luns, 14 de decembro de 2009

Mercancía sexual


"Como sabes que a muller pola que estás a pagar non foi vendida?", pregunta Emma Thomson: O 70% das prostitutas en Galiza "perténcenlle" a unha mafia

REDACCIÓN/E.P.. Galicia-Hoxe

"A venda e compra de mulleres e nenos está a suceder aquí e agora, diante dos nosos narices, sen que sexamos conscientes". Son palabras da actriz e activista Emma Thompson pronunciadas onte en Madrid durante a inauguración da exposición Journey que pretende concienciar a sociedade sobre a realidade da trata de seres humanos con fins de explotación sexual e na que tamén participou a ministra de Igualdade, Bibiana Aído.

Antes da presentación, aactriz inglesa asistiu aos Desayunos de TVE onde asegurou que o xeito de acabar con esta situación pasa por "legalizar a prostitución", como ocorre xa en Alemaña e Holanda, e convencer aos Gobernos para que lles dean protección ás vítimas desta "escravitude", "mulleres que están avergoñadas, esnaquizadas e non fixeron nada". Non é a solución definitiva, afirma, pero a legalización "pode axudar a que a prostitución sexa máis segura e así podemos identificar os responsables da trata".

"A prohibición sempre tende a manter as cousas baixo terra e se a prostitución é ilegal é máis probable que as mulleres sexan danadas e maltratadas", agregou.

Mellorar as posibilidades económicas das mulleres, formar a policía e tamén os propios clientes para que aprendan a identificar ás vítimas da trata de brancas, son algunhas das solucións que achega a actriz para combater este problema, na necesidade de distinguir claramente a prostitución da trata, xa que "a xente que foi forzada e chega á prostitución a través dela non tivo outra opción".

"Aquí mesmo, en Madrid, tedes unha base enorme de clientes, é a vosa xente a que está creando e apoiando este mercado e tamén temos o mesmo problema en Londres pois é moi común en todas as cidades ricas", recordou Thompson, á vez que chamou a aqueles que crean que as mulleres, nenos, e nenas non deben ser comprados nin vendidos, a "mirar esta exposición e actuar agora". Neste sentido, animou as persoas que coñezan a alguén que pague por sexo, a que lles pregunten "como saben que as mulleres polas que están pagando non foron vendidas" e afirmou que "este feito lle dá á idea de pagar por sexo un novo significado".

Neste sentido, a delegada de Familia e Servizos Sociais do Concello de Madrid, Concepción Dancausa, recordou que "o 90% das mulleres que exercen a prostitución en España, un dos países con máis casos de explotación sexual, son estranxeiras e o 70% delas están en mans de redes".

Doutra banda, a ministra Bibiana Aído remarcou que "unha sociedade digna non pode ser cómplice deste delito, a escravitude e a explotación sexual", á que se referiu como "unha das formas máis antigas de violencia contra as mulleres, unha das mais aberrantes xeitos de violar os dereitos humanos e de negar a dignidade das persoas". Ademais, reiterou que a trata de seres humanos con fins de explotación sexual "é un dos negocios máis lucrativos", e tamén sinalou que "esta realidade non pode ser disfrazada nin maquillada, pois os disfraces son inaceptables escusas ou mostras de desprezo cara á vida de millóns de mulleres".

É a terceira actividade ilegal en volume de negocio

Emma Thompson está en España para inaugurar xunto á ministra de Igualdade, Bibiana Aído, a exposición "Journey" (Viaxe) que denuncia o tráfico de mulleres con fins de explotación sexual.

A través de sete vagóns colectores deseñados por artistas internacionais -Esperanza, Viaxe, Uniforme, Dormitorio, Cliente, Estigma e Resurrección- a exposición invítanos a facer unha viaxe física e emocional con Helena, unha vítima da trata. Emma Thompson como coñeceu a Helena, unha vítima real sometida "a unhas situacións inimaxinábeis", á que lle deron unha maleta con roupa e lle dixeron "ponte isto e ponte a traballar". Como imaxe pública desta campaña de denuncia, a actriz protagoniza tamén o vídeo dunha prostituta que é enganada, violada, golpeada e que se ve obrigada a ofrecer os seus servizos sexuais atá con 40 homes cada día. "É algo horrible, maltrátanas, viólanas, tortúranas e dinlles ás súas familias que están mortas", engadiu.

Segundo datos da Organización Internacional do Traballo (OIT), cada ano ao redor de 2,5 mi- llóns de persoas son vítimas da trata de persoas, que é a terceira actividade ilegal en volume de negocio, só superada polo tráfico de armas e de drogas.

A exposición Journey chega a Madrid tras visitar Londres, Viena e Nova York e estará aberta até o 15 de decembro no Paseo de Coches do Retiro.

O DATO

350.000 donas explotadas no negocio do sexo no Estado

En España exercen a prostitución unhas 350.000 mulleres, das que o 90% son estranxeiras en situación irregular, especialmente de Rumania, Nixeria, Colombia, Brasil, Rusia e Ucraína.

Calcúlase que as rutas utilizadas polas redes de trata de mulleres cara a España seguen cursos paralelos aos das correntes de inmigración irregular. Os maiores fluxos proceden de América do Sur, por unha afinidade cultural e lingüística. Séguenlles as correntes desde os países de Europa do leste e de África por razóns de proximidade xeográfica. Ademais, España é utilizada como Estado de tránsito cara a outras nacións da Unión Europea, Estados Unidos ou Canadá.

É rendíbel, menos perigoso, e sen sanción penal

A trata de mulleres adoita estar asociada a outras especialidades delituosas, como o tráfico de armas, o narcotráfico ou a falsificación de documentos. De feito, as rutas de traslado e a rede de intermediarios teñen con frecuencia vínculos comúns.

Segundo o inspector Morena, algunhas organizacións criminais que con anterioridade se dedicaban ao tráfico de drogas ou ao contrabando de tabaco agora dedícanse ao tráfico de persoas, xa que esta actividade lles resulta "máis rendíbel desde o punto de vista económico e menos perigosa desde o punto de vista da sanción penal".

"Agora mesmo prioritariamente temos a mulleres de Europa do leste, que son tamén as que denuncian máis", explica. "A maioría das mulleres latinoamericanas non veñen tan sumamente vixiadas, nin controladas, nin en redes tan violentas como as mulleres de Europa do leste, caracterizadas principalmente pola excesiva violencia e crueldade, dentro das cales son as redes romanesas as máis importantes".

Ningún comentario:

Publicar un comentario