martes, 30 de agosto de 2011

Símbolos galegos ‘made in America’


A emigración contribuiu a divulgar e popularizar as tres iconas que representan a identidade da nación e que a Real Academi aGalega validou: a bandeira, o himno e o escudo
DANIEL PRIETO 25/07/2011 - 20:00 h.
ALei de Símbolos de Galicia de 1984 establece as tres iconas que representan a identidade “como nacionalidade histórica” de Galicia: a bandeira, o escudo e o himno. Tres elementos que “gozan do recoñecemento da sociedade, o que precisamente os converte en símbolos”, explica Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega. A elección destes tres compoñentes “é preciso encadrala no contexto histórico do nacemento de símbolos nacionais en toda Europa a fins do século XIX”, indica Villares, quen define este proceso como unha “obra magnífica dos rexionalistas finiseculares”. De feito, o entusiasmo na consolidación do himno e a bandeira partiu do colectivo da emigración en América, que se encargou de divulgar e popularizar estes distintivos, se ben a autorización para fixalos recaeu na Real Academia Galega.
“Na colectividade galega xerouse unha especie de comercio da nostalxia de todo o que procedera de Galicia, e en parte pódese dicir que somos unha especie de reformulación americana”, sostén o historiador Miguel Anxo Seixas. “A Cruz do Apóstolo, a campaña para facer un Colón galego, a lenda do Monte Medulio e a mitificación de Pardo de Cela como liberador de Galicia” son algunhas das ideas que, segundo Seixas, agromaron nese contexto.
A propia bandeira branca, defendida por Manuel Murguía nun artigo de 1887 como “símbolo de pureza”, apareceu descrita por primeira vez, tal e como é hoxe, na revista El Eco de Galicia de Bos Aires en 1898, recollendo unha información publicada antes no xornal compostelán El Eco de Santiago.
Murguía avalou a “colgadura” branca pola súa presenza na tradición xacobea e polo emprego que dela fixo o Batallón Literario. Ademais, unha carta que Curros Enríquez enviou a Murgía en 1906 sobre o estandarte revela a autoridade na materia deste último, xa que “en ausencia de institucións propias, é o referente patriótico de Galicia”. E é que a necesidade do emblema pon de manifesto “a urxencia do mundo societario americano de ter símbolos identitarios que os singularicen”. Así o recolle o libro Os símbolos de Galicia, publicado en 2007 pola Real Academia Galega (RAG) e o Consello da Cultura Galega (CCG). “A simboloxía e outras moitas iniciativas fundacionais seguen sempre o mesmo camiño: parten de Galicia e promóvense e popularízanse en América”, indica a publicación.
Coa creación da Real Academia Galega, en 1906, consolídase a bandeira actual, grazas ao prestixio que a institución vai obtendo da man do seu primeiro presidente, o propio Murgía. A franxa azul aparece co traslado dos restos de Rosalía de Castro en 1891, e supera as críticas dos “sectores máis reaccionarios”, que aducen que a súa orixe se confunde coa da Comandancia da Coruña, “o que é totalmente falso”, revela o académico Xosé Luís Axeitos, coautor xunto a Xosé Ramón Barreiro do capítulo dedicado á bandeira d’Os símbolos de Galicia. “Xerouse un debate sobre se debía de ser toda branca ou levar a franxa azul, pero o apoio crucial das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos lexitimou a bandeira actual”, asegura Axeitos, que revela que a bandeira máis antiga que se conserva é a que se conserva na sede da Real Academia Galega, na Coruña, que cubriu o féretro de Curros Enríquez en 1908 no seu traslado de Cuba a Galicia.
E se o papel da emigración foi determinante para definir a bandeira non o foi menos á hora de configurar o Himno de Galicia, que conxuga o poema Os pinos de Eduardo Pondal cunha composición musical de Pascual Veiga. E é que foi interpretado por primeira vez en 1907 na Habana. Curiosamente, a letra do himno pode ser cantada con diversa extensión. “Isto responde máis ben a unha cuestión práctica, pero pode ser fixada politicamente”, afirma Ramón Barreiro. “O Himno Galego é moi longo e por iso se pode acurtar. Os xogadores da selección española de fútbol, aínda que gañaran o Mundial, non poden cantar o español porque non ten letra”, engade.
No tocante ao escudo, presenta un cáliz de ouro cunha hostia de prata nun fondo azul e sete cruces recortadas, para identificar as sete antigas provincias do antigo Reino de Galicia. O primeiro escudo que representou as armas do Reino de Galicia recóllese nun armorial do século XV. Segundo Ramón Villares, a elección do graal responde “a unha forte compoñente relixiosa que, segundo o experto en heráldica Eduardo Pardo de Guevara, ten moito que ver coa cidade de Lugo”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario