Tres días de homenaxes e o enterro co que nunca contou homenaxean o emblemático cantautor executado no golpe militar de Pinochet.
Vieiros 04/12/2009
"A Víctor Jara sepultámolo con todo o cariño do seu pobo, mais tamén coa exixencia de que se faga xustiza". Así fala Gloria Koning, organizadora do funeral popular que rende tributo ao músico chileno executado pola ditadura de Augusto Pinochet. É o acto central de tres días de homenaxes que Chile lle está a facer ao autor de "Te Recuerdo Amanda", logo de que o seu corpo fose exhumado por orde dun xuíz co obxectivo de aclarar a súa morte.
Milleiros de chilenos de todas as idades renderon a súa particular homenaxe ao cantautor: unha procesión de mozos, anciáns e mesmo nenos iniciaron este xoves o extenso, histórico e postergado velorio que rematará o vindeiro sábado co seu definitivo enterro. No mesmo cadaleito onde foi soterrado secretamente o 18 de setembro de 1973, o músico recibe as honras das que fora privado en Santiago de Chile, nunha cerimonia que, ademais do afecto popular, amosa un berro común que exixe que se faga xustiza polo seu asasinato.
Contra a impunidade
Jara foi detido no mesmo día no que Pinochet tomou o poder, o 11 de setembro de 1973, xunto con outros cinco mil prisioneiros políticos nun estado de Santiago. Alí foi brutalmente torturado e cinco días máis tarde asasinado. Ademais, as súas mans foron esnaquizadas. O seu corpo, cribado xunto ao de centos de prisioneiros executados, foi trasladado até o Servizo Médico Legal. Un funcionario recoñeceuno e avisou da súa morte á viúva, a británica Joan Turner.
A día de hoxe, a investigación xudicial non conseguiu determinar quen deu a orde para asasinar ao músico. De momento, a xustiza conseguiu procesar só a dúas persoas: un soldado que recoñeceu terlle disparado e un oficial que custodiaba o recinto deportivo.
O cantante recibe agora o recoñecemento que non tivo en 1973, cando foi sepultado pola súa viúva nun modesto nicho do Cemiterio Xeral de Santiago, no máis absoluto silencio. "Temos a indignación de que se manteña a impunidade sobre a súa execución", di Koning, "mais polo menos agora ten o recoñecemento explícito de todo o seu pobo".
Ningún comentario:
Publicar un comentario