David Lombao
| @davidlombao praza.com
Nos primeiros anos do século XX o clima político era
efervescente e múltiples identidades nacionais pulaban polo seu recoñecemento. Neste escenario, Galicia transitaba pola reivindicación
agrarista, provincialista e rexionalista, poñendo o acento, cada vez máis, en
cuestións identitarias como a lingua. Este é, a trazos moi grosos, o contexto
histórico no que en 1916 nacen na Coruña as Irmandades da Fala, grupos
de intelectuais que tiñan a defensa do idioma como cerna dun ideario que, non
obstante, axiña transcendeu o lingüístico. As Irmandades espalláronse polo país
e tornaron en base para a organización do primeiro nacionalismo que se
recoñeceu a si mesmo como tal. Nacía así o que tamén se deu en chamar
galeguismo e que, hai agora noventa e cinco anos, redactou o seu primeiro
programa político.
A devandita efervescencia política precisaba de
actos de afirmación. Así o entenderon os membros das Irmandades en Lugo, que
propiciaron a convocatoria da primeira asemblea nacionalista. Esta fixouse
para o 24 de outubro de 1918, pero a pandemia de gripe dese ano
provocou o adiamento dos actos ata o 17 e 18 de novembro. Aínda que
tradicionalmente se considerou que os "persoeiros das Irmandades da
Fala" -tal e como se autodenominan no seu manifesto- se xuntaron nos
salóns do hotel Méndez Núñez, no centro da cidade, o investigador Xulio Pardo
de Neyra vén de aclarar
que, realmente, a cita foi no teatro Lugo-Salón, situado na esquina da rúa
Bispo Aguirre coa actual Ronda da Muralla.
Con independencia de que haxa que desprazar 300
metros o lugar situado no imaxinario colectivo, o texto emanado da
"asemblea magna" serve como esquema básico para coñecer as apostas
estratéxicas daqueles galeguistas cuxo ideario aínda é asumido e reivindicado,
en gran medida, polo nacionalismo actual. "Co corazón ateigado de
esperanza" os asembleístas acordaron "fixar nun programa
concreto" as que consideraban como solucións "aos problemas que
interesan dun xeito fondísimo a vida nacional da Galicia". Nun momento
no que observaban o "albeo das nacionalidades" consideraron urxente a
"autonomía integral para Galicia". E como Galicia tiña "todas as
caracterísitcas esenciais de nacionalidade" decidiron "nomearse"
para sempre "nacionalistas galegos, xa que a verba rexionalismo non
recolle todas as aspiracións nin encerra toada a intensidade dos nosos
problemas".
Partindo das parroquias e concellos
Dende o convencemento de que "chegaran" os
"tempos de erguer a alma e o pensamento de Galicia e, sobre todo, a súa
soberanía, completa e sen cativeces", a asemblea debuxaba unha
"Galicia dona absoluta de si mesma" que, "con vontade ceibe",
podería "facer nupcias de amor con outras soberanías, contra as que non
vai nin quere ir a soberanía nosa". Partindo desta base abordaban un
programa que, xusto despois da "autonomía integral", abordaba un
"problema constituínte" que aínda non foi resolto 95 anos despois:
a administración local. A súa proposta asentábase nunha "autonomía
municipal" que distinguía "o municipio aldeán do vilego". Os
primeiros serían "axeitados", á súa vez, "sobre a base do
recoñecemento da personalidade xurídica das parroquias".
As parroquias estarían gobernadas por cadansúa
xunta, "elixida entre os cabezas de familia, homes ou mulleres, para
termaren dos seus bens privativos". Os presidentes ou presidentas
detes órganos serían "vogais natos ou concelleiros da corporación
municipal e nomearán, de entre eles, o alcalde". "Máis que unha
organización de carácter administrativo", os concellos concibíanse como
"unha prolongación ou complemento das parroquias, como estas o son do
fogar, que presidirá a vida económica e social das mesmas".
Tanto os concellos como o resto de organismos
oficiais velarían pola "cooficialidade dos idiomas galego e castelán"
en Galicia, que á súa vez estaría integrada nunha
federación ibérica que tivese "igualdade de relacións con Portugal" e
ingresaría na Liga das Nacións. A asemblea non entraba a tomar partido no
debate de monarquía ou república no estado: "crendo na accidentalidade das
formas de goberno interésanos aclarar que non apelamos por ningunha, mais
simpatizaremos dende logo con aquela que se amose máis doada para chegar á
federación con Portugal", aclaraban. Se "nas eleccións para Cortes
Constituíntes Españolas non se nos dese" unha "garantía excepcional
para que a vontade do pobo poida manifestarse con liberdade (...) apelaríamos
aos representantes" de Euskadi e Catalunya e, "se non abondase",
ao "Estado máis afín ao noso para que na Liga das Nacións se defenda o
noso dereito á liberdade cidadá", advertían.
O primeiro esquema do "poder galego"
Partindo desta base, a Asemblea de Lugo debullou as
competencias básicas que debería ter un "poder galego" no que rexería
a "igualdade de dereitos para a muller" que contaría cun sistema
electoral "proporcional" no que non serían "elixibles os
elementos que non rendan unha función útil para a colectividade". Previo
"acabamento das deputacións provincaisi", o "poder
autónomo" estaría "representado por un xuntoiro ou Parlamento Galego
elixido por sufraxio universal", cuxas normas regularían un amplo abano de
competencias, a comezar por nomear os membros da "Xunta Gobernadora",
poder Executivo galego formado por "un presidente e seis
segredarios", estrutura gobernamental que recoñecía seis consellerías:
Administración, Xustiza, Ensino, Obras Públicas, Agricultura e Industria e
Comercio. A este Goberno corresponderíalle ademais a administración íntegra
de todos os impostos "sen intervención do poder centrla", que
recibiría do Executivo galego "a cantidade que se fixe nos concertos
económicos".
O poder galego sería o encargado de "todas as
funcións administrativas" e da "lexislación social", ademais de
asumir de maneira íntegra a "potestade docente do Estado". A xuízo
dos asembleístas a Xunta Gobernadora tería que "intervir" tamén no
"réxime bancario, pola función social que hoxe teñen os bancos".
Noutras funcións, como a de "correos e telégrafos", o Poder central
daría o servizo pero Galicia controlaría "o servizo de teléfonos".
No caso do ferrocarril, este estaría integramente nacionalizado e, aínda que as
leis básicas serían cousa do Estado, "a súa construción e
administración" tamén sería competencia galega.
A "substantividade do dereito
foral galego", que o último chanzo dos tribunais de xustiza estivese en
Galicia ou a "repoboación forestal forzosa" eran outros dos preceptos
dun programa político que incluía, ademais, aspectos que hoxe semellan exóticos
a un texto destas característias e que, no entanto, aínda non foron resoltos.
Así, por exemplo, a Asemblea declarou que debería ser considerado "un
crime contra Galicia o permanente absentismo dos propietarios da terra".
Ademais, o título sétimo do manifesto dedicábase integramente a unha cuestión
que poucos gobernantes actuais poderían abordar: os "aspectos
artísticos". Así, o 18 de novembro ficou "proclamada" a
"soberanía estética da Nación Galega", que se concretaría nunha
lei que "obrigue os propietarios a axeitar o estilo das súas construción
ao estilo xeral de cada vila galega", na "expropiación dos monumentos
e paisaxes" e na "organización do ensino artístico, coa creación
dunha Escola Musical Galega".
Ningún comentario:
Publicar un comentario