domingo, 11 de abril de 2010

A resistencia do 68

O presidente do Principado de Asturias, Vicente Álvarez Areces, encomiou onte en Santiago de Compostela o libro Inmunda Escoria do profesor e historiador Ricardo Gurriarán, que describiu como "un testemuño obxectivo dun pasado próximo, difícil e real". O texto narra a historia da Universidade española e da Universidade de Santiago durante a ditadura franquista.

O libro foi presentado no Colexio Fonseca, nun acto ó que asistiron o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado e o autor, entre outras personalidades.

Na súa intervención, o presidente do Goberno asturiano destacou a capacidade narrativa e de condensación de Gurriarán e criticou "o despropósito e a violencia represiva que presidían as decisións da Ditadura".

Álvarez Areces fixo ademais un repaso polos episodios do 68 santiagués, así como polas diferentes estratexias de resistencia fronte ó Réxime das organizacións políticas universitarias.

Recordou que participou durante os anos 66 e 67 na articulación de novas canles para reivindicar a participación estudantil democrática na vida universitaria e dixo que durante aquel curso se estendeu a contestación organizada. "Demostramos que tiñamos unhas inquietudes máis amplas que as simplemente académicas", subliñou o presidente do Goberno asturiano.

Así mesmo, agradeceu o apoio que a sociedade galega e a cidade compostelá lles brindaron ós estudantes durante a folga e o peche da primavera do 68. "Felicítoo por este libro que fala da Universidade de Santiago e, sobre todo, dunha historia colectiva e valente para gañar unha sociedade libre e de progreso científico e social", concluíu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario