educación. E non podemos tratar as mulleres como nenas, estar presionándoas sempre, por exemplo, para que denuncien sen poder garantirlles que van estar seguras. É moi complicado. Ademais, nós somos partidarias de distinguir. Porque non son iguais todos os tipos de violencia. Non é o mesmo unha malleira que un insulto. Por suposto estamos en contra de ambos, pero non é igual, aínda que compartan un substrato ideolóxico común, que é o patriarcal. Non teñen que dicirnos o que temos que facer. As mulleres somos listas e non precisamos que nos tutelen.
O lesbianismo está presente desde os primeiros números. Di Gracia Trujillo que o feminismo tardou en recoñecer a achega realizada polos lesbianas á loita das mulleres.
En Andaina non está só o lesbianismo, están as lesbianas, con nome a apelidos. A Comisión de Lesbianas da Asociación Galega da Muller. E non era nada fácil entón identificarte publicamente como lesbiana, había que ser moi valente, pois traía problemas familiares e outras dificultades. Si é certo que Gracia Trujillo e que outras mulleres -foi un tema moi debatido en distintas Xornadas Feministas-, pensan que o feminismo non recoñeceu o traballo realizado polas lesbianas. Pero é que se cadra tampouco había moitas lesbianas que desen a cara, que desen ese paso. En calquera caso, a loita contra a obrigatoriedade da norma heterosexual é común a todas as mulleres, non só as lesbianas.
A pornografía é, como a prostitución, un dos temas que causou máis controversias no seo do feminismo. No último número de Andaina hai un artigo sobre o feminismo porno postmoderno...
Ese é, se cadra, o territorio no que o ollar de Andaina foi, ao principio, bastante ñoño. Tiñamos unha idea moi puritana, que despois foi cambiando. Fixemos cousas como tapar carteleiras, que hoxe non fariamos. É certo que o porno é machista, pero tamén é certo que non todo o porno é igual. En calquera caso, a solución non é a censura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario