The
rhythm of time é o título dun dos poemas que o preso político irlandés escribiu nos seus
anos en prisión. Icona anti-imperialista e símbolo da resistencia até os
seus últimos días, este 5 de maio conmemórase o 32 aniversario da morte de
Robert 'Bobby' Sands
O.R.
Sermos Galiza
"Non
vou repousar até conseguir a liberación do meu país. Até que Irlanda se
convirta nunha república soberana, socialista e independente"
(Bobby
Sands 1954-1981)
Roibeárd
Gearóid Ó Seachnasaigh dicía de si propio que era só un neno de clase
obreira ao que a represión inglesa espertara o espírito revolucionario de
liberdade. 32 anos após a súa morte, segue a ser símbolo
de resistencia.
Margaret
Tatcher foi responsábel do seu pasamento. Intransixente até os últimos días
negouse a escoitar as demandas dos presos do IRA e do INLA que en sucesivas
folgas demandaban do imperio británico seren recoñecidos como presos políticos.
Combatentes nun conflito que por varias décadas tivo dous bandos claramente
definidos.
Bobby Sands
foi un dos membros do IRA/INLA que faleceu após 66 días sen comer na loita
coñecida polas Five Demands. 5 demandas nas que reclamaban ao goberno
inglés un Estatus penitenciario especial. As demandas, teren dereito a non
vestir uniforme, a non desenvolver traballo algún na cadea, dereito á libre
asociación con outros presos mais tamén a recibiren correspondencia do exterior
unha vez por semana. "Non, non e non" foi a resposta de Margaret
Tatcher ás exixencias dos presos políticos.
Da
Protesta da Manda á Folga de fame
A campaña de
protesta comezou en 1976 co Protesto da Manta na que os nacionalistas se
negaban a portar o uniforme imposto pola prisión e exixían seren recoñecidos
como prisioneiros políticos.
Logo de que
varios deles foran atacados pola policía inglesa encetaron o Protesto Sucio (1978)
que os levou a non se lavaren e emporcallar a cela como respulsa ás imposicións
do executivo británico e a negativa deste a lles recoñecer un estatus propio.
"Un crime é un crime, non política" afirmou a primeira ministra na
Cámara de representantes perante as demandas do IRA/INLA.
Bobby Sands
era naquela altura dirixente do colectivo de presos. Mais tamén parlamentar
eleito após a convocatoria electoral que deviñera do falecemento dun dos
representantes da súa circunscrición. Perante a intransixencia británica, en
1981 Sands e 23 presos máis inician unha folga de fame que duraría até o 3 de
outubro dese mesmo ano. Dez meses en loita e dez presos mortos.
Após o
cesamento do protesto, debilitado polas demandas dalgúns familiares que exixían
a intervención médica para salvar a vida dos presos, James Prior, secretario de
Estado de Irlanda do Norte anunciaba publicamente a decisión de que os presos
do IRA non tivesen obriga de vestir "en todas as ocasións" uniforme,
tamén así permitirían ás familias visitar e enviar correspondencia semanalmente
ás cadeas. No entanto, o goberno británico nunca recoñeceu a condición de
presos políticos aos membros da resistencia irlandesa.
A folga de
fame e a perseverancia dos presos, entre eles Bobby Sands, consolidou o proxecto
político do Sinn Fein en Irlanda que após un ano da Folga de 1981 conseguiu 5
escanos no Parlamento irlandés. O apoio popular a Sands e os demais presos en
folga ficou notorio no enterro do nacionalista ao que asistiron maís de 100.000
persoas. A figura de Sands, pasaría a historia como un símbolo de
combatividade, perseverancia e loita polos dereitos dos presos mais tamén das
nacións sen Estado que aínda hoxe, seguen a loitar por un país soberano,
socialista e independente.
"... a nosa vinganza será o sorriso das nosas crianzas"
Ningún comentario:
Publicar un comentario