09 Xullo 2012 09:43 Escrito por Enrique Carballo. Dioivo
O 20 de xuño deste ano transcendeu aos medios que tres persoas foron
executadas polas autoridades de Arabia Saudita. Dous deles eran unha parella de
exipcios que secuestraron unha nena, violárona e vexárona durante anos. O
terceiro, un home ao que se atopou en posesión de libros de ocultismo e maxia,
e ao que se decapitou baixo o cargo de "practicar bruxaría" e cometer
adulterio.
En pleno século XXI, nun país considerado amigo polas principais potencias
mundiais e que o rei Juan Carlos acaba de visitar de forma amigable, os
tribunais seguen practicando a caza de bruxas. Non é un feito illado: nos
últimos anos, o principal produtor de petróleo do mundo decapitou a unha anciá
que vendía remedios curativos contra as enfermidades, a un sudanés que lanzaba
supostos feitizos, sentenciou a morte a un libanés que lía as cartas e a unha
cidadá saudita que provocou a impotencia nun home, ao parecer, empregando maxia
negra.
Pero este fenómeno non se limita a Arabia saudita. Nalgúns países, a
persecución da bruxaría está organizada e aprobada polo goberno. En Gambia,
segundo Amnistía Internacional, os cazadores de bruxos son patrocinados polos
dirixentes do país. O organismo calculou que uns 1.000 gambianos foron
secuestrados por cazadores profesionais traídos da veciña Guinea, acompañados
polos gardas persoais do presidente, Yahya Jammeh. Os así capturados foron
levados a centros de detención especiais, onde se lles propinaron malleiras e
obrigóuselles a inxerir substancias alucinóxenas. Algúns morreron. Jammeh é
tamén coñecido por xurar publicamente que executaría a calquera homosexual que
atopase no país, e anunciar que é capaz de curar a SIDA mediante unha cocción
de herbas. En Camerún a feiticería é un delito, que pode carrexar penas de
cárcere ou multa. Papúa-Nova Guinea recoñece a existencia de dous tipos de
maxia, a branca, permitida, e a negra, penada.
Na súa maioría, as cazas de bruxas actuais prodúcese nas rexións rurais do
África subsahariana, o Norte da India e en Papúa Nova Guinea, onde está a vivir
un auténtico auxe. Neste último país, as execucións de bruxas cífranse en máis
de 150 ao ano, mentres que outras fontes falan de 200 mortes anuais. No ano
2008, foron identificados 50 asasinatos por este motivo en dúas provincias de
Papúa, e segundo un inspector de policía local, na súa área de traballo
poderían darse uns 20 casos ao mes. No país existen cazadores de bruxas
profesionais, e un grupo deles declarou a un xornal occidental que se ocupou de
18 presuntos feiticeiros.
Resulta difícil cuantificar o número de mortes que se producen anualmente
en África, pero nunha conferencia da policía e o goberno de Sudáfrica,
determinouse que entre abril de 1994 e febreiro de 1995 97 mulleres e 46 homes
morreron linchados tras acusacións de bruxaría nese país. Segundo o goberno
tanzano, no país producíronse 5.000 linchamentos entre 1994 e 1998, aínda que
non hai unha estatística precisa. Estimacións máis conservadoras sitúanos nuns
100 anuais. Na rexión de Shinyanga ocorren un mínimo de 300 ao ano, que
saibamos. E este reconto refírese tan só ás mortes, non os asaltos, as
mutilaciones, os atentados contra a propiedade.
Aínda que nalgúns países existen “cazadores de bruxos” e exorcistas
profesionais, é moito máis frecuente é que os linchamentos se produzan de forma
espontánea, en fenómenos de histeria colectiva. Por pór algúns exemplos, en
Haití, durante a recente epidemia de cólera de 2010, polo menos 45 persoas
morreron a mans de masa, na súa maioría sacerdotes vudú. En Kenya, 2009, once
anciáns foron masacrados polos seus veciños ao ser acusados de bruxería. Un
caso aínda máis grave aconteceu no Congo, en 2001, e cobrouse 300 vidas.Todo
empezou cando un neno chegou á escola cun caderno no que figuraban os nomes de
cinco veciños que morreran recentemente. O pai do rapaz, tras unha malleira,
confesou que era un bruxo. A situación degeneró nun brote de histeria
colectiva, con centos de desprazados e a intervención das forzas armadas
ugandesas.
As vítimas: mulleres e nenos
Sen que haxa estatísticas precisas, a gran maioría dos acusados por bruxaría
son mulleres de idade avanzada. Na India, adoita tratarse de mulleres de castes
baixas, viúvas ou marxinadas sociais, as vítimas máis débiles. En África,
algúns interpretan a caza de bruxas como unha forma de violencia contra as
mulleres relacionada con outras prácticas como a ablación, en sociedades onde o
abuso de xénero é estrutural.
Segundo Scolastica Jullu, directora executica do Centro de Axuda Legal a
mulleres de Dar Es Salaam, o goberno tanzano permite os linchamentos de bruxas.
“Excepto en casos de violacións, non vexo que ninguén sexa levado a xuízo. Se
fose un home ou unha muller nova, a policía investigaría, pero se é unha anciá
non se molestan”. Na rexión de Africa Oriental, preto do 80% dos ataques son
contra mulleres anciás.
En India, as acusacións de bruxaría céntranse en mulleres. A partir dos
datos de criminalidade do país asiático, unha ONG cifrou entre 150 e 200 as
bruxas executadas. Ademais, os “cazadores de bruxas” adoitan quedar impunes, a
pesar de que nalgúns estados hai leis específicas contra esta práctica. Segundo
o Free Legal Aid Committee, menos do 2 por cento dos cazadores son castigados.
Outro colectivo vulnerable é a infancia. A partir dos 90 produciuse no
Congo, especialmente nas cidades, unha febre de acusacións contra nenos que
traían a mala sorte. Segundo a información humanitaria Save the Children,
20.000 nenos e nenas congoleños foron acusados de bruxaría. Algúns son
asasinados as súas familias ou polos seus veciños, outros moitos expulsados
para vivir na rúa (só na capital, Kinshasha, calcúlase que 14.000 nenos foron
arroxados do seu fogar por este motivo).
Por último, a crenza de que os nenos ou determinados grupos teñen conexión
co sobrenatural conduce a persecucións e atrocidades. No Congo, algunhas
familias recorren a profetas e doutores bruxos para expulsar os malos espíritos
dos corpos dos seus fillos. As técnicas de exorcismo inclúen prácticas como a
privación de alimento e bebida. Segundo Save the Children, os exorcistas
practican abusos sexuais contra os nenos e introdúcenlles obxectos que logo
lles fan vomitar nunha cerimonia.
En Uganda, a práctica de sacrificios de nenos propágase.
En 2008, rexistráronse no país 300 asasinatos e desaparicións ligadas aos
sacrificios. As autoridades do país lanzaron unha cruzada contra este fenómeno
en 2009. En Costa de Marfil, a ONG para a protección da infancia Roxal di
rexistrar entre 60 e 90 casos de desaparicións ao mes. Segundo declarou o
sarxento da policía marfileña a IRIN News, as desaparicións de nenos demandan
atención especialmente durante a época de eleccións, porque, neste periodo,
multiplícanse os “sacrificios humanos e outros rituais, e a demanda de órganos
de nenos increméntase”. Os candidatos recorren á bruxería para axudarse nas
urnas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario