luns, 14 de decembro de 2009

"Galicia Arquitectour"


Unha iniciativa propón visitas guiadas polos edificios máis representativos da arquitectura contemporánea en Compostela, obra de Siza, Portela, Gallego Jorreto ou Eisenman

V. OLILVEIRA . Galicia-Hoxe

Álvaro Siza, Victor López Cotelo, Peter Eisenman, Aldo Rossi, Albert Viaplana e Elio Piñón, Manuel Gallego Jorreto, Andrés Perea, César Portela, Julio Cano Lasso e Diego Cano Pintos, Alberto Noguerol e Pilar Díez, Antón García Abril, Giorgio Grassi, César Coll e John Hedjuk. Os edificios que levan a rúbrica destes arquitectos en Compostela converteranse en protagonistas dunha nova ruta de visitas guiadas chamada Galicia Arquitectour.

A leonesa Liana Ramos - que leva quince anos traballando na Oficina Técnica do Consorcio de Santiago- impulsa esta iniciativa na que tamén participan o arquitecto vigués Santiago Rodríguez, o tradutor francés Mickaël Bonnot, o historiador César Loza, a filóloga alemá Dietlinde Lange, e o compostelán José Díaz.

"Hai moitas obras da arquitectura contemporánea en Santiago que, ás veces, son totalmente descoñecidas para a xente. Por iso me pareceu interesante para mostrala de forma máis técnica, por usos temáticos", explica Liana Ramos. "Queremos alongar as estancias medias deste tipo de turismo a tres días para mostrarlles aos visitantes a gran riqueza visual, gastronómica e cultural do país", comenta.

As visitas, que se poden consultar e contratar a través da súa páxina web - www.galiciaarquitectour.com-, poderán ademais configurarse "á carta". "Serán os propios visitantes os que nos dirán cantos días queren pasar na cidade e nós ofrecémoslles traslados dende o aeroporto, aloxamento e tamén cociña de autor ou gastronomía local", sinala a directora de Galicia Arquitectour. Ao ver de Ramos, Compostela foi mudando a súa paisaxe urbana grazas á construción de novos edificios contemporáneos. "A renovación urbana é evidente. A cidade dotouse con infraestruturas a un nivel que non teñen outras cidades europeas. Compostela está preparada para competir en calidade con outras cidades grazas a estes edificios que lle confiren un carácter de modernidade que a achegan ao século XXI", asegura.

Comparte a mesma visión o intérprete galo Mickaël Bonnot, que fará as veces de guía e tradutor para grupos francófonos."Non asociamos a arquitectura contemporánea cunha cidade pequena pero, realmente, Compostela é unha cidade con moitas posibilidades, un exemplo para outras urbes", indica. Bonnot, que cursou historia e arqueoloxía medieval, desfrutou documentándose. "Esperamos visitas de escolas de arquitectura pero tamén doutro tipo de público que non sexa do gremio", comenta.

Pero a iniciativa non só se restrinxirá a Compostela senón que tamén agardan abrila a toda Galicia e mesmo a Portugal. "Queremos chegar coas visitas até Porto, porque cremos que é unha maneira de unir os pobos europeos, de dar unha mellor cara ó cidadán e ó mundo", resalta Liana Ramos.

OS LUGARES

Do CGAC á biblioteca Ánxel Casal

Entre os edificios que formarán parte destas visitas guiadas atópanse obras tan representativas de Santiago como o CGAC ou a facultade de Ciencias da Comunicación de Álvaro Siza, o Palacio de Congresos de Alberto Noguerol e Pilar Díaz, a Cidade da Cultura de Peter Eisenman ou o Auditorio de Galicia de Julio e Diego Cano. Pero tamén se amosarán construcións menos coñecidas como o centro cultural da Trisca, obra de Heyduck, o Centro de Estudos Avanzados da Universidade compostelá, deseño de César Portela, ou os institutos de investigación universitarios de Gallego Jorreto.

Entre as obras máis recentes, os visitantes poderán coñecer a sede da SGAE en Santiago, obra de Antón García Abril e a Biblioteca Pública Ánxel Casal, ideada por Andrés Perea. Ademais, na ruta tamén se poderán ver edificios de vivendas feitas na Alameda ou en La Vaquería para Construcións Otero Pombo polo arquitecto Víctor López Cotelo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario