martes, 20 de abril de 2010

Memoria da rebelión


Causa Galiza organiza un programa de actos para homenaxear os mártires de Carral, que inclúe un acto político e un concerto no que participarán Zenzär e Machina

MONTSE DOPICO . SANTIAGO

No mes de Abril de 1846, un batallón do exército comandado polo coronel Solís ergueuse contra o goberno de Narváez, sendo raíña Isabel II. A rebelión estendeuse a Compostela, Pontevedra, Tui e Vigo. Formouse unha Xunta Superior do Goberno de Galiza que terá como secretario un dos principais ideólogos do provincialismo: o mozo Antolín Faraldo. Na batalla de Cacheiras, en Montouto, comezou a derrota dos sublevados, que se consumou co fusilamento dos principais dirixentes en Carral.

Causa Galiza organiza unha homenaxe aos mártires de Carral, que se vai desenvolver neste concello da Coruña na tarde e noite do sábado 24 de Abril. Os actos van dar comezo ás 18:00 horas cunha concentración e rondalla desde o monumento dos mártires, ás que van seguir un acto político na igrexa de Paleo e un concerto no que participarán grupos como Zenzär e Machina.

Causa Galiza sitúa nos acontecementos de 1846 o inicio da andaina do soberanismo galego, en confluencia coa visión achegada polo historiador Uxío-Breogán Diéguez na obra Síntese histórica do soberanismo galego (1846-1936). Porén, outros historiadores como Xusto Beramendi e X.M, Núñez Seixas entenden o prounciamento militar de Solís no 1846 como un intento por parte dos liberais progresistas, - demócratas e partidarios da descentralización-, de desprazar do poder aos liberais moderados - autoritarios e centralistas-, no contexto do que denominan provincialismo, unha etapa do galeguismo pre-nacionalista.

Investigadores como Diéguez prefiren falar, para esta data, de soberanismo, que tería os seus precedentes nas alusións populares á patria e na defensa da lingua e a cultura galegas por figuras como o Padre Sarmiento. Manuel Murguía dixo que esa curta primavera de 1846 só aflorou durante 24 días de ilusión e progresismo. O secretario de formación da CIG, Manuel Mera, publica na rede un artigo no que indica que "a revolución de 1846, progresista cun tinte prenacionalista, foi no fundamental unha batalla entre militares cunha participación cativa de milicianos", que "espertou consciencias e animou a toda unha xeración que estaba xermolando, como Murguía, Rosalía, Aguirre ou Pondal. Ese será o seu grande triunfo, o de deixar semente".

O programa dos actos de Causa Galiza comezará cunha concentración no Monumento aos Mártires de Carral, á que seguirá unha rondalla polo concello até a igrexa de Paleo, onde ás 19:00 vai ter lugar o acto político. Rematado este, vai dar comezo unha sesión vermú na taberna Lume e Ferro (Campo da Feira, 3), onde ás 22:00 se vai realizar tamén unha cea de convivencia. Os actos van rematar a partir das doce da noite na Sala The Star (Rúa Rosalía de Castro, 8), onde vai celebrarse un concerto coas actuacións de Bouba Pandereteiras, Zënzar, Labregos do tempo dos Sputniks e Machina.

Para a asistencia ao acto, Causa Galiza vai organizar autobuses desde Vigo e Compostela, que pasarán por Pontevedra e Ordes respectivamente, e que se suman aos de liña comercial xa existentes que comunican Carral coa Coruña cada media hora, noite-bus incluído. A data límite para apuntarse aos autobuses é o 21 de Abril, a través do correo info@causagaliza.org ou chamando ao teléfono 630 690 869.

VIGO

Retirada de símbolos franquistas

O Concello de Vigo comezou a retirar de igrexas da cidade os símbolos do franquismo, confirmaron a Efe fontes municipais.

Os traballos comezaron o luns e centráronse en igrexas como a de Santo Tomé de Freixeiro e San Andrés de Valadares, mentres que onte se procedeu a retirar símbolos franquistas que existían no templo de Santa María de Castrelos. O proceso execútase en dúas fases, unha primeira, na que se eliminan placas ou inscricións presentes nas paredes destes templos e na segunda utilízanse sistemas para retirar da pedra gravados ou rastros das placas que estaban pegadas.

Serán en total doce as igrexas nas que se eliminarán os símbolos franquistas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario