venres, 11 de decembro de 2009

Entre humanismo e liturxia


A galeguización da Igrexa e a creación dunha alternativa política socialdemócrata que finalmente naufragou foron as principais achegas do galeguismo cristián, hoxe en horas baixas

V. OLIVEIRA . Galicia-Hoxe

Co relevo de Fernández del Riego na dirección da Biblioteca Penzol, esta institución é unha das últimas illas do galeguismo cristián. O sucesor do ex presidente da RAG, Francisco Domínguez forma parte desta corrente que se afanou -na súa faceta máis visible- na galeguización da Igrexa galega. De feito, Domínguez foi un dos encargados da tradución ao galego da Biblia en 1989, un proxecto coordinado polos teólogos Andrés Torres Queiruga e Xosé Fernández Lago.

"A tradución de textos litúrxicos e bíblicos foi unha preocupación dos galeguistas de pensamento cristián", como salienta a catedrática da Universidade de Vigo, Camiño Noia na súa achega ao libro Historia de la traducción en España. Unha preocupación iniciada xa en 1949 na breve etapa na que Fernández del Riego e Xaime Isla Couto coordinaban o suplemento do xornal compostelán La Noche que todos os sábados publicaba o texto en galego da pasaxe do Novo Testamento que se lería no evanxeo da misa dominical.

Unha liña clara para "os grupos galeguistas que controlaron o mundo editorial durante os trinta anos que van de 1950 a 1980 traballaron para ofrecerlles aos sacerdotes galegos, en xeral reticentes a usar a lingua autóctona no seu ministerio, os textos necesarios para que poidesen celebrar a liturxia en galego", apunta a profesora Noia. Un traballo elaborado por galeguistas cristiáns comprometidos coa normalización da lingua, vencellados a editoriais como Bibliófilos Gallegos, Galaxia ou Sept -especializada en obras de carácter relixioso- tales como os propios Fernández del Riego e Isla Couto ademais de Alfonso Zulueta, Agustín Sixto Seco ou Domingo García-Sabell.

Froito dese traballo, entre 1952 e 1984, publicáronse en galego unha serie de textos do Antigo e Novo Testamento, como o Eclesiastés ou O Cantar dos Cantares, a cargo do Centro Galego de Barcelona ou a Fundación Barrié da Coruña.

O avogado e economista Isla Couto, fundador da editorial Sept, impulsou a creación dunha alternativa demócrata-cristiá no galeguismo, finalmente fracasada nas urnas. "Eu penso que máis ben habería que falar dunha nova esquerda que enriqueza e contrapoña dialecticamente a concepción marxista do home cunha concepción ética cuxa referencia última é de raíz cristiá e humanista", afirmaba. Preocupado polo "divorcio" entre a Igrexa e Galicia, Isla Couto centrou os seus esforzos en loitar pola primeira galeguización da liturxia.

"Un cristián galego debe ter unha vinculación galeguista"

Tamén se encadran nesta liña nomes como o farmacéutico vigués Domingo Fernández del Riego, activo militante do movemento católico universitario ou Zulueta de Haz para quen "sempre un cristián galego debe ter unha vinculación galeguista".

Porén, outros intelectuais ficaron "na fronteira" como Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao, que mantivo sempre un punto de vista crítico polo posicionamento vergoñento da Igrexa na Guerra Civil, como o expresou a través de revistas como Irimia ou Encrucillada (nada en 1977 a inicaitiva de Sept e dirixida nun comezo por Torres Queiruga e hoxe en día, polo teólogo e profesor da Universidade Comillas, Pedro Castelao).

Pola súa parte, Filgueira Valverde, fundador do Museo de Pontevedra e militante do Partido Galeguista, expresou o seu desencanto polo trato da Igrexa ao galeguismo. "Foi moi pouca agradecida cos galeguistas, cando a historia do galeguismo está chea de eclesiásticos e leigos católicos galeguistas", aseguraba o académico da RAG. Aínda que tampouco entendía "o galeguismo dos que se definen ateos e anticristiáns en Galicia". Estas palabras falan xa dun galeguismo que foi arredándose do ideario cristiá e que hoxe en día está case totalmente desmarcado da Igrexa.

DANIEL LÓPEZ, REVISTA "IRIMIA"

"É suicida para a Igrexa a súa incapacidade de asimilar a herdanza dos que foron asasinados confesando a súa fe"

Falamos co sociólogo Daniel López, coordinador da redacción da revista Irimia, un referente do galeguismo cristián que tirou oitocentos números durante case trinta anos.

Que balance pode facer da historia de "Irimia"?

"Irimia" é unha experiencia colectiva, bastante orixinal. Nace no 81, pero en realidade nace bastante antes, porque non se pode entender separada de todo un movemento multiforme, moi rico en experiencia e en persoas marabillosas, diría que moi fecundo e fecundador. Falo dos Coloquios galegos de Parroquias dos anos sesenta e setenta, que culminan no famoso Coloquio do 76, coa Policía rodeando o mosteiro de Poio, todo un símbolo. Falo de todo o movemento comunitario ou de "base" do postconcilio, das chamadas comunidades populares, daqueles encontros chamados "Cruceiros" impulsados por Pepe Chao; tamén da experiencia máis intelectual que representa a revista "Encrucillada" e o que hoxe é a coordinadora de crentes galegos, enmarcada nunha rede estatal e internacional. "Irimia" está a carón e debaixo de todo iso, ao seu servizo, falando baixiño, dándolle voz e corporeidade a un galeguismo que non ten problema ningún en facer a síntese entre Bóveda, Ellacuría e esa declaración universal dos dereitos humanos que cumpre 61 anos.

No texto que publica na súa canle de "Vieiros", percíbese certa sensación de desvalemento, por que?

Certamente os momentos non son óptimos para case nada que se nutra de utopías do século pasado. Pero, ao mesmo tempo, isto do pensamento único, plano e consumista non pode durar moito. Isto ten un límite ecolóxico, outro social e outro psicolóxico. Así que outros, e sobre todo outras, virán que desempoen o factor esperanza, que deseferruxen o pensamento crítico, porque sen esperanza non podemos vivir.

Como cre que os esforzos do galeguismo cristián tiveron influído na percepción actual de galeguismo e cristianismo?

Se a historia en Galicia seguise desde o primeiro galeguismo un devir chamémoslle "natural", a percepción do galeguismo e do nacionalismo, mesmo da lingua, serían diferentes. Desgraciadamente houbo unha experiencia traumática, literalmente traumatizante, mesmo das mentes máis lúcidas, e por suposto, das máis lucidas. Refírome ao nacional-catolicismo. Daqueles odios veñen estes maniqueísmos. Efectivamente o galeguismo republicano tiña, entre os seus sumandos, unha significativa compoñente católica, certamente dun catolicismo matizado na maioría dos casos, e sobre todo para aqueles tempos, moi íntimo, moi sincero, moi libre. Abonda con botarlle unha ollada a "Logos", e ver as diferentes sensibilidades que alí coincidiron. Aquilo era un xerme de futuros mobilizadores de opinión, e uns tirarían máis pola esquerda e outros seguro que menos, como noutras nacionalidades históricas, pero sen maniqueísmos, e mantendo unha comuñón básica de valores democráticos. Todo iso escachou co franquismo. E cando se quixo recompoñer, as feridas resultan ser máis grandes cós compoñedores.

Hoxe existe un divorcio entre galeguismo e cristianismo?

Precisamente esas cousiñas como "Irimia", chaman a atención por existir ese divorcio tan evidente. É un divorcio, certamente, terrible, dos de mallarse. Dunha parte hai un negacionismo do factor cristián, que se valora como puramente reaccionario e intrinsicamente perverso para o bo esquerdista, porque tamén se parte dun reducionismo previo: so é posible un nacionalismo de pose esquerdista. E digo "pose" a mantenta, que ser de esquerda é algo máis serio. Faise así abstracción dun século de historia das ideas e dos movementos sociais no Sur e tamén no tardofranquismo. Ao remate o divorcio xa non é co señor bispo, senón co señor sentidiño e, xa que logo, co sentir do electorado que é menos estúpido do que os líderes lucidos adoitan pensar. Pero polo lado eclesiástico a cousa, neste momento, é de psiquiatra social. Resulta suicida para a Igrexa a súa incapacidade de asimilar aquela herdanza, a daqueles que, como Bóveda, morreron de morte matada do lado republicano facendo confesión expresa da súa fe. A cúpula eclesiástica ten unha impúdica nostalxia do franquismo e un evidente pavor a unha sociedade plural e non confesional. Crean por iso unha cultura endogámica, que non se deixa fecundar pola vida exterior. Expulsan os disidentes, empobrécense. É unha mágoa, porque non estamos tan sobrados de liderados simbólicos e morais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario