A carta non chega cando só dúas letras abondaría para que a nai amanciase
un bocado a súa dor. Fina Casalderrey e Eloy Varela levan a imaxes o drama da
emigración na curtametraxe Dúas Letras, unha historia familiar en branco
e negro .
Carme Vidal
Aurea agarda cada día unha carta de Bos Aires. Á hora do carteiro pasar,
senta nunha banqueta diante da casa, soñando con que hoxe é cando recibirá as
dúas letras que calmarán o desacougo. As notícias nas que o fillo conta que
regresa, que volverá polo Nadal, a tomar o testigo do pai preparando as mazás
asadas con viño; noticias; de que todo vai ben alén mar, de que hai cartos e
saúde. A espera, a dor e a ausencia son as grandes protagonistas de Dúas
letras, o filme con que a escritora Fina Casalderrey, guionista e actriz
nesta ocasión, xunto co director Eloy Varela converten en cine unha das
historias da nosa emigración. Dúas letras recrea a Galiza rural dos anos
cincuenta, as aldeas nas que nin unha casa quedaba libre da maior fenda que
sofreu o país. A fame tiraba para abandoar a terra e xunto coa desgraza dos que
marchaban estaba o desgarramento da ausencia nos que quedaban. A estes
dedícanlle Casalderrey e Varela o filme, á nai que agarda sen poder facer nada
unhas letras que lle cambien a vida, que lle devolvan ao fillo emigrado.
En dúas aldeas de Pontevedra foi rodada en 2011 a película, para a que se
optou por un branco e negro que evoca o tempo da emigración e pronuncia as
diferenzas coa actualidade. Os autores quixeron mostrar o abismo que separa
aquela época do noso tempo, a pobreza, a carencia de case todo, as casas sen
máis obxectos qu eos precisos e a miseria que explica a marcha. De todo isto
garda memoria de infancia a escritora Fina Casalderrey que evocou a Mark Twain
cando dicía que “de neno acordábase de todo, sucedera ou non”. A historia de Dúas
letras está tamén na súa memoria da infancia, cando lía con certo engolamento
as cartas que a súa viciña recibía da emigración e que o seu analfabetismo
impedía descifrar. A casa de Aurora non tiña case nada, unha cama cunha colcha
con faisáns, dous santos de calendario pendurados e un porco criado nun
recuncho, recordou a escritora na presentación de Santiago, pero anotou que a
súa lembranza era “dunha casa moi limpa”. Nesa evocación está a orixe destas Dúas
letras, unha creación moi persoal de Fina Casalderrey na que ela mesma
aparece como a personaxe que escribe e le as cartas da señora Aurea.
En Dúas letras, a escritora montou o máis familiar dos equipos. Para
converter en protagonista colleu a súa propia nai, Teresa Fraga, quen aporta á
película a autenticidade dos seus 83 anos nos que se estrea como actriz. O
resto das persoas que participan son tamén do seu entorno, ao igual que a
paisaxe na que se rodou unha curta que ten xa tras de sí un ronsel de premios,
entre eles, do festival de Cans.
“A la espera de la suya...” as cartas, verdadeiras protagonistas
simbólicas de Dúas letras, recollen as expresións acuñadas para a
linguaxe formalizada da escrita. Tamén a ingua, o español que afondaba aínda
máis na distancia de persoas que nunca entre elas usaran máis lingua que o
galego. Eloy Varela fala de “homenaxe ás cartas da emigración e ao que elas
supuxeron” e evoca en certa medida a Mamasunción de Chano Piñeiro, esa
outra creación xenial das poucas que levaron a emigración á nosa cultura en
relación coa súa dimensión social.
A película de 20 minutos de duración sae agora publicada
por Galaxia xunto cun libro no que se recolle o guión máis textos dos autores
Fina Casalderrey e Eloy Varela ademais doutros de Víctor Freixanes e Francisco
Castro. “Acá nos va tan bien que ya nos reghresamos a la tierra para siempre”
inventa Aurea facendo que le unha carta que nunca será escrita e cada un dos
minutos do filme aparecen agora no libro que acompaña ao DVD. “A película foi
antes, por vez primeira. Cando pensei no libro non podía facer nada que non
estivese xa na película por iso o que se recolle é o propio guión” explica a
escritora, que asina o seu persoal proxecto de letras e imaxes. O editor Víctor
Freixanes destacou na presentación a orixe do filme no entusiasmo e a
xenerosidade do equipo capitaneado por Fina Casalderrey que ensinou á editorial
o produto xa pronto. Freixanes comprometeuse a difundilo nos centros da
emigración arxentina e destacou a conveniencia de chegar tamén ás escolas onde
a xeración máis nova descoñece unha historia tan propia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario