Marcas coma Zara, HM, Levi´s, Diesel ou Leecoma seguen
fornecéndose en fábricas de Bangladesh que utilizan o sandblasting, unha técnica
para desgastar vaqueiros que pode ser mortal polo perigo de contraer silicose.
Por Galicia Confidencial | Vigo | 19/04/2012
A Campaña Roupa Limpa, coordinada en Galicia por AMARANTE
SETEM, presenta o novo informe ”Vaqueiros mortais”, que demostra que nas fábricas
de Bangladesh que producen roupa para a exportación ao mercado europeo séguese
utilizando a técnica do sandblasting, unha técnica que pon en grave risco a
vida das persoas traballadoras que son expostas a contraer graves enfermidades
pulmonares, entre elas silicoses.
O sandblasting converteuse no método principal para o
acabado da maioría dos vaqueiros que ofrecen un look “desgastado”. O
envellecemento artificial do vaqueiro conséguese proxectando chorros de area a
alta presión sobre a tea vaqueira.
A investigación de terreo revela que, a pesar de que
moitas marcas internacionais como Zara, HM, Levi´s, Diesel ou Lee prohiban a técnica
do sandblasting nas súas cadeas de produción desde que se iniciase fai un ano a
campaña internacional “Non-sandblasting”, o certo é que non parece que adopten
as medidas preventivas e de seguridade necesarias para que a prohibición
sexa efectiva.
Risco de silicose
O informe descobre que independentemente de se unha marca
prohibiu ou non o uso da técnica do sandblasting séguese utilizando - tanto de
xeito manual como mecánica - nas fábricas de Bangladesh. A investigación
demostra, ademais, que o risco de contraer silicose non se circunscribe só á técnica
manual senón tamén á mecánica, porque non se aplica o chorro de area en
compartimentos perfectamente estancos, a maquinaria utilizada é vella e non
existen ou non se usan os equipos de seguridade necesarios para protexer a
os/as traballadores/as da inhalación de po de sílice.
As persoas traballadoras entrevistadas declararon que
poden chegar a realizar quendas de ata 12 horas ao día en salas cheas de po,
con pouca ventilación e sen protección adecuada de seguridade. Moitas das
persoas entrevistadas sufrían constantes ataques de tose e dificultades
respiratorias. Tamén afirmaron que a miúdo a produción leva a cabo pola noite
para evitar as visitas dos auditores. A maioría coñecía a persoas que xa
enfermaran.
Para cumprir prazos
O informe recolle testemuños de persoas traballadoras que
recibiron instrucións de utilizar sandblasting para cumprir cos prazos esixidos
polas empresas clientes, aínda que estas o prohiban expresamente. O dono dunha
das fábricas declara que lle é imposible cumprir cos deseños demandados sen
recorrer ao uso de sandblasting.
O informe tamén pon de manifesto a falta de atención médica
proporcionada a os traballadores que contraeron a enfermidade en Bangladesh e
as dificultades que existen para conseguir o diagnóstico e tratamento
adecuados, en parte debido á falta de conciencia por parte dos profesionais médicos
á hora de vincular a enfermidade de silicose coa industria de roupa.
Supervisión escasa
Na maioría das fábricas investigadas quedou patente que a
repercusión da prohibición foi irregular, a supervisión escasa e as medidas
adoptadas ata agora foron burladas amplamente. O informe demostra que non basta
coa prohibición voluntaria das empresas para lograr que os traballadores deixen
de enfermar e ata morrer de silicoses.
“É alarmante que a
moda siga cobrándose vidas de persoas traballadoras por desgastar vaqueiros
case unha década despois de que a medicina turca dese a voz de alarma polo
elevado número de casos de silicoses entre as persoas traballadoras da
industria de roupa en Turquía”, dixo Eva Kreisler, coordinadora estatal da
Campaña Roupa Limpa, “as marcas de moda teñen aínda moito marxe de actuación
para erradicar esta técnica e evitar máis mortes”.
Recomendacións
A rede internacional Campaña Roupa Limpa expón unha serie
de recomendacións que tanto as marcas como os gobernos e organismos
internacionais deberían adoptar para pór fin ao uso do sandblasting na
industria de roupa.
Así, as empresas deberían revisar os seus deseños e
prazos de produción para permitir aos provedores cambiar a outras técnicas de
acabado de vaqueiros. Tamén deberían traballar estreitamente cos sindicatos
locais e organizacións de defensa dos dereitos laborais para garantir que a
prohibición respéctase.
Os gobernos dos países produtores deberían prohibir
o uso desta técnica e os da *Unión Europea* deberían introducir unha prohibición
de importación dos produtos que sexan sometidos a sandblasting. Ademais, a
Campaña Roupa Limpa promove que a industria de roupa sexa incluída no Programa
de Erradicación Mundial da Silicose da Organización Mundial da Saúde e da
Organización Internacional do Traballo Internaciona e a posta en marcha dun
programa específico para Bangladesh.
Ningún comentario:
Publicar un comentario