mércores, 7 de abril de 2010

Cando a carta de axuste botou a falar en galego


A televisión e a radio públicas galegas celebran este ano o seu 25 aniversario. Nun cuarto de século pasaron dos ensaios e as carencias técnicas a converterse en medios de referencia

NOELA REY MÉNDEZ04/04/2010 - 17:00 h.

“Señoras e señores, moi boas tardes. A Televisión de Galiciaten a ledicia de presentarlles a primeira programación da súa historia, nesta véspera do 25 de xullo, Día de Galicia. Esta primeira xornada vai ter o carácter festivo de toda a empresa que comeza a súa andadura”. Con estas palabras anunciaba a xornalista Dolores Bouzón o inicio das emisións da TVG o 24 de xullo de 1985. Ela foi a primeira cara que viron os galegos na súa cadea pública. Comezaba así unha historia televisiva que este ano cumpre o seu vinte e cinco aniversario. E se a tele vai camiño do cuarto de século, a súa irmá, a Radio Galega, pode presumir xa desta idade, xa que soprou as velas o pasado luns.

Dende aquela, os cidadáns puideron vivir a través das súas pantallas algúns dos acontecementos máis importantes para o país, divertirse con series e películas de produción galega e exterior dobrada ao noso idioma ou gozar con programas de entretemento como o mítico Luar, que aínda se mantén na grella. Daquela televisión case artesanal pasouse, vinte e cinco anos logo, a unha empresa profesionalizada e no camiño de entrar de cheo na era dixital da TDT. E o mesmo lle ocorreu á radio: das bobinas e as cintas de casete, pasou ao mp3. A pequena Crtvg xa se fixo grande.

“O meu mellor recordo é dos primeiros meses, cando se comezou a construír a televisión dende os cimentos, ideando todo”, sinala José Francisco Rodil Lombardía, xornalista, ex director da TVG e colaborador de Xornal de Galicia. Rodil formaba parte, canda outros xornalistas, do que se deu en chamar o grupo dos quince do garaxe–aínda que, todo sexa dito, eran dezaseis. Tratábase do cadro de persoal inicial da Galega, no que estaban ademais o escritor Manuel Rivas, Luis Miguel Vicente, Magis Iglesias, José Luis Muñoz, Luis Menéndez Villalva, Isabel Álvarez, Carmen Prado, Maribel González, Piedad Cabo, Teresa Castelo, Manuel Pampín, Ricardo Bao, Ovidio González, Antón Galocha e Arturo Maneiro.

Naquel garaxe, situado na sede da TVG, fixeron durante meses prácticas e ensaios de cara a saír ao aire en xullo do 85 en probas e, posteriormente, a partires de setembro, coa emisión regular. Contaban cunha unidade móbil para practicar e os consellos de George Hills, locutor e presentador da prestixiosa BBC británica. “Veu Hills, profesores de Madrid, lingüistas como Henrique Monteagudo... Todos eramos xornalistas, pero proviñamos do mundo da prensa escrita e non sabiamos nada da televisión. Todo o tivemos que aprender, dende a locución ata o guión”, recorda Rodil. Ata o 1 de setembro de 1985, a TVG estivo en período de probas, no que se emitían tres horas diarias de programación coa intención de que os profesionais se fosen facendo co medio. Emitiu 150 horas, case todas de produtos de ficción españois, ata que a partir de 1986 se foi enchendo a grella para chegar ás 24 horas ininterrompidas actuais.

Daqueles primeiros tempos, Rodil recorda con especial cariño a relación que se estableceu entre os fundadores das emisións. “Eramos todos novos e solteiros, así que estabamos todo o día xuntos, á hora de comer xantabamos ao lado do garaxe e pola noite saïamos de copas”, afirma. E outra das cousas que satisfacían todas as horas de arduo traballo era o recoñecemento dos cidadáns. “Dícianme ‘vinte o outro día na tele’, resultaba moi gratificante”, sinala risoño.

Os primeiros programas e informativos da televisión galega caracterizábanse pola falta de medios, o que se solucionaba a base de inxenio. “Xa non é que non houbese satélites ou móbiles, é que non había nin ordenadores. Tiñamos unhas máquinas de escribir Olivetti cun tamaño de letra enorme e para ter copias do guión había que poñer papel de calco”, recorda Tino Santiago, periodista e colaborador de Xornal de Galicia. El non foi dos fundadores da televisión galega, pero case. Chegou dez meses despois do inicio das emisións. “Todo era moi artesanal, o reloxo que aparecía antes dos telexornais era de verdade, apuntábano cunha cámara para que saíse en pantalla; a Santiago Pemán os grafistas pintábanlle as nubes para que dese o tempo e o prompter pasábase manualmente ou, se non, había un compañeiro que poñía os folios por debaixo da cámara para que os leses”, explica. Na memoria de Rodil tamén están estas problemáticas, pero vinculadas a un feito alleo á televisión: o mal estado das estradas galegas. “Había que moverse por toda Galicia. Ías a Ourense e aproveitabas tamén para cubrir algo en Xinzo. Despois metías as cintas nun taxi e mandábalo aos estudios de Santiago. Dende logo, xogabámonos a vida nas estradas. Menos mal que aínda non había os controis de tráfico que hai agora...”, bromea o ex director da TVG.

