luns, 9 de xullo de 2012

Estatuto do 36: "Quen non ten liberdade para gobernar a súa casa é un escravo ou un incapaz"


"Quen non ten libertade para gobernar a súa propia casa e rexer os seus propios intereses, sexa pobo, sexa persoa humana, ou é un escravo ou é un incapaz que precisa tutela". Quen fala apelídase Rajoy, naceu en Santiago e fixo parte da súa vida en Pontevedra. Estudou na Universidade de Compostela e exerceu como funcionario. Pero naceu en 1882 e morreu 84 anos máis tarde. Era republicano e galeguista, e esas dúas condicións levaron a Enrique Rajoy Leloup, avó do actual presidente do Goberno central, a ser un dos principais impulsores do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia, xunto a persoeiros da talla do seu amigo Alexandre Bóveda ou do propio Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Aquel primeiro texto autonómico plebiscitouse nas urnas hai setenta e seis anos, nun 28 de xuño que os galeguistas da época, escribiu Castelao en 1948, consideraron "o cerne máis outo da nosa cidadanía", un "acontecemento" que "ben merece a nosa reverencia, por ser a derradeira expresión democrática de Galiza, santificada máis tarde por un plebiscito tráxico de moitos miles de mártires".
Antes deses paso polas urnas o proceso de xestación do Estatuto tivo por tras unha importante proceso de traballo técnico, institucional e político, tamén de animación social e proselitismo. Recollendo as reivindicacións e sentimentos autonomistas dos primeiros compases do século pasado apenas un mes despois da proclamación da II República Española en abril de 1931, o Seminario de Estudos Galegos publicaba a súa proposta de anteproxecto estatutario, que ademais de texto articulado presentaba un elemento fundamental para os seus impulsores, a memoria económico-financeira redactada por Bóveda. O documento, subliñou Castelao dende o exilio, "demostraba con números que o réxime de autonomía integral era comenente (...) e non prexudicaba os demais pobos de Hespaña".
A proposta do Seminario foi, en boa medida, base para o inicio dos traballos no ámbito institucional das Cortes republicanas. Como sucedería décadas máis tarde co vixente Estatuto, unha comisión de deputados das catro circunscricións electorais galegas foi o xermolo para compoñer un texto que encaixase na Constitución da República. Así, por exemplo, foi necesario mudar a condición de "Estado autónomo dentro da República Federal Española" por "rexión autónoma dentro da República Española". Coa redacción da primeira norma oficial do autogoberno galego ben avanzada, a finais de decembro de 1931 o propio Castelao, xa membro do Partido Galeguista, acabado de fundar, advertía ante as cortes dun problema que cumpría resolver para que o proceso chegase a bo porto: "Galiza non conta cun organismo oficial que a represente". Polo tanto, explicaba, facíase imprescindible un decreto do Goberno central que lle dese a potestade a un órgano en concreto para aprobar inicialmente o Estatuto e sometelo a referendo.
Malia á apertura do Estado republicano, en Madrid non eran poucos os remisos a que Galicia seguise un ritmo semellante ao de Euskadi e Catalunya e o decreto fíxose agardar, concretamente, case dous anos. Pero mentres iso acontecía, os políticos galegos seguiron a traballar. Neste punto ten, de novo, unha especial relevancia a figura de Rajoy Leloup quen, cunha iniciativa presentada na súa condición de concelleiro en Santiago, impulsou ese órgano encargado de conducir a Galicia cara á autonomía. Mediante a lectura dunha carta que lle remitira Castelao explicou a importancia do Estatuto e propiciou a celebración dunha Asemblea de Concellos a mediados de novembro de 1932. Antes, en xullo do mesmo ano, unha asemblea preparatoria rexida por un regulamento que tamén redactara Rajoy recompilou en Santiago todo o labor estatutario que xa se fixera. Os deputados galegos nas cortes, os calcaldes, "os partidos políticos organizados en Galicia", as cámaras de comercio, as sociedades de amigos do país, as sociedades agrarias e a universidade foron convocadas a un cónclave que foi tamén o primeiro acto social a prol do Estatuto. Así, por exemplo, as xuntanzas máis técnicas -no paraninfo da Universidade, na actual Facultade de Xeografía e Historia- alternáronse cun plenario aberto a público e prensa, no Pazo de Raxoi, e un "acto en honra dos asembleístas forasteiros" no céntrico Hotel Compostela, aínda existente. O programa do evento incluíu un concerto da banda municipal e un "xantar popular" de 15 pesetas o cuberto, cantidade que tiveron que achegar todos os comensais, agás os xornalistas.
Asemblea de Concellos, campaña e referendo
"Todas as forzas vivas do país", segundo deixou escrito Castelao, se implicaron na Asemblea de Concellos, organizada por unha comisión que tiña como secretario a Arturo Cuadrado, xornalista e funcionario do consistorio compostelán que lle encargou ao notario Manuel Banet o "honroso requerimento" de recoller nunha acta todos os debates, un documento que permite, setenta e seis anos despois, coñecer todo o que alí aconteceu. Das actas de Banet é posible tirar que xa daquela estaban sobre a mesa debates que rexurdirían con forza, case con virulencia, na xénese do actual réxime autonómico. Así, por exemplo, o daquela alcalde da Coruña, Manuel Iglesias Corral, reclamou que no Estatuto figurase a súa cidade como sede da Asemblea -Parlamento- e, polo tanto, como capital de Galicia. Tras esa reclamación os representantes doutros municipios e dos partidos políticos fixaron posición. "En nome do Partido Galeguista", Valentín Paz Andrade "pediu á Asemblea serenidade para non deixarse influír por ningunha tendencia localista" e "excitou a todos á concordia polo ben de Galicia", recollen as actas.
Coa asemblea finalizada e o Estatuto aprobado -176 votaron a favor e 33 "reserváronse quince días" para decidir- púxose en marcha o Comité Central da Autonomía. Con Rajoy Leloup como secretario xeral, correspondeulle a este órgano negociar co Goberno da República a culminación dos trámites e tamén organizar a campaña previa ao referendo. Nesta liña, o comité lograba en maio de 1933 o ansiado decreto para poder chamar a cidadanía ás urnas, pero a vitoria electoral da Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA) e a apertura do Bienio Negro freou o proceso. "Os galeguistas xuramentámonos para gardar silenzo, a ver se o Goberno se esquecía de derrogar” o decreto, lembraba Castelao en 1948. E esqueceuno. Así, nas novas eleccións xerais, en febreiro de 1936, o Partido Galeguista integrouse na Fronte Popular coa reclamación de reactivar de inmediato o proceso autonómico. A Fronte venceu e en maio o referendo xa tiña data: o 28 de xuño.
En apenas un mes os políticos autonomistas, apoiados polos seus partidos pero tamén por artistas, intelectuais e representantes labregos despregaron unha intensa campaña de propaganda que rematou no que para algúns foi un evidentísimo éxito electoral e, para outros, un "santo pucheirazo". Con independencia das garantías procesuais o certo é que no resultado oficial figuraron 993.351 votos a favor e apenas 6.000 en contra. Cumprírase polo tanto "de maneira insuperábel", en verbas de Castelao, o requisito marcado pola República segundo o cal o Estatuto debía estar avalado por dous terzos do censo. Apenas dúas semanas despois, o 15 de xullo, unha delegación galega entregáballe o texto estatutario en Madrid aos presidentes das Cortes e da República. Tres días despois o xeneral Franco dirixía un golpe contra a República e orixinaba a Guerra Civil. A tramitación do Estatuto de Galicia comezaría dous anos máis tarde, coas Cortes exiliadas en Catalunya mentres as tropas franquistas seguían a avanzar polo Estado e sometían a Galicia a unha durísima represión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario