sábado, 19 de xaneiro de 2013

O regreso de Teresa


En Memorias dunha republicana (Edicións Laiovento) Teresa Alvajar López deixa escrita a súa historia, unha biografía atravesada pola represión que agromou co golpe militar de 1936 do cal foron vítimas todos e cada un dos membros da súa familia.  A sua, ademais, é a biografía dunha loitadora, unha vida de exilios políticos e persoais, do drama e a supervivencia dunha muller que se viu na obriga de sufrir para defender a súa liberdade. A profesora Aurora Marco edita as memorias da filla pequena de Amparo López Jean e César Alvajar.
CARME VIDAL. sermosgaliza
Cunha longa traxectoria na recuperación da historia e os nomes das mulleres, Aurora Marco contribúe desta volta a un persoal proxecto do cak se manifesta só transmisora. A recente edición das memorias de Teresa Alvajar López vén da súa man, do convencemento de que esta era unha historia que se tiña que facer pública e así llo dixo á protagonista nunha visita que lle fixo a súa casa de Sevilla. Teresa escribira xa parte das súas memorias, o que faltaba completouse ao ditado da súa filla Elena, con que vive desde hai uns anos.

A historia da familia de César Alvajar e Amparo López foise desempoando aos poucos. Agora os artigos do pai, agora o papel da nai no republicanismo da Coruña, agora a singular figura da súa irmá escritora e tradutora Amparo, agora as memorias de Ana María ou a traxectoria política de Javier. Quedaba a pequena. De Mª Teresa sabíase por Soltando lastre, autobiografía de Ana Mª, que estivera detida no cárcere da Coruña e seguira os seus pais no exilio, porén poucos datos máis chegaran ao seu país de nacenza.

César Alvajar e Amparo López Jean morreran no exilio e só entrado o novo século as fillas conseguiran que as súas cinzas regresasen para sempre á cidade da Coruña. No acto xa só Teresa era testemuña para asistir a ese agardado regreso. Viña de Madrid, o seu lugar de residencia entón, e corría un tempo en que a recuperación da memoria entraba xa na axenda institucional dunha Xunta de Galiza que até aquel momento esquecera facer xustiza coas vítimas da represión.

Pouco despois, Teresa Alvajar foi convidada ao acto de homenaxe “Mulleres con Memoria” que se celebrou o 3 de marzo de 2007, organizado pola consellaría de Cultura e Deporte. Alvajar, pola orde alfabética do apelido, foi a primeira das trinta en subir ao escenario. O seu foi un berro forte, cheo de enerxía, con que lembrou as mulleres que compartiran canda ela cadea e defendeu a liberdade nun discurso que rematou cun “Viva Galiza Ceibe!” que estarreceu todo o auditorio. A partir de aí, Teresa Alvajar recibiu premios e homenaxes na súa terra, do Alexandre Bóveda á Republicana de Honra e en cada un mostraba a súa felicidade porque a luz se deitara sobre a historia silenciada. Dese episodio parte Aurora Marco na introdución de Memorias dunha republicana porque a ela, como a todas alí presentes costaralle esquecer aquela vibrante intervención de Teresa Alvajar, a pequena da familia de quen tan pouco se sabía.
Agora a súa biografía queda á vista e é do dominio público, para que as xeracións que veñen teñan noticia do que tivo que padecer unha muller que apostou pola liberdade e a vida, disposta a rebentar férreas ataduras de xénero e con valentía para defender o dereito a vivir por ela propia. “Toda a familia sufriu a represión mais eu non teño dubida de que quen peor o pasou foi Teresa e a súa nai. A súa vida foi a máis dura, ás consecuencias da represión hai que engadir a vida persoal, que tivo que superar dúas relacións duras cos pais dos seus fillos nun tempo en que as mulleres tiñan que pedir permiso para viviren e para amaren” explica Aurora Marco.
A través das páxinas que escribe e dita Teresa Alvajar (1921) achegámonos a unha biografía que retrata non só os esforzos da familia enteira por sobrevivir senón a súa loita para vencer as férreas normas que impedían ás mulleres decidiren sobre a súa propia vida. “A súa foi unha vida de sortear obstáculos, de facerlles fronte, de os superar; unha vida en que non está ausente a rebeldía. Defendeu, desde a liberdade, a súa vida amorosa máis non tivo sorte neste terreo” afirma Aurora Marco e certo é que estas son dos poucos textos memorialísticos en que a vida privada queda escrita, sen omitir os difíciles avatares da súa biografía.

O libro editado por Aurora Marco, alén dos escritos memorialísticos, recolle unha parte do album fotográfico familiar a través do cal se pode construír a súa historia e diversos documentos de especial intensidade biográfica. “A memoria no texto de María Teresa é acordanza, é nostalxia de tempos idos, é dor, é calafrío ao lembrar os bombardeos, o frío e a fame, é canción, é amor e desamor... É o sentimento de quen tivo que alonxarse das paisaxes físicas e humanas que máis quería para se incorporar a outras terras” explica Aurora Marco, dun libro que a bo seguro Teresa Alvajar recibiu con agarimo na casa de Sevilla en que vive, feliz porque a historia saia de novo á luz na nosa lingua, da cal se tivo que afastar mais nunca esqueceu

1 comentario:

  1. Con ese nome tan completo e o disfraz ( aí están as raíces verinenses) case non te recoñezo. Piquei no de sorprendente polo achado e no de interesante pola entrada . Saúdo

    Elvira

    ResponderEliminar