A primeira proba de lume para a nacente televisión chegou moi cedo. Tan só dous anos despois da primeira emisión. Na Costa da Morte afundía o cargueiro Casón xerando unha importante alarma social que mesmo provocou a evacuación da zona. E a televisión dos galegos estivo alí. Na memoria queda a imaxe de Cruz García del Río ben preto do barco explicando a voz en grito as explosións que se sucedían a cada onda. “Non recordo ter medo, o que si, tiña a ansia dunha xornalista nova. Pensaba que alí xa non quedaba ninguén e que había que contalo porque nos ía ver todo o mundo”, comenta no documetal Casón, dirixido por Luis Montenegro e o adxunto á Dirección de Xornal, Xabier R. Blanco. “Fixemos unha cobertura excelente”, resume Rodil, mentres Tino Santiago rememora o complicado ambiente na zona: “Mandáronme a Muxía o segundo día e había pouca xente debido á evacuación. Un home da confraría acercouse e preguntoume que quería dicir que a nube era tóxica pero non contaminante. Imaxina a miña cara...”. Malia os problemas, a televisión superou con nota o exame.

O mesmo que fixo a Radio Galega, na que os inicios tamén foron duros e nos que o instinto xornalístico foi o verdadeiro motor que puxo en marcha a empresa. “Cando eramos afortunados, tiñamos unha unidade móbil, se non, tocaba buscar un teléfono ata debaixo das pedras. Recordo que nas primeiras manifestacións do naval en Vigo tiven que entrar nun bar e pedirlles a todos que calasen para poder entrar en directo. E apagaron ata as máquinas comecartos”, afirma a actual directora da Radio Galega, Rosa Martínez, que entrou a traballar no 86 na Crtvg.

A tecnoloxía era un verdadeiro problema, porque naqueles tempos non existían aparellos tan pequenos e de tanta capacidade como os mp3. “Andabamos con bobinas, cartuchos e casetes que case pesaban máis ca nós. O primeiro móbil que chegou á redacción tiña o tamaño dunha caixa de zapatos e despois, cando tivemos tres, sentiámonos tremendamente afortunados”, afirma. Na nacente radio Rosa Martínez tamén recorda aprender a súa primeira gran ensinanza. Aínda que xa proviña do mundo radiofónico, cando lle fixeron a proba para entrar na RG, Rosa Sierra, agora subdirectora de Contidos, ensinoulle que nos medios públicos a información é distinta ca nos privados. “Díxome: ‘rapaciña, aquí non se adxectiva’. Foi a primera lección”, di.

Pero non só de informativos vive a Crtvg. Algúns dos seus mellores momentos están vinculados a series emblemáticas como Dallas, McGyver, Magnum, A Nanny ou Bonanza e, sobre todo, ás dobraxes, un mundo descoñecido para os galegos, que, de súpeto, atoparon as estrelas estranxeiras falando na mesma lingua na que eles ían buscar a froita ao mercado. “Aínda se seguen a comentar as frases míticas. Ao principio chocaba, porque aínda que estabamos habituados a escoitalos en castelán, en galego resultaba sorprendente”, recoñece o actor Fernando Morán, que lle puxo a voz ao capataz da telenovela A escrava Isaura, a primeira obra deste xénero que se dobrou na televisión galega. “Estás bébeda, Sue Ellen?”, “O último grolo, Xotaerre”, “Es un pimpín, Songoku” ou “Francamente querida, impórtacheme un carallo”, xa pasaron á memoria audiovisual dos galegos, nun feito que produciu un efecto normalizador para a nosa lingua. “Foi un paso moi importante porque, ademais, se acabou con moitos dos complexos que tiña a xente”, afirma Morán.

Pero todo isto son recordos. A tele e a radio galega teñen 25 anos, xa se fixeron grandes, pero agora xa comezan a camiñar cara á idade adulta, cos problemas que a madurez conleva, entre outras, unha reforma da súa lei. Pero iso será outra historia...

Ningún comentario:

Publicar un comentario