domingo, 7 de marzo de 2010

A primeira Historia de América en galego


Carlos Sixirei Paredes é o autor dun manual universitario sobre o tema na nosa lingua

M. D. Galicia-Hoxe. 5-3-2010

Unha necesidade "docente" e "lingüístico-cultural" animou o historiador Carlos Sixirei Paredes a embarcarse no proxecto de escribir unha Historia de América en galego e desde unha perspectiva galega. O resultado é unha obra da que Ir Indo acaba de editar o primeiro tomo, Historia de América. Dende as orixes aos tempos actuais, que se presentou onte na libraría Couceiro de Compostela.

"Non había unha obra como esta nin en galego, nin en catalán, nin en vasco. Comecei hai xa vinte anos, pois na miña experiencia como profesor universitario decateime de que faltaba un libro coma este. Está concibido como un manual, polo que as fontes son bibliográficas, ou documentos publicados. Escollín obras coñecidas, de fácil acceso nas bibliotecas universitarias", comentou o autor.

O primeiro tomo aborda a América precolombina e colonial. O segundo, que estará disponible en xaneiro, chegará ata a actualidade. O autor condensa os feitos máis salientables, e ademais achega a súa propia óptica sobre cuestións como o concepto "descubrimento" ou o debate sobre a "conquista", que considera "a primeira fase do que hoxe chamamos globalización". O manual salienta o carácter didáctico que procura con subliñados de nomes, autores da bibilografía... Escribir unha historia de América desde unha perspectiva galega permite, segundo o autor, achegar unha visión "distinta" que a amosada por un historiador andaluz ou estremeño, por exemplo.

"Eles centraríanse máis na época colonial, que é onde participaron máis activamente, e teñen máis fontes. Nós, os galegos, intervimos na historia americana máis na época contemporánea, a partir do XIX, coa emigración. Influímos e deixámonos influír: os emigrantes levaron cousas alá e trouxeron cousas, como costumes, xeitos de falar, propostas arquitectónicas como as casas de indianos... Hai un contacto que mantemos", sinalou. "No segundo tomo haberá un capítulo sobre isto, a miña achega sobre o ensimismamento cultural dun país que ten 400 centros en América...", ironizou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario