venres, 31 de decembro de 2010

Unha colección única

Hoxe póxanse máis de cen xoias literarias da diáspora galega, primeiras edicións e rarezas con prezos de saída que oscilan entre os 50 e os 2.750 euros

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO

Máis de cen xoias do libro histórico galego poxaranse hoxe ás 18:00 horas no restaurante Pepe Vieira Camiño da Serpe de Raxó (Poio, Pontevedra) na terceira poxa da empresa galega de viños María Fechoría Asociados. "As principais institucións culturais galegas xa están informándose e parece ser que están moi interesadas en adquirir boa parte dos lotes", asegura María Díaz, coordinadora da poxa, unha ocasión excepcional para adquirir primeiras edicións de Castelao, Colmeiro, Valente ou Seoane -auténtico protagonista da sesión- con prezos de saída que oscilan entre os 50 e os 2.750 euros.
En Galicia non existen casas de poxas tan coñecidas como as londinienses Sotheby"s ou Christie"s. "Notamos moito que non hai tradición deste tipo de poxas. Cando organizamos a primeira, mesmo nos preguntaban se se podía entrar. Nesta ocasión, supoño que ademais de particulares, xente afeccionada aos libros ou librerías, tamén virán institucións", explica Díaz. Con todo, recomenda acudir a Raxó para "ver os libros e gravados en directo, como se fose unha exposición". Será unha ocasión única de ver, por exemplo, curiosidades como dous dos libros atribuídos a Luís Seoane por moitos historiadores: Lo que han hecho en Galicia e Galicia Mártir.
A maioría da colección -até 108 lotes que inclúen libros, manuscritos, cartas, mapas, fotografías ou serigrafías- "forma un conxunto de xoias do exilio galego, sobre todo, en Bos Aires", indica María Díaz. Son primeiras edicións de obras como Sempre en Galiza e Cincuenta hombres por dos pesos de Castelao, moitas delas, ademais, con dedicatorias autógrafas dos autores. Aínda que os responsables da casa de poxas non queren desvelar a procedencia das obras, a súa conservación débese a unha emigrante en Arxentina que reuniu este tesouro durante toda a súa vida.


"As obras rebelan a amizade e compañeirismo dos exiliados"
"Todas as obras rebelan a amizade e compañeirismo dos intelectuais galegos exiliados", comenta a coordinadora da poxa. Exemplares únicos de revistas e publicacións da diáspora galega como Galicia, Vida Gallega, Alén-Mar, Lar, Nós ou Galeuzca (que se poxará a partir de 600 euros) dan boa conta desta frutífera relación. Porén, a peza que ten un prezo de saída máis alto, 2.750 euros, non ten que ver co exilio galego. É o mapa de Galicia, un gravado do século XVII, da coñecida Descripción del Reino de Galicia de Ioannes Baptista. Séguelle moi de preto, cun prezo de saída de 2.700 euros as litografías orixinais de Maruja Mallo que a artista galega fixo en 1979, con motivo dunha homenaxe á Revista de Occidente.
Ao se cumprir o seu centenario, Seoane é un dos auténticos protagonistas da poxa. "Hai xoias como as ilustracións que fixo para libros de Unamuno, Alberti ou Lorenzo Varela", apunta Díaz.
Entre as rarezas polas que se pode poxar hoxe atópase un prego solto con sete panxoliñas en galego do século XVII. Tamén se pode poxar, cun prezo de saída de 50 euros, a Denuncia diante da Unesco da persecución do idioma galego polo Estado español, feita en Bos Aires en 1954, ou as Cantigas de Macías o Namorado, publicado en 1941 na capital arxentina dentro da Colección Dorna, que tamén se poxa a partir de cincuenta euros.

UN TESOURO DE LETRAS

As obras máis recentes, as de Rodríguez Fer e Antón Reixa
Eugenio Granell, Rafael Dieste, Ramón Cabanillas, Fernández del Riego, Eduardo Pondal, Valente, Valle-Inclán, Luis Seoane, Lorenzo Varela, Ramón de Valenzuela, Carré Alvarellos, Feliciano Rolán, Vicente Risco, Emilio Pita, Isaac Díaz Pardo, Otero Pedrayo, Núñez Búa, Blanco Amor, Manuel Antonio... Esta é a nómina dos autores dos que se pode conseguir obras únicas na poxa de hoxe.
Ademais, outra da peculiaridade desta poxa é que moitas das obras forman parte de tiradas limitadas e ilustradas por artistas como Leopoldo Nóvoa, Arturo Souto, Laxeiro, Colmeiro, Maruja Mallo, Antoni Tàpies, Menchu Lamas ou Cebreiro, dedicados polos autores e ilustradores.
Pero non só se van poxar libros con máis de cincuenta anos de historia senón que tamén se poderán adquirir pezas actuais como Días contra fotocopias (1987) de Antón Reixa, con augafortes de Menchu Lamas e Antón Patiño, ou Rastros de Vida e Poesía (2000) de Claudio Rodríguez Fer que inclúe dez serigrafías de Granell.
Ademais de libros, na poxa de Raxó tamén se porán á venda 45 lotes de viño exclusivos, algúns deles imposibles de atopar no mercado, rarezas enolóxicas e viños inéditos cedidos por viticultores galegos de culto como Luís Anxo Rodríguez, José Luís Mateo, Rodrigo Méndez ou Fernando González Algueira.
Trátase de "obras de arte en botella que nunca viran a luz até agora e que, probablemente, non volvan poñerse á venda no futuro", sinalan dende María Fechoría Asociados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario