mércores, 9 de decembro de 2009

O folclore que cruzou o Atlántico


Netos de emigrantes en Buenos Aires recuperan cantos e danzas antigas de Galicia

JOSÉ LUIS ESTÉVEZ, El País, 04/12/2009

O interese por analizar os cantos e os bailes que trouxeron os seus antepasados a Arxentina é o que alenta o proxecto Bos Aires Boa Terra, unha iniciativa que xa leva funcionando algúns anos e que agora se fai pública por primeira vez a través dun espectáculo que se está a presentar en distintas localidades da capital arxentina. Os mozos María Eugenia Seijo e Martín Calderón son os motores dun proxecto que os levou a realizar máis de 70 entrevistas a emigrantes nestes últimos seis anos para tratar de recuperar o folclore que estes anciáns traían na súa testa no momento en que iniciaron a súa viaxe cara a América.

Seijo e Calderon adican boa parte do seu tempo libre a visitar as persoas que creen que poden aportar os seus recordos ao proxecto. "Imos ás casas dos emigrantes e nos reciben cunha mesa chea de cousas para comer e beber. Ademais de gravar as entrevistas, o que tentamos facer é que eles mesmos interpreten as cancións que lembran e tamén, se poden, que bailen. O problema é que a maioría son xa moi vellos", explica Maria Eugenia, a encargada da danza mentres que Martín se especializa no canto.

Algunhas veces atopan xoias, coma María, unha señora de 103 anos que canta e toca a pandeireta mentres as súas fillas (que andan polos 80 anos) e os seus xenros danzan no salón da súa casa. Ver e escoitar a gravación deste e doutros momentos é un auténtico privilexio para os interesados na recuperación do folclore de principios do século XX. As filmacións suman moitas horas de vídeo. "O mais urxente é rexistrar todo este material porque se trata de persoas maiores e se non as gravamos agora as cancións que teñen na memoria perderanse para sempre", indica Martín.

Fronte ao que resulta habitual neste tipo de compilacións que tamén se realizan en Galicia, en Buenos Aires o traballo é moito máis dificultoso porque resulta case imposible atopar a dúas persoas que procedan da mesma aldea. "Pasou varias veces que atopamos a dúas persoas de pobos veciños e as cancións das que se lembran son totalmente diferentes entre si. Coa Guerra Civil cortouse unha cadea de transmisión do folclore e logo, cando chegaron aquí, mesturouse todo e perdeuse un pouco a pureza", apunta Martín.

Unha das tácticas que utilizan para atopar as súas vítimas é a de observar os anciás que coñecen cando acoden co seu grupo a actuar nalgún aniversario ou celebración. "Soe pasar que algún dos vellos se lanza a bailar o cantar e entón falamos con eles para ver a posibilidade de entrevistalos", di María Eugenia.

"Os avós dicíannos que os nosos bailes eran moi difíciles porque son moi distintos aos que eles coñecían por esa mestura. Agora co novo espectáculo baseado no que eles contan séntense máis identificados", explica María Eugenia. A montaxe que están a presentar nestas semanas inclúe bailes e cancións en directo acompañadas por vídeos nos que se pode ver as explicacións dos emigrantes e as súas propias interpretacións dos temas. A intención é a de poder editar un disco co material recuperado pero aínda non teñen moi claro como o van poder levar a cabo. Entre os cantos e danzas que se interpretan durante o espectáculo atópanse Canto e muiñeira de Bande, Valse, xota e muiñeira do Deza, Muiñeira de Padrón e Danza de palos de San Lourenzo de Fustáns.

María Eugenia e Martín pertencen ao grupo folclórico Lembranzas da Terra, que conta con máis de 30 anos de existencia en Buenos Aires. As dificultades ás que se enfrontan para levar adiante a súa actividade son moitas porque non contan cun local onde gardar os traxes e instrumentos que utilizan nas actuacións. Resulta irónico que estas dúas persoas que se dedican a estudar e recuperar composicións do folclore galego teñan que ensaiar no local do Centro Regional Leonés. Precisamente Martín é bisneto de emigrantes que procedían da zona do Bierzo mentres que María Eugenia tivo antepasados de Ferrol. "Mamei todo isto desde moi pequena", afirma.

Ademais de poder seguir difundindo e mellorando o seu traballo, un dos soños de Martín e María Eugenia é o de poder completar a súa investigación visitando en Galicia as aldeas dos emigrantes. "Así poderíamos incorporar ás cancións e aos bailes os elementos dos que nos fale a xente de alá", sinala Martín. Polo momento semella pouco máis que un soño porque o seu contacto con institucións e grupos galegos é practicamente inexistente. "Estiven en Galicia un par de veces para facer algúns cursos e puiden coñecer á xente do grupo Fiadeira. Iso foi todo", laiase María Eugenia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario