martes, 13 de abril de 2010

No século XIX os tópicos sobre Galicia curábanse viaxando



Este mes hai 170 anos qeu George Borrow puxo fin ao seu lustro de viaxes pola península, xeira que o trouxo tamén a Fisterra pero na que optou por ir máis aló do sentido "máis pexorativo" dos galegos


DAVID REINERO 11/04/2010 - 20:00 h.


“A xeneralidade dos galegos está na miseria, pero a culpa é súa, non da terra”. Sexa ou non certa esta afirmación, non é de Rosa Díez senón que foi escrita hai case dous séculos por un viaxeiro inglés con experiencia directa non só das corredoiras galegas senón do resto de camiños da península. Foi George Borrow, quen en abril de 1840, hai agora 170 anos, deixou para sempre España tras percorrela durante case cinco anos e extraer conclusións como a antedita.

Borrow, Jorgito el Inglés, como sería coñecido na literatura española posterior, veu á Península como vendedor de biblias protestantes e, grazas ao seu lustro de viaxes polas terras de España e Portugal, escribiu o que é considerado o mellor libro de viaxes da época. The Bible in Spain (Londres, 1843), cuxa tradución ao castelán correu a cargo de Manuel Azaña antes de ser presidente da República –ao galego verteuna Salvador García Bodaño para Xerais co título Viaxe por Galicia, 1837–, é un relato romántico da España da época, sumida na primeira guerra carlista, que tivo un éxito de crítica e público inmediato e mundial nada máis publicarse.

Borrow naceu en Norfolk en 1803, polo que cando chegou a Galicia, no verán de 1837, tiña 34 anos. Había xa dúas décadas que coñecera un xitano que marcaría a súa afección polo nomadismo e os idiomas: visitara xa Francia, Alemaña e Rusia antes de chegar á península, o que lle permitiu coñecer unha trintena de linguas, entre elas o caló, e ter un amplo abano de países cos que comparar a súa viaxe galega.

A súa primeira visión de Galicia foi o 10 de novembro de 1935, a bordo do buque que o levaba a Lisboa. Desde el albiscou o cabo Fisterra, que neses anos dobraría varias veces máis en ambos sentidos, algunha delas en plena tempestade, o que o marcaría tanto como para querer visitalo posteriormente, san e salvo, desde terra. Tras desembarcar en Lisboa, Borrow dirixiuse a Madrid, onde instalou a súa base de operacións para distribuír a biblia por España, unha novidade nunha época na que só tiñan difusión os evanxeos e que lle supuxo notables problemas tanto coa Igrexa como co Estado. Tras algún retorno puntual a Londres, de maio a novembro de 1937 desenvolvería a súa viaxe polo noroeste peninsular que ocupa o groso do seu libro, no que á súa vez dedica oito dos seus 57 capítulos a Galicia.

O LOCALISMO GALEGO

Tras pasar por León, Borrow entra en Galicia en xullo por Villafranca del Bierzo e fai un longo percorrido de máis de dous meses que o levaría polas Nogais, Lugo, Betanzos, A Coruña, Santiago, Padrón, Pontevedra, Vigo, volta a Padrón e desde alí a Corcubión e Fisterra. E para dirixirse cara Asturias, tras pasar novamente por Santiago e A Coruña, aínda visitaría Ferrol, Viveiro e Ribadeo.

Borrow tomou nota das impresións que lle causaba todo o que vía (xentes, vilas, paisaxes, idiomas...), pero coidouse ben, máis ca outros, de caer en tópicos. Actuando case como un xornalista, ten a cautela de atribuírlles a outras voces os comentarios máis duros sobre as vilas ou xentes coas que ten contacto, reservándose para si mesmo as consideracións máis positivas ou sinxelamente descritivas. Así, opta por pór na boca dun francés que o acompaña a consideración de que en Galicia “os homes, en xeral, parecen moi rústicos e simples, pero son capaces de enganar o máis listo de París; respecto das mulleres é imposible vivir na mesma casa ca elas, sobre todo se son camareiras e acompañan a señora; non fan máis que mover disensións e disputas na casa, e contar faladurías dos outros criados”.

