sábado, 8 de xaneiro de 2011

Valentín Barreiros trata nun libro a relación entre Ourense e o cine


O estudo histórico repasa en dúas partes a evolución do audiovisual na cidade das Burgas entre 1898 e a actualidade
MARCOS SUEIRO 03/01/2011
Valentín Barreiros vén de completar coa publicación de Ourense e o cinema un número máis da colección Auria dedicada a explorar as relacións que se establecen entre a cidade das Burgas e a creación en distintos tempos históricos. O novo libro vai de cine e das achegas que cidade e sétima arte se fixeron mutuamente dende 1898 até o presente. Ten unha finalidade divulgativa, segundo confesou o propio autor, e subministra material abundante para comprobar como a relación non é casual senón constante, e como asegura o propio Barreiros, ten vocación de continuidade.
O autor, ao xeito xornalístico, establece unha clasificación para distinguir os tempos históricos e as fases polas que pasa a creación audiovisual. Por unha banda, fálase do nacemento que vai dende 1898 até o final da ditadura do xeneral Franco e unha segunda dende a transición política até os nosos días.
Na primeira das etapas refírese ao escritor Luís Rivas Villanueva, que no seu libro Do Posío aos Remedios conta que o cinema chegou a Ourense con motivo das festas maiores. O tamén escritor Vicente Risco sitúa a sala de exhibición na Alameda e escribe textualmente: “Era un barracón muy pequeño. A la puerta se ponían unos señores con unos trompetones de hoja de lata, y por ellos gritaban: ¡Hay que verlo! ¡El Cinematógrafo Lumière hay que verlo para creerlo!”. De seguido, explica Barreiros, comezaron a abrirse cines que se enchían en cada sesión. Avanzado o tempo e chegada a II República, foi o momento dos nomes propios ourensáns que se concretan en tres: Carlos Velo, Xosé Suárez, e Antonio Román.
Ademais de ser unha referencia obrigada dende o punto de vista local, para Valentín Barreiros trátase de verdadeiros cineastas “dunha calidade incuestionable que non só fixeron cine galego senón que a súa sona traspasou as nosas fronteiras”. Baixo o epígrafe O documentalismo ourensán na II República, o escritor detalla as súas biografías e fala de obras como Galicia de Carlos Velo, Mariñeiros de Xosé Suárez e Canto de emigración. Romance en imágenes de motivos gallegos, de Antonio Román.
A XERACIÓN NÓS
O autor aproveita o libro para recordar as relacións que se estableceron entre a Xeración Nós e os documentalistas ourensáns. Barreiros explicou durante a presentación que “con estes personaxes da cultura compréndese por que Ourense foi a Atenas de Galicia” pero a Guerra Civil provocou unha fractura na incipiente creación audiovisual e cineastas como Velo tiveron que exiliarse.
A segunda etapa iníciase nos albores da transición política e Ourense volve coller protagonismo. En xaneiro de 1973 inaugurábanse as Xornadas de Cine baixo a organización do Cineclube Padre Feijóo e coordenadas por Luís Álvarez Pousa e José Paz, entre outros, que continuarían desenvolvéndose en anos sucesivos.
CHANO PIÑEIRO
A apertura política posibilitou a creación de novas salas e a irrupción de directores que, aínda que non nacidos en Ourense, escolleron a cidade ou as comarcas para rodar as súas obras. Valentín Barreiros encargouse de destacar o nome de Chano Piñeiro. Subliña que foi compostelán pero as súas obras foron rodadas no interior do país. Mamasunción, unha curta feita en 1984, e Sempre Xonxa en 1989 constitúen para Barrios “dous dos filmes máis salientables da historia da cinematografía galega”.
Durante a presentación de Ourense e o cinema, o escritor ourensán non reparou en revelar algúns detalles para os e as amantes da sétima arte. A edición do libro, especialmente coidada, conta cunha fotografía na portada na que unha mula leva un aparello no que descansa un home caracterizado e que reproduce o cartel do filme Chamábanlle Trinidade que ían pasar no cine Xesteira. Barreiros explica: “Non é aventurado dicir que estaban facendo unha intervención ou unha performance sen sabelo”.
O volume complétase con abundantes fotografías dos cines da cidade, carteis de películas famosas e páxinas de xornais que se fan eco das noticias cinematográficas máis relevantes. Valentín Barreiros concluíu que a historia non está fechada e engadiu que “o futuro pasa polo Festival de Cinema Independente”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario