luns, 2 de xullo de 2012

Memoria da saudosa desterrada


María Luz Morales, primeira directora dun xornal en España, foi galeguista na preguerra e mantivo contacto co nacionalismo mesmo durante a ditadura
MARCOS DOESPIRITUSANTO Santiago de Compostela 21 JUN 2012
Conferencia de Blanco Amor no Centro Galego de Barcelona o 30 de decembro de 1933.
María Luz Morales preside a mesa. / ARQUIVO PÉREZ DE ROZAS
Non vacilou no seu xuízo María Luz Morales cando dende as páxinas de El Sol de Madrid sentenciaba á altura de 1929: "acostumados a ver ás súas mulleres traballando duramente no campo -coma eles-, non pode aos homes galegos sorprenderlles que fagan versos... mellor ca eles". En por iso, erguía o nome de Rosalía de Castro ao cumio da nosa literatura e recuncaba sempre nunha visión da súa Galicia natal coma unha terra "fonda e esencialmente feminina".
Nacera na Coruña no último alento do século XIX e chegou sendo aínda unha nena a Barcelona porque o traballo do pai así o obrigaba. Aquel desterro prematuro non debeu impedir, así e todo, que a visión do mar galego callase na ollada da cativa. Case medio século despois, o son das augas bravas no bater contra os vidros da súa casa coruñesa topou resonancia nas páxinas da súa única novela, Balcón al Atlántico (Barcelona, 1955). Dende Cataluña, comezou a exercer publicamente como aberta defensora da causa galeguista. Xa dende comezos dos trinta participa nas campañas e accións a prol do Estatuto. En marzo de 1935, A Nosa Terra avanza unha listaxe de doantes para un monumento popular dedicado ao poeta vangardista Manuel Antonio, finado de xeito prematuro a comezos de 1930. A restra de nomes aparece encabezada por Morales, que doa 25 pesetas, unha cantidade cuantiosa se se ten en conta que o resto de doazóns oscilan entre as 5 e as 10 pesetas. En 1938, en pleno desenvolvemento da contenda, ingresa no Grupo de Mulleres Galeguistas creado na capital catalá.
Aquel espertar do seu sentir galego de seguro tivo a empuxada das dúas visitas a Galicia das que hai constancia nestes anos. En agosto de 1929 viaxa a Pontevedra para tomar parte nunha homenaxe a Concepción Arenal á beira do escritor e histórico galeguista Xerardo Álvarez Limeses. Morales ofrece un discurso no que repara, moi especialmente, na capacidade creadora da muller galega como poeta ventureira e creadora espontánea. En xuño de 1933, é reclamada polas xentes do Partido Galeguista para participar en Ourense como mantedora dun certame literario en homenaxe a Manuel Murguía, do que se cumprían cen anos do seu nacemento. O acto prolongouse pola noite coa celebración dun banquete na honra de Emilia Docet, a miss España, e do poeta Manuel Luís Acuña, que fora galardoado no certame. Daquel ágape consérvase unha fotografía de grande interese rescatada no seu día polo historiador Marcos Valcárcel. O documento é revelador das relacións da xornalista cos factótums do galeguismo cultural e político, en particular co círculo ourensán. Aquela noite, no Hotel Miño, compartiron mesa intelectuais senlleiros con persoas de relevo da vida social ourensá. Morales aparece ao carón de Otero Pedrayo. Entre os presentes están tamén a muller deste, Fita, Vicente Risco, Álvaro Cunqueiro, Blanco Amor e Manuel Peña Rei. A xuntanza mesmo acolleu algunha anécdota entre os comensais, como a rexistrada nunha cuartilla d'A Nosa Terra na que se satiriza arredor da impresión que a miss España causara aquela noite no mozo Cunqueiro.
A gran señora da prensa
A escasa memoria que se conserva de María Luz Morales nos nosos días ten como cerne o feito vistoso de ser a primeira muller en dirixir un xornal en España. O levantamento militar de xullo do 36 acaba coa que daquela era a única muller da redacción no cargo de directora de La Vanguardia, que exerceu durante seis meses. A nova trasládalla por carta a finais de xullo do 36 ao seu amigo, o xurista Ángel Ossorio y Gallardo: "Ofrecéronme, a min!, a Dirección do periódico. (...) Se me nomeasen Marqués de Abisinia, non me parecería máis disparatado. Mais, (...) o momento é tan difícil que non puiden dicir que non". Mal sabía que aquela decisión lle ía custar o paso polo cárcere e a marxinación profesional durante os longos anos da posguerra.
Morales foi unha das pioneiras do xornalismo en España. Chegara á profesión no ano 1921, despois de gañar un concurso da revista barcelonesa El Hogar y la Moda. Despois veu o seu ingreso en La Vanguardia e o seu paso por El Sol de Madrid, no que dirixe unha sección feminina dende 1926 ata 1934. A súa sinatura visitou tamén outras cabeceiras, como El Noticiero Universal, Hoja del lunes, Destino ou o Diario de Barcelona. Toda unha vida de entrega ao xornalismo que lle valeu o alcume de "gran señora da prensa" por parte dos seus compañeiros de profesión.
De volta en Barcelona, envíalles cadansúa carta a Pedrayo e Francisco Fernández del Riego para agradecerlles a atención recibida na viaxe. Das misivas tírase que a rede de amizades galegas se estendeu, ademais de ás xentes do Grupo Nós, aos membros do Seminario de Estudos Galegos. O certo é que, nesta altura, a intelectualidade galeguista consideraba a María Luz Morales unha compañeira máis, defensora dos intereses da nación e solidarizada coa problemática lingüística. Tal é que dende A Nosa Terra a cualifican reiteradamente de "irmá na Patria". Sen dúbida, a xornalista actuaba como modelo foráneo, e con gañado prestixio, para as galegas cultas, que non se podían recoñecer no estereotipo da muller labrega e analfabeta.
Mesmo tralo seu paso polo cárcere, no abafante ambiente do réxime, María Luz Morales mantén o seu compromiso coa terra, que agora queda confinado, como é obvio, ao eido cultural. Conserva o contacto cos círculos galeguistas cos que tivera ocasión de tratar na xeira anterior, algo do que dá conta a correspondencia que neste momento mantén con Fernández del Riego e Otero Pedrayo. En maio de 1955, o fundador de Galaxia asina no diario vespertino La Noche a crítica da xa citada Balcón al Atlántico. Sobre a autora escribe: "Á súa obra dálle, a admirada amiga, o que cabe esixirlle a todo novelista: veracidade psicolóxica, amais da veracidade do caso, cualificado con delicadeza pura e un san acento de galeguidade". Precisamente, nunha desas poucas misivas que se conservan, a xornalista agradece a xenerosidade do amigo e confésalle algúns medos na escrita: "Asustábame ese atrevemento de tentar internarme pola alma dunha Galicia da que me arrancaron aos seis anos (malia que non nacín nela por casualidade, coma outros...), pero era unha evasión -ao xénero e ao lugar- que eu precisaba para seguir escribindo". E despídese: "Reciba a sincera amizade desta saudosa desterrada".
De igual xeito, preocupouse María Luz Morales pola difusión en Cataluña da lingua e cultura galegas, chegando a publicar na súa editorial (Surco levaba por nome) un libro polémico do galeguista Vicente Risco, e agora ben considerado polo réxime: a Historia de los judíos (1955). Antes da guerra, participa tamén nas visitas dalgúns autores a Barcelona, como é o caso de Álvaro Cunqueiro, que compartiu amizade con Tomàs Garcés, e doutras voces novas da nosa literatura que achega nalgunhas conferencias. Na posguerra, intensificou tamén a súa relación con Eduardo Blanco Amor durante as estadías do autor d'A Esmorga en Barcelona. Nunha dedicatoria intensa da terceira edición do seu libro Chile a la vista (1950), escríbelle á altura de 1958: "a María Luz Morales, a miña "madriña" barcelonesa, co vello afecto do seu paisano (porque non vou consentir que nola rouben de todo os cataláns!)".

Ningún comentario:

Publicar un comentario