Diego Giráldez
| @diegogiraldez praza.com
No Mercantil, 1933 |
En 1933, a viguesa Emilia Docet (1915-1995) foi
elixida Miss España. Tiña dezasete anos. Con esa idade comezou a ocupar páxinas dos xornais: homenaxes, bailes,
viaxes e banquetes na súa honra. Era Miss España, Señorita España.
Mais a súa atractiva personalidade superou a anécdota; a súa identidade
deixouna, para sempre, atada á Historia. Ao mellor ela non quería. Ou si. E
implicouse –de xeito activo- co Partido Galeguista fundado dous anos antes.
Hai fontes documentais dabondo para certificar que a
vinculación de Emilia Docet co galeguismo da época é incuestionable. Son
testemuñas directas que desvelan a súa implicación política sen ambaxes. Foi,
para o movemento, un dos seus símbolos de moda. Para o catedrático de
Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto “ser Miss España naquela época
era un fito de modernidade e o rol de propaganda, de marketing, que posuía
Emilia Docet dentro do PG di moito de ata onde chegou o galeguismo en pouco
tempo”.
Para unha entrevista en El Pueblo Gallego do
3 de xuño de 1933 a recén elixida Miss España, a viguesa Emilia Docet
(1915-1995), recibe ao xornalista na súa casa. Segundo describe o autor da
reportaxe, ábrelle a porta a súa irmá, María Luisa. Cando Emilia irrompe no
salón, loce no seu peito unha insignia de ouro do Partido Galeguista (PG).
“Regalouma o Partido porque son afiliada. Eu vería con inmensa satisfacción que
todas as mulleres de Galicia a levaran, coma min, no seu peito”. De seguido, o
xornalista recolle como remata Emilia esta conversa: “A maior alegría da
miña vida será o día no que á nosa terra se lle conceda o seu Estatuto”.
Emilia, a muller de “democrático carácter” -tal e
como a definía un xornalista na páxina de información municipal de El Pueblo
Gallego do 3 de marzo de 1933- cooperou activamente: o mesmo xornal
recolle máis adiante, por exemplo, a visita que Emilia fai ao ministro de
Agricultura para pedirlle que o goberno levantara o embargo a 7.000 familias
labregas. Eran avalistas dun empréstito estatal concedido por Primo de
Rivera para construír o primeiro matadoiro industrial cooperativo de Galicia.
Un ano despois, o diario El Compostelano recolle na súa edición do
24 de xullo a intervención da Miss no Mitin das Arengas celebrado
na Praza da Quintana, xunto a Castelao, Bóveda, Suárez Picallo, Paz Andrade e
Lugrís Freire, entre outros. Risco, Otero Pedrayo e Cunqueiro homenaxéana en
Ourense; reúnese con agrupacións galeguistas de fóra do país... A súa
implicación é innegable. Fernández Prieto considera que Emilia Docet “tiña unha
posición política incontestable”. Ademais salienta “o seu apoio ao
Estatuto, a defensa dos cooperativistas” e conclúe que “a súa participación no
galeguismo do momento foi evidente e pública”.
Dos diarios de entón non só extraemos a
participación de Emilia en actos progaleguistas; nas entrevistas, nas crónicas,
atopamos xestos, acenos, que a conectan a unha ideoloxía afín a esta liña
política. Ao comezo daquela interviú da que falabamos antes, por
exemplo, a Emilia nótaselle un tanto molesta: vén de Cataluña, agotada da
viaxe. Anoxada, afirma. “Xa vin a anécdota que publicastes do meu
bico a Macià. Insisto en que Maciá é un símbolo. A Galicia faille falla,
moitísima falla, un home como Macià”, dille ao xornalista. Con toda
probabilidade Emilia refírese a Francesc Macià, un histórico do independentismo
catalán.
Foi Antonio Villar Ponte, un dos líderes do PG de
preguerra, o que dixo dela nunha columna contundente en El Pueblo Gallego do
23 de maio de 1933, que era unha muller que tivo “o valor de facerse galeguista
no mesmo intre no que o seu nome saíu do anonimato”. “A que lle deu á instintiva afección da orixe todo un contido ideolóxico”.
E apuntaba: “Séntese tan francamente galeguista que figura inscrita no partido
cumprindo cos seus deberes de afiliada incluso como cotizante”.
Era unha muller culta, intelixente, activa,
excelente deportista. Un dos seus dous
fillos, Francisco Novoa Docet, cóntanos que a súa nai era unha muller
“tolerante, animada, alegre, que transmitía o seu optimismo a toda a familia”.
E engade que sentía “unha grande confianza hacia ela”. E conclúe: “Axudoume
sempre que llo pedín, en calquera circunstancia”.
Logo daquel ritmo frenético no que viviu durante o
ano 1933, Emilia continuou os seus estudos: “estudou Peritaxe Mercantil na
Escola de Comercio de Vigo”, dinos o fillo. “Logo traballou no laboratorio
Miguel Servet da cidade e en 1940 casou con Francisco Novoa Ortiz, funcionario
de Obras Públicas”, concreta. Viviu en Vigo a meirande parte da súa vida.
Morreu aos 80 anos, segundo Francisco, “por causas naturais”.
Emilia Docet elixiu o rumbo da súa traxectoria, como
é natural. Mais é aquela muller da que falan os xornais a que forma parte da
historia. Unha figura que “sen lugar a dúbidas”, como sinala o profesor
Fernández Prieto, “responde ao concepto de emancipación da muller que procuraba
a II República”.
En certa ocasión, os coros Rosalía de Castro fixéronlle
un recibimento en Madrid a xeito de homenaxe. O xornalista, baixo o antetítulo
“Unha interviú máis”, anota as palabras da Miss. “O máis interesante para
min é ser Miss Galicia; isto aprécioo máis que o título de Miss
España, con aprecialo moito”. Emilia colle a bandeira da organización,
comeza a ondeala, e pide que os coros entoen o himno galego. Aquel galeguismo
de Miss España era así.
Ningún comentario:
Publicar un comentario