Unicef vén
de facer públicas as cifras da desnutrición que afecta @s nen@s menores de
cinco anos neste continente, cifras que atribúe ''á sequía e á falta de
comida''. Porén, as políticas de austeridade impostas desde o FMI e o Banco
Mundial para cobraren a débeda externa, tiveron tamén moito a ver á hora de
botar embaixo a economía local e afiar a dependencia de alimentos importados,
obviando a soberanía alimentar do pobo somalí
BETI VÁZQUEZ.
Sermos Galiza
A falta de
acceso aos alimentos mata na África subsahariana unha crianza no tempo que
tardamos en contar até trinta. Dúas cada minuto, 114 cada hora, 2.740 ao día...
máis dun millón ao ano.
Segundo o
comunicado que fixo público o fondo das Nacións Unidas para a infancia, Unicef,
máis do 30% d@s pequen@s que habitan esta parte do continente sofre crecemento
raquítico, e non é pola falta de comida, senón por un acceso desigual a ela.
Cadrando co
Día de África, di Unicef que a inseguridade alimentar e a sequía son as causas
principais desta situación, e acrecenta que nun país como Somalia cumprirían
600 millóns de dólares para frear as consecuencias "da falta de
alimentos".
A análise
feita para o territorio somalí é a que adoita facerse para a maior parte dos
países empobrecidos, polo que tomaremos este país do corno de África como
exemplo para afondar das causas da desigualdade no acceso aos alimentos.
Elas
producen, eles venden
Así as cousas, o primeiro que cómpre dicir é que en
África, ao igual que acontece no resto do mundo, mais nomeadamente neste
continente, as mulleres son as responsábeis de produciren a comida. Analizando
tal responsabilidade en cifras, o alimento achegado por elas suporía o 70% do
consumido no territorio.
Porén, e
tamén igual que acontece no resto do mundo, os traballos vinculados á produción
fican invisibilizados, entrementres a comercialización, da cal se ocupan os
homes, é a que ten relevancia no mercado. Son tamén eles os que manexan a
maquinaria e os que posúen acceso á terra --se dispoñen dela adoita chegarlles
por herdanza do pai aos fillos varóns--, á auga e ás sementes.
Comer
trigo e arroz de fóra, tirar o millo e o sorgo 'da casa'
Xa no caso
de Somalia, a intervención do Banco Mundial e do FMI na década de 1980
contribuíu a afiar a crise da agricultura por mor dunha sorte de plan de
austeridade imposta para 'aforrar' o diñeiro necesario que pagase a débeda
externa e que veu reforzar a dependencia de Somalia do gran importado.
En dez anos
a axuda alimentaria multiplicouse por 15 e as importacións comerciais subiron,
polo que os excedentes de trigo e de arroz vendíanse no mercado interno a
prezos máis baixos, provocando o desprazamento d@s produtor@s locais e unha
mudanza nos padróns de consumo de alimentos, en detrimento dos cultivos
tradicionais: o millo e o sorgo, un cereal moi resistente ás sequías.
A
devaluación da moeda local, o chelín somalí, que tamén veu imposta polo FMI en
xuño de 1981, foi secundada por devaluacións periódicas que fixeron subir os
prezos de combustíbeis, fertilizantes e insumos agrogandeiros. A influencia da
'axuda' sen tomar en conta a necesidade de garantir a soberanía alimentar do
propio pobo somalí levou ao empobrecemento das comunidades agrícolas.
As
mellores fincas, para os terratenentes
Ao igual que
no resto dos países empobrecidos --que non pobres-- a historia se repite. As
mellores terras agrícolas expropiáronas os grandes terratenentes e sementaron
nelas os denominados 'produtos de alto valor engadido', isto é, cultivar o que
demanda o mercado.
O Banco
Mundial impón taxas para a vacinación do gando, tomando en conta que o 50% da
poboación do país dedicábase a esta actividade. Emerxeu deste xeito un mercado
privado de medicamentos veterinarios tornándose nun luxo privado a sanidade dos
animais. E todo isto aderezado coa ausencia de alimentación de emerxencia para
o gando cando a sequía asomaba.
A auga tamén
se converteu nun negocio. Semella unha conquista que vén de vello, mais o
acceso a auga potábel non foi dereito universal até 2010, cando Nacións Unidas
deu luz verde á proposta do presidente de Bolivia, Evo Morales.
Con tal
panorama, @s pastor@s que participaban do sistema de intercambio tradicional
--produtos agrícolas por produtos gandeiros, sen cartos polo medio-- foron
desaparecendo, deriva que o BM viu positivo ao considerar o pastoreo nómade
causa principal da degradación ambiental no territorio somalí.
Nos EUA
dánlle ao gando a comida de 800 millóns de persoas
Dúas
anécdotas sobre a importancia dos hábitos de consumo para combater a fame e o
doados que aqueles son de mudar: en Senegal non vai frío dabondo para producir
cebola, mais a colonización francesa deixou como pegada que os dous pratos
típicos deste país leven cebola.
E após a
ditadura en Nicaragua, o goberno sandinista viuse na obriga de encargar unha
canción, Los hijos del maíz, para re-educar a poboación no consumo de
millo; só comían pan porque os EUA vendían o trigo moi barato.
Por
derradeiro, cómpre sinalar que informes elaborados polo entomólogo da
Universidade de Cornell apuntan que o cereal que come o gando nos Estados
Unidos de América abondaría para alimentar 800 millóns de persoas, dos 1.000
millóns que se calcula que non teñen que levar á boca. O problema da fame
ficaría resolto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario