mércores, 18 de xullo de 2012

'Máis Alá': 90 anos daquel manifesto punk e necesario


O 28 de xuño de 1922 saía do prelo 'Máis alá', o manifesto de Manoel Antonio e Álvaro Cebreiro que puxo a Galiza a navegar polas marés da vangarda
X.M.P.- Sermos Galiza
Manoel Antonio, por Tinta de Lura
O 28 de xuño de 1922 saía do prelo 'Máis Alá', un feixe de páxinas que Manoel Antonio escribiu como se lle fose a vida nelo. Nesta manifesto, que de tan mitificado pola crítica e o mundo literario galego corre o risco de ser desprovisto da profunda carga rebelde que tiña (e ten), foi unha declaración de principios tan rotunda como afouta e descarada nun momento en que a casa da escrita en galego aínda estaba a erguer os alicerces. E contra algún deses alicerces cargou este rianxeiro, nun acto que xerou polémica e malestar nalgúns ambientes galeguistas da época.
Quizás sen sabelo (que non sen querelo), Manoel Antonio fixo un manifesto radicalmente independentista. E non polas cargas de profundidade contra os e ás galegas que escribían en español ou pola referencia á República Galega. Senón porque tivo a valentía de cargar contra os 'santóns' que escribían no idioma do país, os seus propios irmáns e irmás na terminoloxía da época. Alguén dixo que aquelo foi un manifesto libertario e anarquista. Quizás si, coma no fondo, todos os das vangardas europeas aínda que fosen de correntes ideolóxicas totalmente contrarias. Mais este manifesto contiña un compromiso non só radicalmente contestatario e individual (herdeiro do 'Ego sum' do seu poema) senón tamén co seu País. Unha Galiza que non quería ver presa nos elos de cadeas de 'paisaxismos', 'ruralismos' e 'tradicionalismos' á que a constrixía parte da literatura galega feita até entón. 
Hai agora 90 anos que o manifesto 'Mais Alá' veu a luz. "Con este texto, o poeta rianxeiro accedeu á existencia literaria e creou unhas condicións propicias para a súa visibilidade intelectual. Unha visibilidade que se fundamenta nun compromiso co seu pobo, coa súa Terra e coa súa lingua e nun reto estético que o obriga a ir máis alá dos espazos habitados, a conquistar novos horizontes", explican desde a Real Academia Galega, institución da que forma parte a persoa que mellor coñece obra e vida do rianxeiro, o tamén rianxeiro (e tamén da parroquia de Asados) Xosé Luis Axeitos.
Pintadas nos baños
Para os cativos que pululabamos por Rianxo a principios dos 80 ('porvisos' en pantalóns curtos, gheada e seseo, a xogar aos calexóns no Campo de Arriba e andar ás luras no porto nas noites de verán, e que tiñamos a crenza en que alén Fincheira e Rinlo non había nada digno de coñecer) Manoel Antonio era un absoluto descoñecido. Non porque non nolo ensinaran na escola, senón porque de oir falar del nas aulas non nos imaxinabamos que era un dos nosos, descoñecíamos, pois, totalmente o que verdadeiramente era. Por iso foi tan importante aquela pintada no baño da taberna da Chucha que descubrimos con apenas 15 anos e que non soubemos interpretar ata moitos anos despois: "Amamos a Ulrike Meinhoff e o 'Máis Alá". 
The Stranglers, en plena vaga do punk británico, cantaban aquelo de 'No more heroes', Básicamente, o que Manoel Antonio reivindicou, en nome de liberdade creativa e da súa radical aposta como galego, décadas antes no 'Máis Alá'.

Ningún comentario:

Publicar un comentario