venres, 2 de outubro de 2009

Almoina e Fidalgo: os dous grandes esquecidos da memoria do exilio


Vieiros, 2-10-09

Xurxo Martínez Crespo presenta este venres na Galería Sargadelos de Lugo o libro 'José Almoina&Pilar Fidalgo exilio. Dominicana, México'

José Almoina e a súa muller Pilar Fidalgo son os grandes esquecidos da memoria histórica do exilio galego. Unha débeda que o libro 'José Almoina&Pilar Fidalgo exilio. Dominicana, México', de Xurxo Martínez Crespo, pretende saldar.
Almoina, que naceu na cidade de Lugo, era funcionario de Correos en Benavente cando comezou a guerra. A Fidalgo e a súa filla Helena, con 15 días de nacida, detéñenas en pleno conflito e pasan 10 meses encarceradas. O seu testemuño, escrito en 1937 en Francia e recuperado para este libro en galego, é o primeiro dunha muller sobre as torturas e a represión franquista nos cárceres durante a guerra.
En 1939, Almoina, diplomático da República en Niza, marcha a Dominicana coa súa familia. Alí chegara a ser profesor universitario e tamén mestre particular do fillo do ditador Trujillo e despois, o seu secretario.
A aceptación do posto valeulle a expulsión do PSOE no exilio. Almoina foxe de Trujillo e marcha para México coa súa familia. Durante o tempo que permanece no goberno do ditador, apenas uns meses, realiza un informe secreto sobre as actividades desestabilizadoras de Trujillo en Cuba e Venezuela. Así que chega a México presenta o informe aos gobernos cubano e venezolano.
A súa vida crúzase coa do exiliado vasco, do PNV, Jesús de Galíndez en Dominicana. Galíndez, informante a soldo dos servizos de intelixencia estadounidenses, será secuestrado en Nova York e asasinado en 1956 por Trujillo. A historia, inxusta, fará de Galíndez un heroe e de Almoina un colaborador.
Este libro rompe con ese tópico ao mostrarnos un Almoina que non só xogou a súa vida, senón a de toda a súa familia, fuxindo durante máis de 12 anos dos sicarios do ditador dominicano, até que un día morre asasinado en México por dous pistoleiros cubanos, o 5 de maio de 1960, un día despois de ser atropelado e baleado. As súas derradeiras palabras foron: "Foi Trujillo".

Ningún comentario:

Publicar un comentario