Marcos Pérez Pena | @zerovacas praza.com
En 1991 Ray Krone foi acusado do asasinato dunha
camareira dun bar de Arizona ao que adoitaba ir para xogar os
dardos. O proceso foi moi irregular e cheo de deficiencias, e Krone foi
sentenciado a morte. Pasou dez anos na cadea e dous no propio corredor da
morte, agardando pola data da súa execución. Un segundo xuízo probou a súa
inocencia a través da non relación do seu ADN cos restos atopados no escenario
do crime. O xuíz que se encargou deste segundo proceso recoñeceu
publicamente as súas dúbidas sobre o fundamento da acusación, e mesmo
considerou a posibilidade de anular directamente a primeira a sentenza.
Dende que Krone recuperou a súa liberdade,
comezou a colaborar coa asociación Witness to Innocence,
que traballa pola abolición da pena de morte, sobre todo a través da
participación das persoas que nalgún momento estiveron no corredor da morte e
das súas familias. Dende 1973 foron exculpados nos Estados Unidos un total
de 142 condenados á execución. Casualmente, Krone foi o exonerado número
100.
A actividade de Witness to Innocence céntrase
na educación pública, a acción directa, o traballo con medios de comunicación e
o asesoramento lexislativo, poñendo ao descuberto os problemas dun sistema
xudicial con deficiencias, así coma na compensación das persoas exoneradas. Witness to Innocence tenta persuadir as
axencias gobernamentais para que adopten directrices que permitan a homes
e mulleres exoneradas beneficiarse dos programas que, financiados polo goberno
federal, proporcionan asistencia médica e financeira. A asociación foi
promovida por Helen Prejean, a autora da obra Dead Man Walking.
Son xa 18 os estados norteamericanos nos que a pena
de morte foi abolida por lei. E no 2012 só houbo execucións en nove. Semella
que os Estados Unidos, único país de América no que aínda se executa, camiña
cara á erradicación desta práctica: nos últimos seis anos seis novos estados
aprobaron en referendo a súa prohibición.
"As nosas familias tamén estaban na cadea con
nós"
"Somos 30 exculpados os que colaboramos coa
asociación", explica Ray Krone, que engade que "o obxectivo
fundamental é contar as nosas historias e as das nosas familias para cambiar a
visión da xente sobre a pena de morte". Salienta a importancia desta
experiencia directa e do impacto particular que ten na xente cando o escoita en
primeira persoa: "Ti podes ser un profesor universitario e repetir o que
está escrito nun libro, pero non é o mesmo que se viviras esa experiencia:
tanto a experiencia de ser arrestado, de ser xulgado e condenado a morte, coma
a experiencia de volver ser unha persoa libre".
Na actividade de Witness to Innocence tamén
colaboran os familiares dos condenados e tamén vai dirixida a eles, como forma
de compartir experiencias e de dar apoio: "As nosas familias tamén
estaban na cadea con nós. Déronnos apoio e forza porque hai moitos momentos nos
que pasas por fases depresivas", comenta Krone. Neste senso,
outra das actividades que levan a cabo son sesións de terapia de grupo
dirixidas ás persoas que están condenadas e ás súas familias: "E creo que
a axuda que lles emprestamos é moi importante, porque nós sabemos exactamente
polo que están pasando, porque nós estivemos antes nesa situación". Cheryl
Naill, dona de Ray Krone, forma igualmente parte da asociación e tamén se atopa
estes días en España, na xira promovida por Amnistía Internacional.
"Antes de todo isto eu cría na pena de
morte"
Ray Krone di que o paso polo corredor da morte
"cambia completamente a túa forma de ser, comezando pola túa propia visión
sobre a pena de morte". E salienta que "antes de todo isto eu cría na
pena de morte: pensaba que era algo que me protexía a min e á miña familia e
que as persoas que eran executadas realmente o merecían". Lembra que
"cando estás na cadea tes moito tempo para pensar. Eu non fixera nada
malo: eu non quebrantara a lei, eu non lle fixera dano a ningúen. Que é o que o
noso pais lle está facendo a algúns dos seus cidadáns?". Krone destaca que
os procesos non son "igualitarios". "Que foses condenado a
morte ou non dependía de en que Estado estiveses, dependía de cal fose a cor da
túa pel, dependía de como fora o propio xuízo ou de quen te defendera. Era como
tirar os dados sobre a mesa", afirma.
"Cámbiache completamente" -continúa-
"Perdes moitos anos da túa vida. Perdes moitos cartos tamén en todo o
proceso da defensa e nas viaxes que ten que facer a túa familia. Pero ao
final sentes tamén unha satisfacción. Es libre: demostraches a túa inocencia.
Todos aqueles anos que pasaches na cadea non foron en van. E sentes que tes que
dar algo a cambio: que hai moitas persoas que están pasando polo que ti
sufriches". E esa é a razón que move a Cheryl Naill e a Ray
Krone a dedicar parte da súa vida ao activismo.
"A pena de morte non fixo que houbese menos
asasinatos en Texas"
Naill e Krone son optimistas de cara ao futuro.
"Hai moitos sinais que nos indican que estamos no camiño para que a pena
de morte sexa abolida nos Estados Unidos", comenta Ray: "nos últimos
seis anos seis novos estados aprobaron en referendo a abolición. Tamén se
reduciu o número de xurados que chegan a un veredicto de pena de morte". E
conclúe: "Hai unha xeración que xa vai indo vella que segue crendo no
ollo por ollo e noutras ideas tolas. Pero é moi distinto do que pensa a
seguinte xeración. Os que hoxe son nenos nuns anos serán xurados e estarán en
contra da pena de morte. Sobre todo porque mirarán cara atrás e verán que en
todos estes anos as execucións non serviron para nada e que se cometeron moitos
erros". "A pena de morte non fixo que houbese menos asasinatos en
Texas, por exemplo", afirma.
Ray Krone destaca que "é o
Estado no seu conxunto, todos os seus habitantes, os que están decidindo que se
execute a unha persoa. Independentemente de se estás a favor ou en contra da
pena de morte ti non podes apoiar que se execute unha persoa. O sistema está
formado por seres humanos e os seres humanos cometen erros". “Vin
executar persoas. Vin persoas inocentes en prisión. Vin como todo se convertera
nunha cuestión de raza e de ingresos. Non quero que lle ocorra a ninguén máis o
que me sucedeu a min, pero se mo poden facer a min, pódelle ocorrer a calquera
persoa”, engade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario