Amosando publicacións coa etiqueta emigración galega. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta emigración galega. Amosar todas as publicacións

xoves, 4 de abril de 2013

José Almoina, o exiliado galego ó que ninguén lembra


Intelectual galego asasinado polo ditador dominicano Trujillo. Figura minusvalorada, tanto política como culturalmente, está sendo obxecto dunha fonda revisión historiográfica.
Por Marcos Gándara Costa | Galicia Confidencial | 30/03/2013
Nunha terra de emigrados insignes como é Galicia, non todos reciben o recoñecemento que se merecen. Probablemente José Almoina sexa un bo exemplo de elo. A súa controvertida figura está a cabalo entre o descoñecemento e a repudia, polo que sen dúbida, é merecedora da revisión historiográfica da que nos últimos anos é obxecto. Mención especial ó respecto merece a obra do historiador Xurxo Martínez Crespo, ”José Almoina, Pilar Fidalgo:  Exilio. Dominicana. México”, na cal se comeza a desfacer a lenda negra que rodea a persoa deste eminente exiliado galego, e se nos presenta a súa incrible historia, digna dunha superprodución cinematográfica ou da máis revirada das novelas.
Este intelectual, nado en Lugo, republicano, masón e ligado ó partido socialista viviu unha vida de fuxida continua. Tras realizar os seus estudos de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, trasladaríase a Zamora en 1931 onde exercería como funcionario de correos, ademais de traballar activamente no mundo da cultura. Sen embargo, a súa traxectoria comezaría a torcerse có inicio da Guerra Civil, e cá posterior persecución iniciada polo bando nacional contra o “inimigo”, do cal formaba parte. Esta foi a primeira vez na que Almoina tivo que escapar, deixando atrás a súa muller, Pilar Fidalgo, embarazada de 7 meses, pensando que non corría ningún perigo. Pero a crueldade da maquinaria represiva bélica non entendía de tales sutilezas, polo que foi encarcerada. Trala súa posta en liberdade fuxiría xunto có seu marido a Francia, onde relataría as súas esgazadoras vivencias, publicadas baixo o título “Unha xove nai nas prisións franquistas”, obra que constituíu o primeiro testemuño directo dunha muller sobre represión franquista.
Tras esta dura experiencia, e en vista da máis que probable invasión nazi de Francia, a familia decidiu partir cara ás Américas. As opcións eran reducidas, xa que practicamente só México e República Dominicana estaban dispostos a aceptar a chegada de republicanos españois nun contexto internacional tan delicado. Almoina decantouse por un réxime brutal como o de Trujillo, do cal, pouco se sabía do noso lado do Atlántico. Chegados a este punto, é preciso explicar os motivos da interese do ditador dominicano en recibir este tipo de continxente humano. As razóns son varias. Por unha banda, tralo conflito con Haití, Trujillo tiña o claro obxectivo de mellorar a súa danada imaxe internacional. Do mesmo xeito, e debido o seu coñecido rexeitamento polas xentes de raza negra, buscaba “branquear” a poboación da súa pequena República, e o mesmo tempo e sendo posible, absorber talento, polo que a intelectualidade republicana que fuxía de España era todo un filón. Almoina cumpría todas esas condicións, ata tal punto que tras pasar por diversos cargos de responsabilidade ligados ó mundo da cultura, acabou sendo o titor persoal do descarriado fillo de Trujillo, Ramfis, e finalmente o Secretario Persoal do propio ditador. A aceptación destes cargos valeulle para que se comezase a tecer ó seu redor  unha espesa aura de colaboracionista, da que nunca foi capaz de desprenderse, e pola cal sería expulsado do partido ó que pertencía, o PSOE.
A súa imaxe quedaría fondamente danada, e nin sequera as notables actividades que realizou en contra da ditadura foron quen de resarcila. Nese sentido, na súa defensa é preciso esgrimir a imposibilidade de dar un non por resposta a un personaxe sanguinario como era o megalómano gobernante do país caribeño. Só existían dúas posibilidades, con Trujillo ou contra el, pero Almoina tiraría pola vía do medio.
Ata aquí a versión “oficial” máis ou menos encaixa. Sen embargo,  agora coñeceremos ó verdadeiro Almoina. Durante este período, polas súas mans comezou a pasar numerosa documentación oficial que lle descubriu que non era ouro todo o que relucía no goberno da illa. A súa opinión sobre Trujillo, ó cal estaba agradecido por acollelo, comezou a mudar. Debía garantir a seguridade da súa familia, pero non podía quedarse de brazos cruzados ante as brutalidades e inxustizas que observaba día a día. Así, argumentando motivos de saúde, en 1946 renunciou a todos os seus cargos, e exiliouse cá súa familia en México. Tras elo, o réxime observaríao con lupa para sempre. O lucense sabía que estar fora do país non lle outorgaba unha seguridade total, pero aínda así, só un ano despois, remitiría o seu “Informe Confidencial” as embaixadas de varios gobernos nos cales o ditador de Dominicana tiña a intención de intervir, ben directa ou indirectamente, con especial interese en Cuba e Venezuela.  Almoina era consciente de que as potencias vencedoras na Segunda Guerra Mundial non ían realizar acción algunha contra gobernos ditatoriais como os de Franco ou Trujillo, polo que el mesmo tomou cartas no asunto. Descontento cá pouca difusión do seu informe, en 1948 escribirá “Una satrapia en el Caribe, historia puntual de la mala vida del déspota Rafael Leónidas Trujillo”,  obra publicada en México baixo o pseudónimo de Gregorio Bustamante, na cal realizará a máis detallada acusación contra a o réxime de Trujillo ata ese momento.
Para a realización de dita obra, o intelectual republicano modificou premeditadamente a súa escrita, consciente de que se convertera nun sospeitoso habitual do réxime do “Chivo”, como tamén era coñecido o ditador. Do mesmo xeito, en 1950, e por consello da esposa do gobernante militar, María Martínez, cá cal tiña unha excelente relación, e en nome da cal escribiu o libro “Falsa Amistad”, (A lenda urbana di que as iniciais do título agochan ó verdadeiro autor da mesma, “Fue Almoina”), o ex secretario realizou un compendio de louvanzas baixo o título “Yo fui secretario de Trujillo”, có obxectivo de lavar a súa imaxe, eliminando sospeitas, e mostrándose como un fiel servidor do home que o acolleu. Sen dúbida, máis carnaza para os seus críticos.
Sen embargo a maquinaria do réxime xa se puxera en marcha. Neste punto emerxe a figura doutra personaxe controvertida, que se converteu case no “alter ego” de Almoina. Este non foi outro que  o vasco peneuvista, Jesús de Galíndez, do cal a posteriori se descubriu que traballaba para o servizo de intelixencia dos Estados Unidos, e cuxa vida foi levada ó cinema e a literatura. A súa relación con Almoina nunca foi demasiado positiva, ata o punto de que moitos din que el foi quen advertiu ó réxime da posibilidade de que detrás de Gregorio Bustamante, se agochase o propio intelectual galego. Algúns din que só porque cumpría có seu traballo, mentres que outros opinan que o vasco, ferventemente católico, non podía aturar a masonería do lucense. 
A pesar de elo, sería o propio Galíndez quen acabase asasinado antes, a mans dos sicarios do réxime, que o foron a buscar ata Nova York. Tras abandonar a República Dominicana, o por aquel entón, profesor da Universidade de Columbia, publicou unha obra moi similar a de Almoina, titulada “La era de Trujillo”, na que tamén levaba a cabo unha forte crítica contra o réxime de “Chapita”, alcume có que tamén se coñecía ó ditador pola súa costume de autoimporse medallas que lucía con orgullo no seu uniforme. A diferenza de Almoina, Galíndez considerábase a salvo nos Estados Unidos, mentres que o galego era consciente do risco que corría tanto el, coma a súa familia. Almoina ía ter un exemplo máis de cómo Trujillo actuaba ante o que el consideraba unha traizón a súa persoa. Así, en 1956 o que fora delegado do PNV no goberno do exilio, foi raptado no metro do país mais poderoso do mundo, e levado a forza a República Dominicana onde foi asasinado. Por máis que as autoridades llo garantisen, como ía estar seguro Almoina en México? 
A súa sorte xa estaba botada, e el era ben consciente de elo. Así, tras un primeiro intento de atentado, uns pistoleiros cubanos a soldo do réxime dominicano daríanlle morte en 1960 nas rúas de Cidade de México. Curiosidades do destino, só un ano máis tarde sería Trujillo o que acabaría asasinado a balazos. Sen embargo, como dicíamos, a súa figura segue sendo analizada a través dun halo de desconfiaza, que difumina toda a labor realizada por este gran loitador, sempre a sombra dun Galíndez que é visto como un heroe, e ante o que Almoina non parece máis que un aproveitado. En palabras do historiador Xurxo Martínez Crespo, “Almoina é un perdedor por partida dobre. Perde a guerra, e no exilio dominicano vese na obriga de aceptar ese cargo por protexer a súa familia”. Só na nosa man está evitar que sume una derrota máis a súa fonda bagaxe, tentando conseguir que lle gañe a batalla ó tempo e a historia, para que sexa recordado como o que foi, un home xusto e honrado, que se puxo en perigo por loitar no que cría.

venres, 14 de decembro de 2012

“A emigración da muller é unha expulsión, unha viaxe ao abismo”


Alberto Ramos | @alberto_ramos Praza pública
Margarita Ledo vén de presentar en Cineuropa A cicatriz branca, un filme de ficción con base documental no que se retrata a emigración da muller galega na década dos cincuenta. Interpretada por Eva Veiga, Xabier Deive, Lino Braxe ou Tamar Novas, a fita mestura escenas ficcionadas con elementos e documentos reais para retratar unha parte esquecida da nosa propia historia: a emigración feminina. “Unha emigración que era unha expulsión, unha emigración sen retorno e que está absolutamente sen tratar”, explica a propia Ledo.
A cicatriz branca xa se se puido ver en Cineuropa e noutro pase na Coruña. Como foi a reacción do público?
De momento foron dous públicos diferentes, aínda que cunha motivación moi directa sobre a película. Por unha banda, está o público de Cineuropa, que é moi cinéfilo e está moi aberto a todo tipo de modificacións da linguaxe cinematográfico. Pola outra banda, o público do Teatro Rosalía de Castro estaba formado por uns espectadores convocados polo Día Internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres. Este era un público menos cinéfilo, a excepción dun grupo de críticos que acudiu ao pase. Polo tanto, son lecturas moi diferentes da película. A min dáme a sensación de que as mulleres entran moi axiña porque este filme esta feito dende o feminino e, polo tanto, prodúcese inmediatamente unha sorte de empatía. Ese é quizais o público modelo que busca, un público que capte un fenómeno que é central para explicar o que foi este país durante o século XX. Ese fenómeno é a emigración, pero dende a posición, a vivencia e a ollada das mulleres emigradas, que sempre foi un tema non tratado e ignorado.
Falta unha análise histórica e social polo miúdo da emigración feminina? O imaxinario colectivo quizais só tivo en mente a marcha do home? Pregunto porque hai imaxes que nos representan a emigración dende un punto de vista simbólico como a foto de Manuel Ferrol, onde se ve a ruptura familiar por parte do home, pero non hai presenza feminina.
A iconografía ten que ver sempre cun home que marcha. Despois están as viúvas dos vivos... Realmente, movémonos con tres ou catro cuestións no noso propio imaxinario que, evidentemente son certas, pero que ao tempo ocultan e exclúen a outra parte, a emigración da muller. Sobre todo, da muller que marcha soa. Hai moitas diferenzas entre a emigración da muller e do home. Unha das principais é que a emigración feminina nunca ten retorno, sobre todo se a muller non casa. A emigración para a muller é sempre unha expulsión. En que sentido? Pois mire, había moitísimos casos nos que a muller tiña que marchar por mor dunha agresión sexual. Pola agresión en si mesma ou porque o agresor non podía ser acusado publicamente por cuestións sociais. Por exemplo, persoas vencelladas á Igrexa católica. Iso producía a expulsión da muller, era mandada fóra para que nunca se soubese nada. Despois, evidentemente, están os motivos económicos e de subsistencia que obrigan a emigrar. Nese caso, o retorno só se podería producir se era triunfante. E triunfante implicaba un marido. O triunfo que marcaba o regreso, en moitos casos, era simplemente estar casada, volver cun marido. En calquera caso, a emigración para a muller era unha viaxe ao abismo. E, en moitos casos, tamén se producían feitos como a incorporación da muller emigrada ás redes de trata, mesmo por parte de familiares. Ese caso concreto, esa incorporación ás redes de trata, é un fenómeno que seguimos en presente con outras emigracións. Tamén pasou no caso de Galicia.
Na película hai varios tipos de mulleres emigrantes. Por un lado, vemos a personaxe de Eva Veiga, quen chega a Arxentina para traballar para unha familia. Polo outro, vemos unha serie de mulleres xa instaladas en Bos Aires, nun tecido social da diáspora, cunha actividade determinada e unha forma de actuar como colectivo. Eses dous modelos  son prototípicos  no conxunto da emigración á América?
Ese tipo de tecido social deuse máis en Cuba, si... Mais iso non quita que Bos Aires sexa clave, obviamente. E por que é clave? Porque é o lugar esencial do noso imaxinario cando pensamos na emigración a América. Sobre os prototipos e as relacións dos emigrantes... A min interesábame sobre todo analizar, dende un punto de vista de xénero, o paso da servidume total, do traballo de mucama, a un traballo asalariado. Ese era un paso de xigante, porque era un paso cara ao espazo público. Ese é o paso que dá Merce [personaxe de Eva Veiga no filme], quen pasa de traballar de mucama a empregada dunha fábrica. En Arxentina vívese nese momento unha época na que se lles abre o traballo industrial ás mulleres. Mulleres que non foran a escola, pero si aprenderan a coser. As emigrantes, mucamas ou non, sabían coser e así entraron nas fábricas de cremalleiras, de bañadores, de roupa... Había moitísima emigración de mulleres galegas que entraba no sector. Iso está por un lado. Despois, pola outra banda, tamén temos a presenza da emigración que foi tomando conciencia antes, nos anos trinta, no momento da loita en favor da república. Aí Bos Aires é a capital central de defensa do ideal republicano. Esa emigración xa instalada é a que forma parte desas federacións de sociedades, dese tecido da diáspora. Na película, unha desas mulleres que tomaron conciencia é a personaxe de Nélida que é quen atopa na estación da Constitución a Merce tirada, esperando sen saber a que, perdida despois de ser despedida. Entre elas xorde esa corrente, esa conexión entre as persoas emigrantes, que se saben recoñecer entre elas de forma inmediata.
Na película, polo tanto, a protagonista vive unha dobre incorporación. Por un lado, ten que superar o desarraigo e incorporarse a un país que non é o seu. Despois, a segunda incorporación, tamén moi dolorosa e complicada pola época, é o da incorporación ao mundo laboral, á manufactura, á industria...
Exactamente. E hai moitas claves que nos fai ver a película tamén en presente. Por exemplo, hai unha escena na estación de la Constitución de Bos Aires. Esa estación era a onde chegaban os emigrantes galegos da época, pero agora chegan tamén outras migracións diferentes. Segue sendo o punto de encontro de todos os que veñen dos arrabaldes á urbe para traballar, para buscar a vida. Nesa escena, nós non cubrimos os carteis electrónicos, deixámolos tal e como están na actualidade. Ese é un sinal que está aí, como outros moitos, para poder ler a película en presente. No caso de Merce, hai unha serie de transformacións que vai vivindo  nese proceso de incorporación, de paso entre a servidume e o traballo industrial. Ela fai o que faría calquera emigrante, é dicir, acepta casar, pero ao tempo vai máis alá e vai desenvolvendo un proceso de localización do seu propio corpo e do seu propio desexo. De entrada, faino con culpabilidade e, despois, acaba por tomar unha serie de decisións. Todo iso reflicte a evolución das mulleres da emigración, cando abandonan a servidume, cando dan un gran paso cara adiante e entran no espazo público.
A cicatriz branca racha coa súa filmografía anterior. Nesta película, mestúrase a ficción e a base documental, mais o gran protagonismo recae nun argumento ficcionado. Por que ese cambio de rumbo?
É todo un proceso. Comeceina a traballar como documental e, de feito, saíu en paralelo un documental, que se chama Apuntamentos para un filme, no que saen relatos de moitas mulleres que serviron para a construción do guión. Por que esa aposta pola ficción? Pois por diferentes motivos. Por exemplo, os lugares esixíanme ficcionalización, porque todos eran lugares esplendidamente cinematográficos no sentido máis liso. Estaban tocados cun aquel e realmente eran escenarios. O psiquiatrico de Castro... É un escenario monumental... Ese lugar foi construído nun principio como lugar de repouso, coma un balneario. Ideouse con ese obxectivo, mais acabou por se converter nun dos lugares máis duros da historia da medicina da Galiza. Detrás desa aparencia de calma, no seu interior, residía o horror total. Ou o cuarto de Castelao, que fai de habitación de Merce na película... Hai moitos lugares que esixen e precisan a ficción.
Teñen ecos tan fortes, que facía falla poñer personaxes que foran acompañados por eses ecos, por eses lugares. Reclamaban, polo tanto, unha reconstrución que só lles podería dar a ficción. Todo o proceso foime levando cara á ficción e, por outra banda, recolléranse tantos datos, tantas historias, tantas vidas diferentes ao redor das mulleres da emigración que non tiña xeito de enfialos todos nun documental. Se eu me pasara tres anos con todas aquelas mulleres alá, en Arxentina, falando con elas, convivindo con elas... Seguramente podería ter feito un documental, pero en cada paréntese de tempo, cada vez que marchaba de alá, aparecía a ficción. Xurdía así o camiño cara unha película de ficción, pero cunha base documental.
Por que elixiu a Antón Moreda para convertelo na personaxe masculina da película? Por que el?
Eu en Porta blindada fixen a súa historia no manicomio e as causas que o levaron ali. É unha novela de base documental... E podería ser unha reportaxe  novelada. Entón no momento en que a historia se ía desenvolvendo, aparecía a parte americana de Moreda. El chegaba alá no ano que morría Castelao, chega na década dos cincuenta, momento no que se sitúa a película. El está no que chamaba a Galicia ideal, cunhas sociedades en acción, cun programa como Galicia Emigrante emitíndose. En Moreda hai dous motivos para o trastorno. O primeiro é a frustración política acó, cando retorna e sofre o abandono por parte dos seus camaradas. O segundo é un choque emocional. Aí tiña o personaxe masculino feble que me interesaba e, ademais, el tiña unha relación clara coa emigración. El traballaba moito nas federacións. Respondía a un dos dous prototipos de emigrantes que hai. Están os que traballan, traballan e traballan por unha banda e, pola outra, os que queren que as cousas vaian para adiante, os que axudan a crear un tecido...El estaba nas federacións, daba clases, ensinaba a bailar, era moi activo. Moreda morreu cando comezaba a filmar a película. Visiteino en Nadal de 2009 para comentarlle aspectos da fita e, despois, el mándame un último correo xa a comezos de 2010. En febreiro recibo unha chamada da Deputación de Lugo e dinme que morrera Moreda... É un elemento que se mete no filme.
Era imperativo daquela que aparecese?
Claro, obviamente. Xa que non está aquí e non chega ao final do filme, aparece no filme. É unha película que lle gustaría. A el gustaríalle moito o seu papel nel.
Na presentación da fita na Coruña comentaba que a muller sufría unha exclusión no ámbito do cinema. Que aspectos son máis relevantes desa exclusión?
Eu nese momento falaba dende o punto de vista dos estudos fílmicos que se abordan dende unha perspectiva de visibilización e de deconstrución de prototipos e de estereotipos. Nese senso, tanto a nivel de personaxes, temático, de tratamentos como a nivel directamente cuantitativo hai unha exclusión moi forte. Este fenómeno nótase principalmente nas tarefas duras de produción. É nese apartado onde traballan as mulleres. Iso pasa sempre. Na medida en que os lugares van entrando en crise, os homes pasan a outra cousa, a evadir capitais, e as mulleres pasan a xestoras. O traballo durísimo e cotiá pasa á muller e o de representación, a voz do poder, segue a estar masculinizado. E o peor de todo é que hai homes que non saben que son machistas. “Pero se estades traballando”, pensan. A idea que o home ten da liberación da muller segue a ser que traballen para el. Hai unhas mentalidades moi deformadas... Despois temos que ter presente que hai machistas ideolóxicos e evidentes e por outro lado temos os homes que non saben que son machistas.
Son eses máis perigosos?
Si, na medida en que aí o combate é durísimo. Pola nosa parte resulta difícil decatarnos. No mundo do cinema pasa iso.
Agora mesmo hai dúas mulleres propostas para a vacante que hai no plenario da RAG. Despois de todo o que se falou da muller na Academia e do manifesto d'O xogo das cadeiras, que haxa dúas candidatas significa un paso adiante?
Mire, resulta moi difícil que máis de cen anos sexan solventados en dous ou tres anos. O proceso de materialización do cambio é lento, porque as academias son institucións cunhas normas e un número pechado. A nivel cuantitativo nunca me preocupou o tema. O que si me preocupaba é que se consolidase a política centenaria, por dicilo dalgún xeito. O feito que acaba de mencionar vostede, que haxa dúas mulleres como candidatas, a nivel simbólico é moi importante. Iso quere dicir que todo o que se require está representado por dúas mulleres. Poderíamos dicir perfectamente que todas as prazas poderían ser de mulleres.
As necesidades actuais da Academia cubriríanse perfectamente con estas candidatas?
Exactamente, a nivel simbólico quere dicir iso. Podería ser que toda a Academia estivese formada por mulleres
E cumpriríanse as súas funcións perfectamente? Quizais mellor?
Eu digo que mellor [Ri]. Si, eu creo que mellor. Este momento ten un valor moi importante, implica que é difícil dar un paso atrás. É un paso cualitativo, que sempre me preocupou máis. É unha decisión que tomou a Academia e un paso cualitativo que deu.

sábado, 10 de novembro de 2012

As Fillas de Galicia, un artigo de Cristina Corral


Hai máis de un século @s galeg@s fomos pioneir@s no que a emigración se refire. As nosas fotos despedindo a familiares que ían "facer as Américas" nos portos de A Coruña e Vigo deron a volta ó mundo. De alá nos chegaban noticias de grandes fortunas acadadas a forza de traballar duro, a recompensa a un gran esforzo. Pero sabemos en profundidade cal era a vida das mulleres emigrantes? A que se adicaban?
Por GC Tendencias | A Habana | 03/11/2012
Do mesmo xeito que miles de mulleres chegan hoxe en día a España procedentes dos seus países de orixe, crendo facer unha viaxe desde o mundo da miseria e a precariedade para por fin obter unha recompensa ao traballo que realizarán ao cruzar as nosas fronteiras, durante os anos de emigración galega e posteriores á instauración da República en España, moitas galegas tamén se embarcaron cara a América. Como cifra orientativa, nos rexistros oficiais figuran nos portos galegos un total de seiscentos un embarcos de mulleres entre os meses de marzo, abril e maio de 1915. Pero sorprendentemente o 9 de abril dese mesmo ano aparece unha regulación especial do Consello Superior de Emigración para todas estas buscadoras do seu soño americano, dirixida ao inspector de emigración de Vigo dicía o seguinte: "que ata nova orde, resolva e permita o embarque, segundo crea procedente e baixo a súa responsabilidade...". Detrás desta advertencia, oficializábase a voz de alarma: ao chegar aos seus destinos moitas destas mulleres eran captadas por intermediarios de inmigrantes que se facían pasar polos seus mozos ou familiares e obrigábanas a prostituírse.
Prostitutas por obrigación
A feminista cubana Hortensia Lamar denunciaba este feito nunhas conferencias de 1925: "A española que vén honrada a traballar, a reunir moito diñeiro para mandar á súa aldea. Moitas na travesía sucumben, as demais aquí, onde as sociedades rexionais non lles dan protección algunha. A maioría é explotada polos propios paisanos, os eternos curmáns protectores, ou o mozo que nunca falta, e que xeralmente as seduce e abandona logo, e así, escalón a escalón vai rodando á abxecta escravitude de onde non volve saír".
O profesor Xulio César González Pagés, doutor en Ciencias Históricas pola Universidade da Habana recolleu numerosos datos acerca dos expedientes de galegas que tras ser enganadas e obrigadas a prostituirse son abandoadas e o seu analfabetismo e a súa miseria lévanas a delinquir. Tal vez por iso, segundo os expedientes históricos de penais cubanos creados para as mulleres a partir de 1909, de máis de dous mil trinta e catro sentenzas, entre nacionais e estranxeiras, a ampla maioría correspóndese con mulleres galegas de entre vintecinco e corenta anos, sen emprego fixo, sen estudos, solteiras e procedentes das provincias de Lugo e Ourense.
González Pagés rescatou destes expedientes historias como a de Branca García Díaz, alias "a rapaciña" que con trinta e un anos conta como foi introducida na marxinalidade polo seu tío, quen a violaba desde os quince anos, obrigándoa a manter relacións con el e o seu curmán. Cando esta tratou de denunciar os feitos, botárona á rúa onde a súa vida se encheu de conflitos e enfermidades venéreas. González Pagés fálanos tamén do expediente de María García Martínez, coruñesa de dezaoito anos, nel conta como foi utilizada para fotografías e actos pornográficos dende os catorce anos, ata terminar na prostitución da man dun proxeneta que a agrediu cun corte na cara por non poder pagar, a raíz de todo iso roubos e estafas acaban con ela no cárcere.
Fillas de Galicia
Ante tal cantidade de despropósitos acabará xurdindo a voz dunha institución rexional fundada o 16 de xuño 1912 e denominada "Solidariedade Pontevedresa". A institución ademais de denunciar a situación das súas paisanas na emigración, tratará de axudalas, fronte á pasividade doutras institucións do momento. Para iso nunha sesión do 11 de Xaneiro de 1914, o novo presidente Jesús Rodríguez Bautista, decide reformar o Reglamento desta Sociedade co fin de construir un sanatorio para a comunidade galega. Así xurdirá o proxecto co que se crearía en 1917 á Institución "Fillas de Galicia" e na Xunta Xeral do 18 de Xaneiro, a Asociación Solidariedade Pontevedresa decide constituírse por unanimidade na Sociedade "Fillas de Galicia", Sociedade Sanitaria e de Auxilio Mutuo.
A institución benéfica encargaríase dende entón de prestar atención ás necesidades físicas, económicas e morais daquelas galegas que así o requerisen. Ademais diso a institución converterase nunha abanderada da loita polos dereitos destas mulleres, e a partir de 1924 entre os seus obxectivos e peticións estaría a de conseguir para as emigradas galegas un mellor trato por parte ata das autoridades cubanas no momento de entrar no país. Será ademais nese mesmo ano cando se planifique a compra duns terreos en Luyano para a construción do Hospital "Concepción Arenal" das “Fillas de Galicia”. O servizo médico estenderíase dende ese intre a diversas zonas de A Habana e así en 1926 a institución tería xa delegacións noutras provincias.
Deste xeito "Fillas de Galicia" acabaría converténdose na maior asociación do mundo de emigradas galegas e as súas descendentes, cunha cifra que no ano 1960 excedía as cincuenta e oito mil mulleres. A súa ubicación converteu ó barrio Luyano de A Habana na Nova Galicia.
Na actualidade a sociedade xa non existe, pero o Hospital segue alí, en pé, co mesmo nome e con moitas descendentes de galegas en persoal, recordando ás mulleres que hoxe saen cada día dos seus países, que empezar de cero nunha nova terra é fácil se hai alguén disposto a axudar.
Artigo de Cristina Corral