Miguel Pardo | @depunteirolo / Praza
Publica
“Parece que en España hoxe non
queremos recordar”. Así fala un dos adolescentes que protagoniza o
documental A pegada dos
avós, un filme do director Xosé Abad, que por primeira vez trata
o drama da Guerra Civil e da represión posterior desde o punto de vista duns
que ven aquel terrible episodio da historia desde unha distancia tan enorme.
Xosé Abad (Issac, O segredo da Frouxeira)
volve tratar o tema da Memoria Histórica, pero coa innovación de centrarse na
mirada de sete mozos que se achegan á contenda civil e á represión fascista
facendo a súa propia investigación e investigando a través da escoita dos avós,
pero non dos seus avós, senón de represaliados que eles mesmo escolleron. Un
proxecto innovador tamén porque “ante a gravidade da situación do sector
audiovisual” emprega vías de financiamento a través do crowdfunding
e consegue achegas a través da Rede para poder rematar un documental que prevé
estar listo a finais de ano.
“Quero construír a miña propia
opinión; son historias que teñen que ser contadas, que non poden quedar
soterradas e que teñen que ser xulgadas”, di outra das mozas protagonista do
documental, alumna, como os seus compañeiros, do instituto de Adormideras da
Coruña.
“Todo empeza cando a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica
coruñesa nos propón facer un documental”, explica Xosé Abad a Praza, que optou
daquela por “renovar a mirada” que se adoita pousar sobre a guerra, o
franquismo e a represión. “Quixemos tratalo desde o punto de vista duns
rapaces cunha distancia moi grande con respecto á ditadura e saber tamén así se
decidían pasar páxina ou seguir reivindicando e interesándose polo tema”,
explica o director. A resposta foi rápida. Malia que a maioría dos mozos tiña
un coñecemento “escaso e menor” sobre a época histórica que se trataba, a
medida que avanzaban na investigación “foron sufrindo unha transformación e
aumentando a súa sensibilidade cara ao razonable” E que é o razonable? “Pois
que as animaladas e crimes son sempre animaladas e que a xustiza debe actuar”,
explica o director.
Todo cambiou moito, conta, cando os sete rapaces empezan a visitar os
lugares protagonistas da represión ou a escoitar a familias represaliadas,
concretamente dúas que sufriron o asasinato tras a Guerra Civil de pai e nai. “Detalles
como meter o dedo no furado que deixou unha bala no muro onde fusilaron a unha
muller vailles cambiando a forma de pensar”, explica Xosé Abad, que recorda
que os rapaces tamén van colgando a través de blogs “os seus pensamentos
individuais e intimistas, sen ningún tipo de intervención”.
O filme, que corre a cargo de EAF Producións, continúase gravando e
contando coa participación “e o apoio e a solidariedade” de moitos compañeiros
do sector. “Ao principio contamos coa axuda da CRMH, pero a gravación, a
montaxe, os técnicos... Todo o demais conséguese grazas ás achegas populares”. “Podémolo
facer porque son moitos os que se implicaron no proxecto sen recibir a
remuneración que lles correspondería”, conta Xosé Abad, “orgulloso e
entusiasmado” tamén pola colaboración cidadá. O pasado sábado pediu a
participación de xente anónima para gravar unhas secuencias no Campo da Rata da
Coruña. Apareceron 200 persoas que colaboraron desinteresadamente como
figurantes.
“Non queda máis remedio porque o
audiovisual está desfeito como o resto da sociedade. Lévannos ao absurdo e á
marxinalidade a unha parte amplísima da sociedade e os que facemos traballos
deste tipo, ou buscamos recursos de onde non os hai ou non temos opción”,
reivindica Abad, que agarda poder remunerar como se corresponde aos
participantes nun proxecto que, de seguir conseguindo apoio, quedará rematado a
finais de ano.
Será daquela tamén cando cumpran co “compromiso de que a
xente poida visionar ou descargarse grauitamente o cocumental”. Se vai ben,
tamén se buscarían outras formas de financiamento, como a venda de DVDs ou a
exposición nalgunhas salas comerciais. Todo para espertar conciencias e para,
como di unha das rapazas, “remover a xustiza, non as feridas”. “Polo menos
para pensar que a raza humana está máis evolucionada que todo iso”, remata
outro dos mozos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario