Uns 300.000
bebés foron substraídos e vendidos no Estado desde a ditadura ata a década dos
90, nun lucrativo negocio "legalizado" polo franquismo en conivencia
coa Igrexa católica
DANIEL
PRIETO 06/02/2011 - 20:00 h.
A causa común
presentada por 261 persoas ante a Fiscalía Xeral do Estado solicitándolle que
investigue o roubo e a venda de bebés en España entre os anos corenta e a década
dos noventa, volveu poñer de actualidade un tema recorrente que, desde a
Transición, mantén en vilo a moitas familias. No Estado pode haber uns 300.000
nenos roubados, segundo Enrique Vila, avogado da Asociación Nacional de
Afectados por Adopcións Irregulares (Anadir), que promoveu esa denuncia, na que
constan seis casos galegos. Moitos afectados “incluso poden ignorar estes
feitos”, asegura. O Ministerio Público rexeitou afondar neste tema ao non
considerarse competente, polo que instou os afectados a presentar demandas
individuais ante os órganos xudiciais territoriais. A Fiscalía tamén sinalou a
pertinencia de que a causa prosiga pola vía administrativa, coa creación dunha
oficina de busca deses menores desaparecidos. O fiscal xefe da Audiencia
Nacional, Javier Zaragoza, coñecido pola súa colaboración cos Estados Unidos na
obstaculización do caso Couso, aduciu “dificultades técnico-legais” para levar
a cabo a petición.
En 2008, o
propio xuíz Baltasar Garzón, procesado por investigar os crimes franquistas,
incluíu nos seus famosos autos este espiñento tema e aludiu ao roubo de 30.000
bebés. Hoxe sábese que a cifra é moi superior. Anadir, xunto á Plataforma de
Afectados de Clínicas de toda España da Causa dos Nenos Roubados, aglutinan
unhas 800 familias españolas que “loitan por saber a verdade”, afirma Mar
Soriano, portavoz da asociación, que lamenta que ambas as dúas entidades
“traballen por vías diferentes cando o idóneo sería unir forzas”. A plataforma,
que recaba datos de nenos desaparecidos desde hai tres anos, manterá nos próximos
días unha reunión co ministro de Xustiza, Francisco Caamaño,
para “acelerar a creación da oficina nacional de buscas onde as vítimas poidan
obter datos sobre os nenos desaparecidos”. Para iso, o goberno da Comunidade de
Madrid comprometeuse a entregarlles información do arquivo rexional. Esa mesma
petición será efectuada ante a Xunta
e outros gobernos autonómicos, tal e como informou Soriano.
As subtraccións
de bebés en hospitais e a súa venda “supoñen tan só unha faceta posterior da
represión franquista”, explica o historiador Eliseo Fernández. Para el “trátase
dunha evolución dos roubos de nenos nos cárceres”, un tema “aínda pouco
investigado”. Tras o golpe de estado de 1936, as republicanas apresadas polo exército
rebelde “foron enviadas na súa gran maioría a cárceres. E as galegas foron
recluídas sobre todo no penal para mulleres de Santurrarán”, afirma. Ese antigo
convento situado no municipio guipuscoano de Mutriku, transformado por Franco
en campo de concentración, acolleu unhas 2.000 mulleres entre 1937 e 1944,
entre elas “máis de cen galegas”, revela o investigador Lois Pérez Leira. A súa
avoa, Flora de Deus Rodríguez, activista da Fronte Popular, estivo presa no
lugar durante cinco anos. Os expedientes penitenciarios reflicten 177 mortes
entre as nais e os fillos. “Soportaban brutais castigos das monxas. Eran
privadas de alimento, maltratadas e sufrían abusos sexuais por parte das
relixiosas. Ademais, a moitas delas roubáronlle os fillos”, afirma Leira.
Porén, para
o letrado Enrique Vila, de Anadir, a práctica dos nenos roubados “non foi en
absoluto exclusiva do franquismo, xa que se produciu en ambos os dous bandos e
hai varios casos de destacadas republicanas que se lucraron co tráfico de
nenos”. Na súa opinión, “o propio réxime de Franco perseguía estes delitos, que
exerceu unha rede mafiosa na que, ademais de enterradores e comadroas, interviñeron
sobre todo os relixiosos”. Aínda así, Vila recoñece que “o xermolo da trama
naceu co roubo dos fillos das republicanas encarceradas, práctica que rematou
nos 40”. Anadir calcula que este tráfico leva xerados uns beneficios de máis de
540 millóns de euros.
Por contra,
para Emilio Silva, o presidente da Asociación para a Recuperación da Memoria
Histórica (ARMH), entidade pioneira en España na exhumación de represaliados,
“obviar que o franquismo protagonizou estes roubos é politizar o asunto, xa que
é algo que non ocorre nunha democracia”. Ao igual que Eliseo Fernández, Silva
opina que o roubo de bebés “representa un estadio máis evolucionado da represión,
xa que existe un perfil da nai roubada”. E é que, na maioría dos casos,a
proxenitora pertencía “a unha familia humilde ou empobrecida pola guerra e de
esquerdas”. Ao igual que Vila, considera que a Igrexa católica xogou “un
destacado papel” nesta rede, xa que “os nenos nunca llelos roubaban ás irmás
dos bispos”, matiza. Esas nais “sabían en que país estaban e que non podían
denunciar ese caso nunha comisaría, así que acababan resignándose”, relata. “A
punta do iceberg deste discurso, o da impunidade, é o PP cando di que
investigar estes temas é reabrir feridas”, engade. O “modus operandi dos que
practicaban este delito” incluía unha “rigorosa investigación policial previa
da muller”, xa que “do que se trataba era de non roubarlles aos membros da mesma
clase social”.
“REEDUCACIÓN” SOCIAL E “IMPUNIDADE”
Este proceso
inscríbese na “reeducación” que o franquismo se encargou de establecer, no que
o sometemento do individuo á autoridade era “absoluto”, indica o presidente da
ARMH. O réxime encargouse de difundir os seus preceptos na sociedade, sobre
todo entre os máis pequenos. Proba diso son as celebracións públicas de
exaltación de Falanxe, como as levadas a cabo por nenos no municipio pontevedrés
de Cangas en 1936, probablemente tras á caída
dalgunha fronte republicana, portando fusís e desfilando. “O franquismo
implantou unha impunidade total na ditadura e na democracia con respecto a
estes roubos, a mesma da que se beneficiaron os represores”, engade Emilio
Silva.
Outro
mecanismo co que o franquismo sustentou estes roubos foron os escritos do
psiquiatra militar Antonio Vallejo Nájera, que realizou experimentos con nenos
en campos de concentración de Burgos e sostiña a teoría de que a democracia
dexeneraba a raza española. Propugnaba a separación das presas republicanas dos
seus fillos tras a guerra civil, para que non se contaminasen co “xene
marxista”. Esta teoría amparou as subtraccións dos fillos das ex reclusas
realizadas nas maternidades de todo o Estado. “Os bebés eran entregados a
familias adeptas ao réxime e a outras que pagaron suculentas cantidades por
adoptalos ilegalmente”, asevera Silva. “Hai familias de médicos, xente moi
influente dos medios e persoas moi poderosas implicadas, como o tío de Ana
Botella, o doutor José Botella, que traballou moitos anos na clínica
O’Donnell”, un dos epicentros da desaparición de nenos en España, “de onde
desapareceron máis nenos”, advirte.
O franquismo
dotouse dun marco legal que amparou estes delitos, “unha persecución en toda
regra coa que moitas persoas se enriqueceron”, confesa Silva. Existía un tecido
lexislativo, administrativo e relixioso que “legalizaba” os secuestros. E como
o negocio era moi lucrativo e co paso dos anos as mulleres republicanas abandonaron
a idade fértil, este “negocio” seguiu en marcha e cebouse noutras vítimas como
prostitutas, nais solteiras e mulleres de extracción humilde. Os roubos
continuaron ata 80, segundo a ARMH, aínda que Anadir cre que se prolongaron ata
os 90 e “seguen hoxe”.
Malia que en
Galicia non transcenderon tantos casos de bebés desaparecidos como noutras
comunidades como Madrid, Cataluña ou Andalucía, isto débese “á pouca difusión
deste tema polo momento”, asevera Mar Soriano, da plataforma de bebés roubados
nas clínicas españolas, que asegura estar a recibir “un verdadeiro aluvión de
peticións nos últimos días”. Pola súa banda, Anadir ten rexistrados, por agora,
roubos en hospitais de Pontevedra, Vigo e A Coruña. “Seguro que van aparecer
moitos máis”, salienta Vila.
De feito, en
Galicia saíron á luz numerosos casos nos últimos meses. Maricarmen Portos, unha
veciña de 45 anos do municipio pontevedrés de Pontecesures, sospeita que o seu
irmán foi roubado do Hospital Provincial de Pontevedra o 1 de abril de 1966. A
súa nai, Rita Gago, deu a luz ese día nese centro un neno que lle arrebataron
dos brazos ás poucas horas de nacer. “Dixéronlle que o bebé morrera e non lle
deixaron ver o cadáver”, indica. Non posúe ningún documento no que conste nin o
parto nin a defunción do menor. Maricarmen atopou un rexistro de nacemento dun
neno que veu ao mundo ese mesmo día, no mesmo hospital e á mesma hora, que
consta como o fillo doutro matrimonio. O documento está asinado polas mesmas
comadroas que interviñeron no parto da súa nai, e o doutor que supostamente
levou a cabo esa intervención non traballaba nese hospital.
Teresa
Prieto, unha veciña de Tui
(Pontevedra) de 60 anos, decidiuse a iniciar a busca da súa irmá, subtraída en
1958 nun hospital de Lérida. “A miña nai, María Concepción Moreira, deu a luz
unha nena que ela mesma e as miñas tías viron. Comunicáronlle que falecera e
non lla quixeron ensinar. Quixo denunciar e na comisaría dixéronlle que non
revolvese. Morreu coa pena de non tela atopado”, narra. Tampouco ten ningún
documento que acredite a existencia da súa irmá.
Outra
afectada de 47 anos, que prefire manter o anonimato, foi roubada na Galicia
rural do Baixo Limia ourensá cando tiña dous anos. Filla de nai solteira,
reencontrouse coa súa proxenitora 25 anos despois do seu secuestro. “Eramos os
seis fillos da puta, non eramos nada”, di esta muller, que considera que “as vítimas
están sendo politizadas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario