Redacción | @prazapublica
O 1 de febreiro de 1993 morreu de cancro na Coruña
despois dunha vida de loita compaxinando durante anos o seu labor como crego e
a súa militancia política: nacionalista e de esquerdas. Moncho Valcarce pasou á historia
coma o cura das Encrobas, aquel crego que tanto axudou os labregos das
terras de Meirama fronte aos intentos de expropiación por parte da empresa
de extracción de lignitos. No transcurso desta loita Monxo foi detido o 15 de
febreiro de 1977.
Pero para falar de Moncho Valcarce hai que
falar de loitas en plural. Valcarce naceu no seo dunha familia
acomodada na Coruña. Deixou de lado o Dereito e optou por estudar Teoloxía.
Despois dun breve paso por Roma, en 1967 regresa ao seminario de Santiago onde
uns escritos lle valeron a expulsión acusado de "axitador de tendencia
comunista". Desterrado na Coruña baixo a tutela do sacerdote Manuel
Espiña, e grazas á súa axuda, conseguiu que o volveran a admitir no seminario.
En 1969 comeza a exercer de crego en Sésamo, unha parroquia de Culleredo, onde
se distinguiu polo carácter participativo das misas, a gratuidade nos servizos,
a eliminación dos confesionarios, a introdución do galego como lingua
litúrxica, e polas súas proclamas contra o caciquismo e as inxustizas.
O Partido Comunista chegou a instalar unha imprenta
na casa reitoral, que se converteu nun punto de encontro de pluralidade para
distintos colectivos de distintas ideoloxías. En 1974 foi detido en Betanzos
nunha xuntanza clandestina. Moncho Valcarce foi xirando cara ao
nacionalismo e traballou sobre todo nas Comisións Labregas e
na AN-PG. Con eles participou moi activamente nos conflitos sociais que se
viviron en Baldaio ou en Xove e tamén nas reivindicacións dos gandeiros contra
a Cota Empresarial da Seguridade Social. En 1979 foi elixido
concelleiro polo BNPG en Culleredo, onde chegou a ser tenente de alcalde.
Sempre resutou incómodo para a
xerarquía eclesiástica, que fixo todo o posible para alonxalo da política
enviándoo en 1987 a Salamanca coa disculpa de realizar un curso teolóxico na
Universidade Pontificia. En 1991 foille descuberto un cancro incurable e
dous anos máis tarde faleceu. Foi soterrado no cemiterio de Santo Amaro cuberto
cunha bandeira estreleira e entre os versos de Bouza Brey. No mesmo
cemiterio de Santo Amaro o BNG renderalle unha homenaxe este sábado á unha do
mediodia nun acto, no que intervirá a poeta Pilar Pallarés.
Ningún comentario:
Publicar un comentario