O 15 de decembro de 1969 nacía en Cuba, a iniciativa de Neira Vilas, o Fondo Gallego, destinado a estudar a presenza galega na illa
XOSÉ NEIRA VILAS. Galicia-Hoxe, 15-12-09
Foi o 15 de decembro de 1969. Van alá corenta anos. No salón de actos do Instituto de Literatura e Lingüística (ILL) da Habana nacía unha Sección Galega. A nosa emigración masiva á Illa findara máis de tres décadas atrás. As sociedades íanse extinguindo xunto cos asociados. Pasara máis de medio século de iniciativas como a da Academia Galega e do Himno Galego. Eu procedía de Buenos Aires, daquela época esplendorosa para a nosa cultura. Quixen botar a andar un centro cultural destinado a estudar a presenza galega en Cuba dende o século XIX e a divulgar os nosos valores: historia, literatura, arte, tradicións. Nada. Era como sementar na area. Todo estaba esgotado.
Foi nesa que pensei na creación dunha Sección Galega nalgunha entidade cultural. Algo que eu mesmo puidese atender. Cadraron varias cousas. Unha que Cuba era sensible en canto a coñecer as súas raíces, investigar o seu pasado, saber que materia étnica, lingüística, cultural conformaba a súa nacionalidade. Era pois sensible ante iniciatias deste carácter.
Cadrou tamén que eu traballaba no Ministerio de Industrias, como especialista de organismos internacionais, a só cincuenta metros do Instituto de Literatura e Lingüística, e amistara co seu presidente, o profesor e ensaísta Jose Antonio Portuondo. Propúxenllo a el e aceptou inmediatamente, coa condición de que eu me ocupase da dita Sección. Facilitáronme un local cos medios mínimos para traballar. En canto ó persoal fun conseguindo voluntarios: unha exiliada brasileira, un locutor xubilado, un estudante búlgaro, e máis tarde dúas ou tres "insertadas" universitarias de Filoloxía e de Historia que debían facer algunhas horas de prácticas semanais. Contei tamén cun exiliado galego.
Finalmente, o ILL cedeume unha bibliotecaria-investigadora. A todos tiven que explicarlles que é Galicia, onde se atopa, a súa significación histórica, cultural, etc. E falarlles da nosa emigración e as súas achegas esenciais en Cuba. Eu alternaba o meu traballo no Ministerio co da Sección Galega (esta última só o facía por patriotismo, é dicir, sen remuneración ningunha).
Ocupeime desta Sección durante 22 anos, é dicir, ata que me radiquei en Galicia, con Anisia, a miña compañeira, en 1992. Imposible enumerar aquí todo o noso labor, intenso e diverso. De primeiras, a biblioteca que se enriqueceu cos fondos que pertenceran ó Centro Galego, sobre todo no que se refire á hemeroteca, coas coleccións ben caudadas das publicacións periódigas galegas de Cuba. Cando faleceu o profesor ourensán Antonio do Campo xestionamos que os fillos nos cedesen a súa biblioteca, acaso unha das máis nutridas, en canto a Galicia, de toda América.
Outro bibliófilo foi Adolfo Calveiro, que a doou completa cando deixou Cuba. E moitos outros, en menor volume, así como sociedades que se foron extinguindo (neste caso comprenden tamén libros de actas, correspondencia, programas de actividades...) Ditáronse conferencias sobre Rosalía, Valle Inclán, Fontenla, Curros, La Sagra, Concepción Arenal. Eu ditei dous cursos de Lingua e Literatura galegas no Instituto de Idiomas Abraham Lincon.
Montáronse exposicións sobre Castelao, Seoane, a emigración galega, unha homenaxe de poetas e pintores nosos dedicada ó Che; fixéronse índices de revistas e semanarios galegos; investigouse a presenza de voces galegas na fala de Cuba, e os personaxes galegos na obra literaria de autores cubanos. Investigouse o paso pola Illa de figuras como Virginia Felicia Aubert, Castelao, Curros, Arturo Souto, Blanco Torres e moitos outros.
No plano internacional mantiñamos relacións con Universidades e centros de investigación de América e de Europa, e en Galicia coa Fundación Penzol, a Real Academia Galega, a Universidade de Santiago, etc.
Dende Cuba (moito antes das cátedras creadas e patrocinadas pola Xunta de Galicia), logramos que se ensinase lingua e literatura galegas nas Universidades de San Petersburgo (daquela Leningrado), baixo a dirección do profesor Zacarías V. Plavskin; e en Alemaña, na Universidade de Leipzig, a cargo do prestixioso filólogo Klaus Bochmann. O "Fondo Gallego", como se denomina actualmente, está coidadosa e intelixentemente atendido pola investigadora Yolanda Vidal, como un departamento máis do Instituto que dende hai algúns anos dirixe a Dra. Nuria Gregori. Grazas a ese fondo, o Centro Ramón Piñeiro publicou varias revistas galegas de Cuba en edición facsímile.
En 2008, coincidindo coa Feira Internacional do Libro da Habana, dedicada a Galicia, firmouse un convenio que pola parte galega asinaron a Consellería de Cultura e o Consello da Cultura Galega para dixitalizar ese valioso fondo bibliográfico.
Hoxe cúmprense corenta anos da inauguración dese importante centro de cultura, único no mundo instalado e incorporado oficialmente ós programas dun orgnaismo estatal estranxeiro que se ocupa de estudar a emigración galega, e a enriquecer e atender con rigor e agarimo todo o relacionado con Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario