xoves, 10 de decembro de 2009

Unha cuestión de estilo


Un libro rescata o traballo de Luis Bagaría, considerado o máis importante caricaturista da II República, e a súa relación con Castelao

MARÉ . Galicia-Hoxe 6-12-09

Castelao, Valle-Inclán, Pardo Bazán, Basilio Álvarez, Julio Camba ou Pablo Iglesias son algúns dos galegos que caricaturizou Luis Bagaría, o máis destacado debuxante da prensa na II República. Agora, a editorial Rey Lear rescata unha selección dos seus traballos en Caricaturas republicanas, un libro a cargo do crítico literario José Esteban, que lle devolve ao lector o traballo dun home de forte compromiso democrático que morreu exiliado en Cuba no ano 1942.

Aínda que a súa actividade basculou entre Madrid e Barcelona -onde nacera no 1882-, as relacións persoais -e de admiración- de Bagaría cos galegos foi estreita, en especial con Castelao, compañiero de profesión gráfica. Retrátao en varias ocasións, unha no 1931 co corazón sangrando. Aparece Castelao nun peirao, preto dunha muller que levanta o seu fillo para o marido poda velo desde lonxe dun transtlántico, camiño da emigración.

As relacións entre o catalán e o galego non quedaron aí, senón que a teoría de Castelao influíu grandemente en Bagaría, na súa visión da caricatura como busca do contido interior do personaxe.

"Nada de desfigurar trazos", escribe Tomás Borrás, perioidsta de La Tribuna madrileña, "nada de sinalar, cunhas liñas de lápiz, o lado coñecido do caricaturizado. Iso é demasiado sinxelo. A caricatura para el é a síntese, no debuxo, do aspecto moral do individuo".

As bases desta nova estética que xorde para o xénero esóitaas Bagaría do propio Castelao, que as presenta nunha conferencia. Boa proba da relación que os unía é que o debuxante catalán elixe a Federico García Lorca e a Castelao para abrir unha serie de entrevistas en El Sol de Madrid, fundado por Ortega y Gasset. A serie sería dramaticamente interrompida polo golpe de estado de Franco no 1936 e só chegou ás tres entregas, a última dedicada a Gabriel Alomar.

Destas entrevistas, subliña José Esteban, "a máis famosa é a sostida co poeta granadino, pero a máis significativa é a de Castelao". Desilusionado de todo e de todos, Bagaría "lanza unha proposta de emigración colectiva dos españois, convertendo o país nunha especie de couto para turistas no que se exhibiría esa andrómena inútil chamada Congreso ata que se formase unha raza máis sociable e máis razoable".

Estreitos foron tamén os lazos con Valle-Inclán, ao que debuxou repetidamente ao longo da súa traxectoria e do que, incluso, fixo a invitación para a cea en honra ao escritor o un de abril do 1922 en Madrid.

O outro galego que retraou con asiduidade, sobre todo a partir do 1936, foi a Franco. A súa máis célebre caricatura foi O suicidio do traidor co seguinte pé: "Señor xuíz: a causa da miña morte foi a aperta dos traballadores".

O PERSONAXE

Símbolo dunha renovación formal

Nado no 1882, no seo dunha familia artesá barcelonesa, Bagaría viaxou a México e Cuba de novo, onde exerceu toda caste de oficios. Regresou a España no 1911 xa cun trazo moi persoal nas súas caricaturas, cada vez máis sintéticas. Traballou primeiro en Barcelona e logo en Madrid, onde se decata "de que non todo paraba en loas, que despois das loas viñan os cartos". A súa chegada a Madrid coincide coa dunha nova xeración de caricaturistas e perioidstas que buscan a renovación na linguaxe da prensa. O seu labor esténdese por diversos medios pero, sobre todo, en El Sol, nunha traxectoria que o converte no máximo representante do xénero en España. Membro do Partido Socialista, Bagaría trasládase Barcelona no 1936 tras o golpe de estado e ingresa en La Vanguardia, onde publica a súa célebre carta dirixida a Hitler. Na primavera no 1938 exíliase en Francia e logo en Cuba. Falece na Habana, no 1942, profundamente deprimido pola situación política que vivía España.

Ningún comentario:

Publicar un comentario