venres, 30 de outubro de 2009

'Señora de', 12 mulleres contra a Sección Feminina


Ó. I. - El Páis- 30/10/2009

De cando a anulación das mulleres era un uso social consagrado pola lei trata Señora de, o documental de Patricia Ferreira, onte exhibido na Semana de Cine de Valladolid. A idea levaba tempo maquinándoa Carme Rábade, da escola de produción O Raio Verde, coautora do guión canda María Salgueiro e Ferreira (Para que no me olvides, El alquimista impaciente). Chegaron a xuntar 300 historias de galegas, e ao final escolleron os testemuños reais de 12 mulleres en formato entrevista, coa aportación da socióloga Mercedes Noval.

"Eu preguntábame desde había moito tempo polos porqués da xeración da miña nai", explicou a cineasta de orixe galega. "O porqué dese silencio tan mesto das angueiras familiares. Non podía crer que non tivesen outros anceios, e quería saber as razóns que as levaron a agochar a súa vida". A procura remata na Sección Femenina e na Igrexa, armas de decantación do Movimiento.

No filme falan mulleres representativas de todos os estratos sociais. "Está María, nai solteira pechada nun reformatorio onde eran putas ou tolas", conta Ferreira. "Cando saíu tivo que asumir que a nai solteira xa era unha perdida para sempre, que calquera podía aproveitarse dela". A amargura difire da sentida por Ana, a muller burguesa que deixou o traballo para se converter en señora de. O primeiro pase en Galicia será a mediados de novembro, no festival compostelán Cineuropa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario