HÉCTOR J.
PENA 27/10/2010
O salón de
actos do Instituto de Estudos Padre Sarmiento acolle hoxe ás 20.00 horas a
proxección do documental Las manos en la tierra. A película, producida por
Aceituna Films e dirixida por Virginia Martínez, conta a historia dos traballos
de escavación que desenvolveron un grupo de arqueólogos da Universidade da
República de Uruguai en xuño de 2005, cando entran por primeira vez na historia
do país nun cuartel militar, co fin de atopar os restos dunha serie de
represaliados durante a ditadura uruguaia, que tivo lugar entre 1973 e 1985.
Á proxección
asistirán José López Mazz, arqueólogo da Universidade de Uruguai e director das
escavacións reflectidas no documental; Lourenzo Fernández Prieto, director do
proxecto Nomes e Voces, e Felipe Criado Boado, director do laboratorio de
patrimonio do CSIC. Despois da proxección terá lugar unha charla-coloquio entre
estes persoeiros e o público asistente.
A MEMORIA
ERA IMPENSABLE
Os doce anos
de ditadura militar en Uruguai estiveron marcados pola prohibición dos partidos
políticos, a ilegalización dos sindicatos e os medios de comunicación e a
persecución, encarceramento e asasinato dos opositores ao réxime establecido
por Bordaberry no ano 73. A Comisión Uruguaia Para a Paz recolle no seu informe
final que durante a ditadura, nas cadeas uruguaias morreron un cento de persoas
e houbo máis de 174 detidos desaparecidos. Porén, no 2005 admitiuse a
posibilidade da existencia de restos de detidos desaparecidos, de aí a
existencia de Las manos en la tierra.
“O proxecto
elaborouse nuns dous anos, xa que obtivo o permiso do Ministerio de Defensa
bastante rapidamente”, sinala Virginia Martínez, directora do documental. “Non
obstante, isto foi posible pola situación política do país, xa que antes do
ascenso á presidencia de Tabaré Vázquez era algo impensable”, engade a
cineasta. As escavacións do equipo comandado polo tándem Martínez-Mazz, para o
que contaban con tan só dous informes previos, marcaron un antes e un despois
na historia do país suramericano. O traballo arqueolóxico foi seguido con
enorme interese pola sociedade e os medios de comunicación uruguaios.
Días despois do inicio das escavacións atopáronse uns restos
que, tras o análise do ADN, resultaron ser do obreiro do metal, dirixente
sindical e militante comunista Ubagesner Chaves Sosa. En 1976 fora secuestrado
e dado por desaparecido. Transcorridas tan só unhas semanas dende o primeiro
achado, o equipo descubriu a foxa na que estaba Fernando Miranda, profesor de
Dereito Civil na facultade da Universidade da República e destacado militante
comunista. “A fita presenta bastantes paralelismos co caso español, pero hai
que ter en conta que en América estamos á vangarda nos temas de memoria e
xustiza”, conclúe Martínez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario