xoves, 23 de decembro de 2010

Crise? non no gasto militar


O investimento mundial en material bélico medou un 6% desde 2008 e un 49% desde o 2000  A exportación de armas españolas subiu un 44,1% en dous anos
MARGA TOJO. SANTIAGO
O ex secretario xeral da Unesco, Federico Mayor Zaragoza, amosábase contundente hai unha semana desde estas páxinas: “Eu non sei como podemos conciliar o sono sabendo que todos os días morren de fame máis de 70.000 persoas mentres cada xornada se invisten máis de 4.000 millóns de dólares en gastos militares. Non podemos seguir tolerando isto”. Porén, en plena crise mundial, no canto de minguar, o investimento armamentístico medrou. 

Tal día como hoxe, hai agora sesenta e dous anos, a Asemblea Xeral de Nacións Unidas aprobou a Resolución 217, a chamada posteriormente Declaración Universal dos Dereitos Humanos, con conciencia de revulsivo aos dislates da Segunda Guerra Mundial. Co fin da guerra fría, abríase unha nova oportunidade para cesar na carreira armamentística. Pero, reflexiona o impulsor do Foro 2010 que até o 30 de decembro se celebra en Santiago de Compostela, de novo os países máis poderosos da terra crearon as condicións necesarias para seguir incrementando os investimentos en armas e tecnoloxía militar: “Para fabricar armas... hai que fabricar inimigos”.
Segundo o último informe do Instituto Internacional de Estudos pola Paz de Estocolmo (Sipri), aumentou un 6% verbo do 2008 e dun 49% desde o 2000. Calcúlase que o gasto militar global do 2009 foi de 1.531 billóns de dólares e comprende aproximadamente o 2,7% do produto mundial bruto. Todas as rexións do paleta experimentaron unha suba, excepto Oriente Medio. A crise económica tivo un impacto moi marxinal: nove dos dez orzamentos máis elevados, incrementáronse notábelmente, e só algunhas economías máis pequenas, incapaces de soportar grandes déficits o reduciron.
No Estado español, o orzamento do Ministerio de Defensa para o ano 2011 ascende a 8.560,09 millóns de euros e supón, segundo o Goberno, unha diminución do 7,7% respecto do ano 2010. En realidade, segundo explica Pere Ortega, do Centre d’Estudis per a la Pau, o investimento militar total é bastante máis elevado, posto que hai gastos repartidos entre outras carteiras. Deste xeito, o total ascende a 17.217,88 millóns de euros, o que en principio supón unha diminución do 5,19% respecto de 2010. Pero aínda hai outras desviacións; desde a aprobación do orzamento inicial até a liquidación final, diferentes partidas reciben recursos suplementarios para poder cubrir os gastos reais. “Este ano 2010 a data de 30 de setembro de 2010, a liquidación provisional xa supuña un aumento do gasto militar de 849 mi-
llóns de euros cun incremento do 9,3%. Se temos en conta o recorte que sufriron outros ministerios –que ademais son os que fundamentan o estado do benestar, por exemplo: Educación que diminuíu un 8,1%; Sanidade un 8,2%; Servizos Sociais un 8,1% coa conxelación das pensións e a Axuda Oficial ao Desenvolvemento nun 19,9% (852 millóns de euros)– pódese afirmar que o Ministerio de Defensa viuse privilexiado respecto das partidas que teñen un carácter de servizo social”, explica.
Ademais, a venda de material bélico medou un espectacular 44,1% respecto de 2008. O Estado español, con 925 millóns de dólares en armas vendidas, atópase na posición de número seis no ‘ránking’ dos países exportadores. Un posto por diante de todo un xigante como China, con 870 millóns. Á hora de comprar armas, España ocupa o decimo sétimo lugar, por diante de Brasil ou o Reino Unido. Pero o máis preocupante son algúns dos destinos. Séguese a exportar armas a países en conflito ou onde se violan os dereitos humanos, como Colombia, Marrocos, Arabia Saudita, Paquistán, Tailandia ou Sri Lanka. O ano pasado houbo un destino especialmente alarmante: Guinea Conakry. Este país recibiu cartuchos de escopeta por valor de 1,48 millóns de euros (e autorizáronse outros 1,9 millóns). Todo iso a pesar de que houbo un golpe de estado condenado pola comunidade internacional e unha brutal represión.
O fotógrafo Gervasio Sánchez, que estes días se atopa en Compostela para participar no Foro 2010, denuncia que as armas que circulan polos campos de batalla adoitan fabricarse en Estados desenvolvidos como español, que foi un grande exportador de minas no pasado e que hoxe dedica moi pouco esforzo á axuda ás vítimas das minas e ao desminado. No seu discurso, durante a entrega de premios Ortega y Gasset, no 2008, Sánchez falara xa sen cortapisas ante as autoridades: “É verdade que todos os gobernos españois desde o inicio da transición permitiron e permiten as vendas de armas españolas a países con conflitos internos ou guerras abertas. É verdade que na anterior lexislatura duplicouse a venda de armas españolas ao mesmo tempo que o presidente incidía na súa mensaxe contra a guerra e que hoxe fabriquemos catro tipos distintos de bombas de acio. É verdade que me sinto escandalizado cada vez que me topo con armas españolas nos esquecidos campos de batalla do terceiro mundo e que me avergoño dos meus representantes políticos. Pero como Luther King quérome negar a crer que o banco da xustiza está en quebra, e como el, eu tamén teño un soño: que, por fin, un presidente dun goberno español teña as agallas suficientes para pór fin o silencioso mercadeo de armas que converte ao noso país, gústenos ou non, nun exportador da morte”.
 “As únicas empresas que funcionan no Estado son as armamentísticas”
Marie Karome mama do peito estricado da súa nai; un peito 
lonxitudinal, que ninguén sostén. Marie Karome ten tres anos. Un golpe seco de machete cortou o seu minúsculo brazo cando tiña tres meses. Durante os anos seguintes viviu nun campo de mutilados de Freetown, onde se converteu en estrela. A súa fraxilidade e simpatía engaiolaba aos visitantes. Viaxou a Estados Unidos como ‘gancho’ para recadar fondos xunto con outros nenos mutilados. Algúns foron comprados os seus pais. 
A historia de Marie e a doutros moitos cidadáns anónimos de Serra Leoa coñecémolas a través da cámara do fotógrafo Gervasio Sánchez. As instantáneas da exposición ‘ Serra Leona. Guerra e paz’ penduran das paredes do Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela como parte do Foro 2010, onde o  Premio Nacional de Fotografía 2009, participa desde onte. “En todas as guerras nas que estiven –explica o xornalista–, e xa son unhas cantas, cando lle pregunto á xente, ‘por que esta guerra, como xurdiu a contenda?’ a inmensa maioría encolle de ombros”.
 No ano 1999 chegou a Serra Leona para cubrir unha guerra “brutal, moi mal cuberta polos medios de comunicación” e na que a guerrilla utilizaba a 
amputación como “ferramenta de guerra”. Durante varios anos continúo indo ao país e documentando, a través do seu obxectivo, “as historias humanas que quedan entre tebras. Quería que a xente non se quedase só coa imaxe da guerra e as amputacións, senón que vise tamén a evolución da guerra á rehabilitación e desta á paz, porque para min o xornalismo debe cubrir as consecuencias da postguerra e non só os efectos de esta. Saír dun conflito armado é tan difícil como vivir nel, porque as consecuencias dunha guerra nunca se superan”.
Sánchez é coñecido pola súa precisión crítica á hora de sinalar a responsabilidade dos gobernos: “Estamos nunha gran crise e as únicas empresas que funcionan no Estado son as armamentísticas”, asegura. “A cidadanía ten que coñecer estas cuestións, porque só así se entende a pasividade do goberno ante o Sáhara, porque Marrocos dálle moito negocio a España, o sexto estado do mundo en exportacións armamentísticas, que se di pronto”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario