Carta de despedida de Isidro Filloy |
O 20 de agosto de 1936 foron asasinados once dos
concelleiros da corporación municipal de Boimorto. Fuxiu o alcalde e dous edís.
O resto dos representantes elixidos democraticamente foron levados en camións
ao Amenal (O Pino) e Ortoño (Ames), seis a cada lugar. Berráronlles
"Correde" e disparáronlles polas costas. Once corpos caeron ao chan e
alí mesmo foron soterrados, con roupa de domingo.
Este domingo 24 de xuño a Asociación para la
Recuperación de la Memoria Histórica (ARMH) entregará ás súas familias os
restos de Isidro Filloy López, de 46 anos, Andrés Filloy de 18 e os de Caitán
García Vázquez, de 42, que foron exhumados en setembro de 2007, atendendo a un
acordo do Concello de Boimorto, iniciativa do BNG e aprobada por unanimidade, para que se localizasen os restos e fosen entregados
aos seus descendentes. Unha vez exhumados, os restos foron trasladados a
Euskadi, onde foron estudados polo forense Francisco Etxeberría, o experto
que máis foxas da represión franquista leva exhumado no Estado
Español. O pasado mes de abril as probas xenéticas que levaron a cabo
deron resultados positivos: as identidades dos tres esqueletes recuperados
corresponden coas dos veciños reclamados polos seus familiares.
Xosé Luis Rivas Cruz Mini, impulsor do
proceso de recuperación, di que será "un acto moi simple, pois é o acto
máis íntimo, a entrega dos restos ás familias, a pena é que non sexan
todos". Mini salienta que "neste concello fíxose algo que
debía ser feito en toda Galicia: que todos os partidos votasen a favor de abrir
as foxas. E non pasou nada, a xente comezou a falar do que pasou, con
tranquilidade, e non pasou nada". Non é a memoria o que separa ás dúas
Españas, é o esquecemento; o medo non renace coas exhumacións, desaparece
con elas.
A Agrupación de Familiares das Vítimas do 36 de
Boimorto e a ARMH pensan retomar os traballos no Amenal en canto
sexan conseguidos os permisos de acceso á finca, na que presumiblemente se
encontra a segunda foxa, onde poderían atopárense os restos de Ramón
Sánchez Rapela de 34 anos e Ramón Vázquez Garea de 50 anos. "A
paisaxe cambiou, cambiaron as referencias, demos moitos paus de cego", di Mini,
"pero estamos seguros de que a segunda foxa está moi cerca da primeira,
agora só falta que o dono da leira dea o permiso". E conclúe:
"Levan máis de setenta anos aí, e non pasa nada porque esperen un pouco
máis. O importante non é que vaiamos rápidos ou lentos, pero temos que
recuperar os restos desas persoas, porque eran veciños de Boimorto".
20 de agosto de 1936
Foi Don Emilio, crego local, quen animou os
fascistas a que acabasen con aqueles roxos que levaran a educación
pública a Boimorto e que se enfrontaran con el, ao crear cemiterios públicos. Dos
doce só conseguiu fuxir José Cabanas, que cunha bala na perna (que lle sacaron
uns labregos cun fouciño) percorreu corenta quilómetros até regresar á súa
casa. Alí viviu emparedado durante quince anos, nos que se intentou suicidar
tres veces. A súa dona mandaba os seus fillos xogar á pita cega para
que o seu pai puidese tocalos sen que eles o visen.
Mini repite
sempre que "aquela Galiza era republicana". En lugares como Boimorto
a corporación municipal impulsou escolas públicas, asistencia sanitaria,
enterros civís..., creáronse sindicatos agrarios cunha afiliación
importantísima e unha grande actividade. A guerra matou todo iso, porque para
iso se fixo o golpe militar que acabou coa democracia. "Esta xente o
que intentaba dende o Concello era facer escolas, mellorar a vida da xente.
Chegaron a decidir que todos os meses o Concello dedicaría unha partida mensual
de cartos para mercar libros e facer unha biblioteca ambulante por Boimorto.
Iso é algo imposible de pensar mesmo hoxe", conta Mini.
"Os mortos e os que quedaron o único que
fixeron foi soñar cunha ilusión, cun futuro distinto e esa ilusión foi afogada,
matada e dunha maneira moi dura, moi violenta", di Xosé Luís Rivas, e
engade: "Para min estes asasinatos sempre representaron a imposibilidade
de poder termos ilusións sociais no rural deste país". Porén, engade,
"para as familias este acto significa outras cousas. Hai que poñerse na
situación das familias, en todo o que pasaron dende agosto de 1936: as
ignominias, as marcas, as imposibilidades de acceder a determinados postos de
traballo, e sobre todo a gran dúbida. Os asasinos quedaron coa dignidade social
e sementaron a dúbida de que os mortos algo farían". E conclúe:
"A dignidade nunca a perderon. A súa dignidade é a indignidade dos seus
asasinos. Isto non é o final dun proceso, senón que é o comezo. Hai que rematar
con ese gran silencio que nos mancou e nos manca".
Os cambios de goberno en Santiago e
Madrid frearon o proceso de recuperación da memoria soterrada nas foxas, pero Mini
lembra que "estamos no noso dereito de buscar pedras, patacas ou
restos humanos. Abonda con ir a un xuíz e dicir que aí hai restos humanos, e
que cómpre saber de quen son. O país está inzado de foxas, e non che digo
nada dos que están no fondo do mar, cunha pedra ao pescozo".
Ningún comentario:
Publicar un comentario