Hai máis de
un século @s galeg@s fomos pioneir@s no que a emigración se refire. As nosas
fotos despedindo a familiares que ían "facer as Américas" nos portos
de A Coruña e Vigo deron a volta ó mundo. De alá nos chegaban noticias de
grandes fortunas acadadas a forza de traballar duro, a recompensa a un gran
esforzo. Pero sabemos en profundidade cal era a vida das mulleres emigrantes? A
que se adicaban?
Por GC
Tendencias | A Habana | 03/11/2012
Do mesmo
xeito que miles de mulleres chegan hoxe en día a España procedentes dos seus países
de orixe, crendo facer unha viaxe desde o mundo da miseria e a precariedade
para por fin obter unha recompensa ao traballo que realizarán ao cruzar as
nosas fronteiras, durante os anos de emigración galega e posteriores á
instauración da República en España, moitas galegas tamén se embarcaron cara a
América. Como cifra orientativa, nos rexistros oficiais figuran nos portos
galegos un total de seiscentos un embarcos de mulleres entre os meses de marzo,
abril e maio de 1915. Pero sorprendentemente o 9 de abril dese mesmo ano
aparece unha regulación especial do Consello Superior de Emigración para todas
estas buscadoras do seu soño americano, dirixida ao inspector de emigración de
Vigo dicía o seguinte: "que ata nova orde, resolva e permita o embarque,
segundo crea procedente e baixo a súa responsabilidade...". Detrás desta
advertencia, oficializábase a voz de alarma: ao chegar aos seus destinos moitas
destas mulleres eran captadas por intermediarios de inmigrantes que se facían
pasar polos seus mozos ou familiares e obrigábanas a prostituírse.
Prostitutas
por obrigación
A feminista
cubana Hortensia Lamar denunciaba este feito nunhas conferencias de 1925:
"A española que vén honrada a traballar, a reunir moito diñeiro para
mandar á súa aldea. Moitas na travesía sucumben, as demais aquí, onde as
sociedades rexionais non lles dan protección algunha. A maioría é explotada
polos propios paisanos, os eternos curmáns protectores, ou o mozo que nunca
falta, e que xeralmente as seduce e abandona logo, e así, escalón a escalón vai
rodando á abxecta escravitude de onde non volve saír".
O profesor
Xulio César González Pagés, doutor en Ciencias Históricas pola Universidade da
Habana recolleu numerosos datos acerca dos expedientes de galegas que tras ser
enganadas e obrigadas a prostituirse son abandoadas e o seu analfabetismo e a súa
miseria lévanas a delinquir. Tal vez por iso, segundo os expedientes históricos
de penais cubanos creados para as mulleres a partir de 1909, de máis de dous
mil trinta e catro sentenzas, entre nacionais e estranxeiras, a ampla maioría
correspóndese con mulleres galegas de entre vintecinco e corenta anos, sen
emprego fixo, sen estudos, solteiras e procedentes das provincias de Lugo e
Ourense.
González Pagés
rescatou destes expedientes historias como a de Branca García Díaz, alias
"a rapaciña" que con trinta e un anos conta como foi introducida na
marxinalidade polo seu tío, quen a violaba desde os quince anos, obrigándoa a
manter relacións con el e o seu curmán. Cando esta tratou de denunciar os
feitos, botárona á rúa onde a súa vida se encheu de conflitos e enfermidades
venéreas. González Pagés fálanos tamén do expediente de María García Martínez,
coruñesa de dezaoito anos, nel conta como foi utilizada para fotografías e
actos pornográficos dende os catorce anos, ata terminar na prostitución da man
dun proxeneta que a agrediu cun corte na cara por non poder pagar, a raíz de
todo iso roubos e estafas acaban con ela no cárcere.
Fillas de
Galicia
Ante tal
cantidade de despropósitos acabará xurdindo a voz dunha institución rexional
fundada o 16 de xuño 1912 e denominada "Solidariedade Pontevedresa".
A institución ademais de denunciar a situación das súas paisanas na emigración,
tratará de axudalas, fronte á pasividade doutras institucións do momento. Para
iso nunha sesión do 11 de Xaneiro de 1914, o novo presidente Jesús Rodríguez
Bautista, decide reformar o Reglamento desta Sociedade co fin de construir un
sanatorio para a comunidade galega. Así xurdirá o proxecto co que se crearía en
1917 á Institución "Fillas de Galicia" e na Xunta Xeral do 18 de
Xaneiro, a Asociación Solidariedade Pontevedresa decide constituírse por
unanimidade na Sociedade "Fillas de Galicia", Sociedade Sanitaria e
de Auxilio Mutuo.
A institución
benéfica encargaríase dende entón de prestar atención ás necesidades físicas,
económicas e morais daquelas galegas que así o requerisen. Ademais diso a
institución converterase nunha abanderada da loita polos dereitos destas
mulleres, e a partir de 1924 entre os seus obxectivos e peticións estaría a de
conseguir para as emigradas galegas un mellor trato por parte ata das
autoridades cubanas no momento de entrar no país. Será ademais nese mesmo ano
cando se planifique a compra duns terreos en Luyano para a construción do
Hospital "Concepción Arenal" das “Fillas de Galicia”. O servizo médico
estenderíase dende ese intre a diversas zonas de A Habana e así en 1926 a
institución tería xa delegacións noutras provincias.
Deste xeito
"Fillas de Galicia" acabaría converténdose na maior asociación do
mundo de emigradas galegas e as súas descendentes, cunha cifra que no ano 1960
excedía as cincuenta e oito mil mulleres. A súa ubicación converteu ó barrio
Luyano de A Habana na Nova Galicia.
Na
actualidade a sociedade xa non existe, pero o Hospital segue alí, en pé, co
mesmo nome e con moitas descendentes de galegas en persoal, recordando ás
mulleres que hoxe saen cada día dos seus países, que empezar de cero nunha nova
terra é fácil se hai alguén disposto a axudar.
Artigo de Cristina Corral
Ningún comentario:
Publicar un comentario