venres, 7 de maio de 2010

Un galego, o "último en deixar de combater" no asalto á Moncada


Sotelo Blanco presenta hoxe a biografía de Julio Trigo, un dos emigrantes do país que participaron no agromar da revolución cubana

MARE

O "último que deixou de combater" no asalto ao cuartel de Moncada, en Cuba, en 1953, dirixido por Fidel Castro, Raúl Castro e Abel Santamaría, contra a ditadura de Batista. Un home que morreu "pola revolución, o antiimperialismo" e a fin da corrupción. Así define Pedro Trigo a seu irmán Julio, un dos galegos que participaron no agromar da revolución cubana, e cuxa biografía, escrita polo historiador Eduardo Milián e editada por Sotelo Blanco, se presenta hoxe.

Julio Trigo López, un mártir galego no Moncada é o título deste libro, que Pedro Trigo, Gustavo Luca de Tena (membro da Asociación Gallego Cubana Francisco Villamil), e o editor Olegario Sotelo Blanco darán a coñecer hoxe ás cinco da tarde na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela. "Mentres me quede unha bala, non vou deixar de combater". Así respondeu Julio Trigo ás ordes de retirada de Abel Santamaría no asalto de Moncada, segundo conta seu irmán. "Non quero que a miña vida sexa inútil", dicía. O autor, Eduardo Milián, dedicou trinta anos a recoller información sobre Julio Trigo. "Son estes heroes anónimos", -como o protagonista do libro-, "os que demostran que a partir da emigración é posible poñer en práctica uns ideais de xustiza social", salienta o editor no libro.

Julio, fillo de galegos emigrados en Cuba, tomou conciencia sobre o abandono ao que estaban sometidos os enfermos pobres durante o seu ingreso no sanatorio La Esperanza, nos anos 40, e participou nas protestas dos pacientes.

No 1952 Fulgencio Batista deu un golpe de estado co que impuxo unha ditadura. Con el, a corrupción que o precedera seguiu, así como a desigualdade e o enriquecemento da oligarquía. Un grupo de mozos desligouse do Partido do Pobo Cubano (Partido Ortodoxo) e, inspirados no pensamento de José Martí, organizáronse militarmente. Julio e Pedro ingresaron na Xuventude Ortodoxa, e chegarán a participar no asalto de Moncada: Julio baixo as ordes de Santamaría, na retagarda no Hospital Civil. Frustrado o asalto, foi capturado, torturado e asasinado polos soldados de Batista.

Ningún comentario:

Publicar un comentario