Igualmente, en Lugo, uns andaluces dinlle que Galicia “é horrible” xa que “non para de chover e un non pode saír á rúa sen meterse na lama ata o nocello”. Pero Borrow presta tamén a palabra ao pousadeiro lucense para responderlles: “Que tacañería a deses andaluces! Veñen sacarlle o xugo a Galicia e moléstalles que un pobre pousadeiro gañe un cuarto vendéndolles o aceite para o gazpacho”. Ante o cruce de acusacións, Borrow respóstalles aos andaluces: “Non vexo por que lles parece tan malo un país que pola súa natureza é o máis rico e abundante de toda España. Certo que a xeneralidade dos habitantes está na miseria; pero a culpa é súa, non da terra”.

Borrow estende esa argumentación dándolle tamén voz a un libreiro de Santiago, que di que “Galicia é a provincia de España que máis riquezas naturais encerra, pero os habitantes son moi lerdos e non saben empregar os dons que os rodean; en proba do que pode sacarse de Galicia, vexa vostede os cataláns que se estableceron aquí: todos ricos”.

O viaxeiro inglés si reserva para si unha impresión que para moitos seguiría vixente a día de hoxe. A do localismo. “En ningunha parte atopei o sentimento localista, moi estendido por toda España, como en Santiago”, chega a dicir, pero pouco despois, en Pontevedra, outro libreiro confésalle que lle importaría “ben pouco que ardese Vigo con cantos mentecatos e bribóns alberga”. Mesmo en Ferrol compadece os seus habitantes por crer que teñen a mellor alameda de España.

Borrow, políglota, tamén dedica frases para o galego, que denomina “dialecto” do castelán e do portugués, aínda recoñecendo que en ocasións se diferencia tanto de ambos idiomas que lle resulta imposible entendelo. “Debe de ser polo acento peculiar e a pronuncia, nova para min, dos galegos, porque a súa lingua está composta case de todo de palabras españolas e portuguesas”. Mesmo fala Borrow dos “cen dialectos de Galicia” para dicir que están moito máis estendidos entre o pobo que o castelán. Así, no caso de Pontevedra di que os seus habitantes “parécenme máis versados en galego que en castelán, pois a maior parte das conversas que escoito na rúa son en aquel dialecto”. Nesa mesma cidade é onde lle falan, e el recolle no texto, do “cura de Fruime”, que morrera 60 anos antes e do que lle din que “é o noso poeta nacional e estamos orgullosos del”. Pola contra, xa na Mariña luguesa, Borrow comentará que “non se fala moito galego por aquelas partes”.

MOITAS MOSCAS E POUCOS CABALOS

O libro, en todo caso, pretende ser unha descrición tanto dos atrancos atopados para difundir a biblia nas nosas terras como dos camiños e cidades da época, ao xeito dunha guía de viaxes confundida ás veces cunhas memorias. E é a eses aspectos aos que Borrow dedica máis atención, sen pretender en ningún caso facer socioloxía.

Así, da nosa terra dise que nela escasean os cabalos xa que o terreo non é propicio para mantelos saudables, polo que resulta máis aconsellable viaxar en mulas, máis fortes. Igualmente, indícase que un dos males da terra, especialmente en verán, que é cando a perecorre Borrow, son as moscas.

En xeral, e pese ás dificultades de moverse en 1837, con boa parte dos camiños cheos de bandoleiros e sen autoridade real polas guerras carlistas, Borrow marcha satisfeito da súa viaxe xa que di que en Galicia atopou “algunhas das máis extraordinarias paisaxes de España”. E iso pese a que nada máis entrar por Lugo atopa o que logo sería unha constante á marxe das cidades: “A maior parte das veces os pobos eran un conxunto de miserables chozas [con] montóns de esterco diante das portas e abundaban os charcos e lameiros [...] enormes porcos pululaban mesturados con rapaces en coiros. O exterior das chozas correspondía coa súa apariencia externa: estaban cheas de sucidade e miseria”. E isto xa non son tópicos. Era 1837.

Ningún comentario:

Publicar un comentario