Galiza
conta cuns 8.000 clubs de alterne ·· Traficar con persoas, principalmente mulleres, para
explotalas sexualmente constitúe o terceiro negocio máis lucrativo do mundo,
detrás do de drogas e armas
MARGA TOJO . SANTIAGO
Galiza converteuse nun dos múltiples destinos do
negocio global do tráfico de seres humanos. Entre os anos 2005 e 2008 a Policía
desartellou na comunidade cincuenta e nove redes dedicadas ao contrabando de
persoas con fins de explotación e detectou 1.847 mulleres susceptíbeis de seren
vítimas destas mafias. No 2009 foron máis de 160, a maioría brasileiras ou
romanesas, que adoitan introducirse a través do aeroporto de Vigo procedentes
de París, Madrid ou Lisboa.
A ONG internacional Save the Children (STC)
denuncia con motivo da celebración, hoxe, do Día Internacional contra a
Explotación Sexual e o tráfico de seres humanos, que España é Estado de
"tránsito e destino" de nenas, nenos, e adolescentes vítima do
comercio de persoas pero o seu sistema de protección á infancia "non está
preparado" para abordar as súas necesidades específicas, afirma a
responsábel de Incidencia Política de Save the Children, Yolanda Román. A
organización afirma que "actualmente o sistema de protección á infancia
non está preparado para identificar os casos, nin abordar as necesidades
específicas das vítimas de trata con fins de explotación sexual menores de
idade". Na súa opinión, estes recursos deberían contar con persoal
cualificado e ofrecer asistencia de tipo psicolóxico, xurídico e social
incluíndo medidas educativas e de inserción laboral, co fin de "reparar os
dereitos das vítimas". A organización calcula que a trata afecta a 2,5
millóns de persoas no mundo, a maioría mulleres e nenas, polo que considera
necesario que institucións públicas e sociedade civil traballen coordinadamente
para lograr coa maior eficacia protexerlles. A pesar de que os perfís das
vítimas poden variar en función das dinámicas das redes de explotación e das
demandas dos clientes, adoitan ser menores ao redor dos 16 anos, de orixe
comunitaria aínda que, en menor medida, se atoparon vítimas menores de idade de
orixe africana.
Pola súa parte, o Goberno central publica un
manifesto co que quere activar a particulares e entidades a "achegar o seu
gran de area" para acabar co terceiro negocio máis lucrativo do mundo só
por detrás do tráfico de drogas e armas. "A trata de seres humanos con
fins de explotación sexual é unha forma moderna de escravitude en pleno século
XXI. É unha vulneración dos dereitos humanos que atenta contra a dignidade das
persoas e ten un claro compoñente de xénero, ao ser as súas vítimas
maioritariamente mulleres", sinala o manifesto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario