Virginia Uzal
| @VirginiaUzal praza.com
O Museo do Pobo Galego e Manuel Lugrís Rodríguez
recibirán os Premios pola Promoción e pola Defensa da Terra, respectivamente
este sábado en As Encrobas, que acolle unha homenaxe popular a Moncho Valcarce
cando se cumpren 20 anos do seu falecemento. A Irmandade Moncho Valcarce
organiza, en colaboración co concello de Cerceda, a xornada en lembranza do
coñecido cura das Encrobas, unha figura clave e importante que
apoiou aos labregos durante a rebelión veciñal contra Fenosa.
O crego viviu unha intensa vida defendendo as
"causas inxustas" co seu pensamento sempre "ao lado do
débil". Integrouse políticamente no campo nacionalista, converténdose
en "referente fundamental das loitas agrarias" nos albores do
postfranquismo que fixeron que a súa figura "forme xa parte esencial
da historia de Galicia". Ramón Muñiz, que viviu gran parte da vida
de Moncho ao seu carón, preside actualmente a Irmandade. É un dos organizadores
da homenaxe do sábado, collémolo preparando unha exposición sobre Valcarce no
local social das Encrobas.
Como xorde a idea de fundar unha Irmande?
Empezamos despois de morrer el, unha serie de amigos
e compañeiros de ideas decidimos que a súa memoria non se podía perder porque
foi un referente da época. A Irmandade está levada principalmente por xente que
estivo e conviviu con el desde o principio. Empezamos facendo todos os anos
unha homenaxe onde damos os premios Moncho Valcarce desde 1994,
reuníamonos todos os que o coñecíamos e queríamos e así estivemos 20 anos, por
iso agora celebrámolo dun xeito especial. Outro obxectivo foi que servira como
centro de estudos agraristas, facilitando información para investigacións deste
tipo, de loitas que se facían naquela época.
Como unha persoa que non compartía a xerarquía da
Igrexa, e mesmo se sentiu incómodo durante os estudos no seminario no que
denunciou “a educación arcaica, submisa, incluso reaccionaria e colonizadora
que alí se daba” e chegou a ser expulsado acusado de “axitador de tendencia
comunista” puido seguir a súa carreira no seo da Igrexa?
Foi un adiantado dentro dos crentes da Igrexa,
entendeu que a vida dun sacerdote era dedicarse a defender os dereitos dos máis
débiles. Esta forma súa de pensar chocaba coa xerarquía eclesiástica, que non
estaba pola labor de defer as causas inxustas que el defendía. No seminario xa
tivo eses problemas, acusárono de comunista e foi expulsado e desterrado á
Coruña baixo a tutela do sacerdote Manuel Espiña, que rematou sendo un dos
presidentes da Irmandade. Grazas á súa axuda conseguiu que o volveran a admitir
no seminario para poder rematar os seus estudos e ordearse no ano 1969.
Foi un crego diferente, as suas misas eran case asambleas populares, na súa
prédica animaba á intervención dos fregueses, daba a comuñón con pan centeo e
viño do Ribeiro, non confesaba a ninguén xa que entendía que ninguén cometia
pecados, todo o mundo era bo. Non cobraba nada por nada, introduciu o galego
como lingua litúrxica e falaba das inxustizas e contra o caciquismo. Viviu en
acto de pobreza sempre, e ao non cobrarlles aos fregueses só podía vivir do
pouco que lle daba a Igrexa e comía da súa horta. Era un home moi querido.
Cómo vía a a Igrexa esa forma de vida nun crego?
O seu sacerdocio foi enfocado sempre a defender os
máis débiles, por iso tivo tantos problemas coa xerarquía eclesiastica e co
Goberno. Vivía na reitoral en Sésamo, Culleredo. Alí tiña un espazo importante
de horta e acabou regalando gran parte dese espazo á parroquia de Sésamo para
facer un campo de fútbol. Como non pediu permiso, tivo problemas coa Igrexa
pero a el non lle importou e aí segue o campo de fútbol. Por cousas como esta a
relación coa xerarquía eclesiástica era moi tensa. Despois prohibíronlle que
estivera metido en política e en 1987, coa desculpa de realizar un curso
teolóxico, mandárono para a Universidade Pontificia de Salamanca. Ese ano
acabou sendo moi positivo e puido escribir sobre a súa actitude como crego e o
compromiso político. As reflexións acabaron reflectidas no seu traballo de fin
de curso O compromiso político dun presbítero nunha realidade concreta:
Galiza. Sempre foi un crego cunha fe impresionante, pero entendía que esa
fe tiña que ser revolucionaria, "ao igual que o fora Cristo", dicía
el. Esa vea revolucionaria levouno a entender que se tiña que meter en política
e tomou o movemento nacionalista porque vía a Galicia como esa nación pola que
había que loitar.
Esa "vea revolucionaria" tamén o levou a
darlle refuxio a loitadores e loitadoras antifranquistas e chegaron a editar
unha revista crítica Oureiro de San Cosme orientada ás
reivindicacións dos veciños. De que falaban na revista? Chegoulle a traer
problemas tanto revista como o refuxio que lles daba a eses mozos e
mozas?
Correuse a voz de que era un cura progresista, todas
as forzas da clandestinidade acudían a el en busca de axuda. A revista falaba
dos problemas dos labregos: do leite, dos terreos... Nese momento era moi lida
na zona porqe afectaba a problemas que atinxían a todos. Tanto a revista como o
asilo que lles daba a eses mozos e mozas preocupaba á garda civil e estiveron
vixilados moitas as noites.
Orientou gran parte da súa actividade nos problemas
dos labregos, chegando a integrarse nos Comités de Axuda a Loita Labrega. Onde
adquiriu este compromiso co mundo labrego sendo un mozo que naceu na cidade?
Por iso é tan curioso o seu caso, era dunha familia
burguesa da Coruña e falaba castelán. Por razóns de pensamento e reflexión
meteuse cura e pediu ir a parroquias rurais. Aí renaceu galego, comezou a
coñecer os labregos e labregas e a identificarse con eles, falaban galego,
algúns eran pobres, traballaban de sol a sol... sentía moita conexión con eles
e foi a partir de aí cando entrou en contacto co mundo galego e do
nacionalismo. Foi naquela época cando eu o coñecín, eu era dirixente da UPG
e responsable da Fronte Labrega, coñecino no conflicto das Encrobas. Saíu unha
nota no periodico onde pedían axuda para aclarar a situación de Encrobas, onde
se viviu unha longa loita contra a empresa Fenosa cando pretendeu expropiar as
súas terras para a construción da mina de lignitos, que hoxe invade o que un
día foi un fértil val. Eu fun velo a el e decidimos ir os dous a unha asamblea
dos labregos da zona, esa asamblea era crucial porque os caciques tiñan a sartén
polo mango e querían vender, xa que eles non traballaban a terra e por
pouco que ofreceran querían os cartos. Os labregos non querían, vivían desas
terras. Lembro que Moncho colleu o micrófono e dixo que de vender nada, que os
labregos tiñan a razón e os seus dereitos, que non querían unha industria
contaminante. En poucas palabras, revolucionou todo. En parte aí comezou todo,
antes era máis do PC pero identificouse con nós, coa nosa loita. Viu que
defendiamos Galicia por razóns xustificadas, que tiñamos moitas cousas en
común.
Como recordan esas vilas o seu apoio e a súa
defensa? Ao igual que nas Encobras tamén tivo moita importancia en Baldaio,
Xove, as Enchousas ou as folgas con motivo da cota empresarial. Que
consecuencias tiña para el o apoio a estas causas?
As consecuencias foron horribles. Foi detido,
golpeado, torturado sobre todo despois da batalla de Baldaio, unha
manifestación en contra de que unha empresa conseguise unha licenza para
explotar a marisma de Baldaio utilizándoa para a extracción de area. A tortura
foi tan forte que a súa irmá non o recoñecía, tiña a cara destrozada e estaba
sen pelo, xa que lle arrincaran gran parte, o médico díxolle que outra como esa
non a contaba. Ademais recibía ameazas de morte, de feito dunha vez correuse a
voz e pensamos que o mataran, ata que o atopamos axudando a descargar un
tractor. En Betanzos, nun acto político tamén o detiveron porque dixo el
era "o responsable de todo”, cando en realidade era tan só un invitado.
Era un heroe que chegou a ser moi querido. Nas Pontes, a onde o mandaron
despois de voltar de Salamanca, ata lle puxeron o seu nome a un
instituto.
Como cres que vería el a situación que se está a
vivir en Corcoeso?
El estivo en todos os sitios que o chamaban, onde
tiñan problemas, xa fose por terreos, encoros,... ía a onde fora. El non era un
lider, só lles mostraba o seu apoio. Durante o conflicto das Encrobas unha
xornalista preguntoulle "agora que van facer?", ao que el lle
contestou "a min non me pregunte, pregúntelles aos labregos”. Non quería
ser o centro de atención, facía o que facían os labregos. No caso de Corcoeso
seguramente estaría ao pé do problema, faría o que fixera o pobo, con todas as
consecuencias e seguramente estaría en primeira fila. Unha muller díxome unha
vez que Moncho lle daba luz, forza. Estaba sempre o primeiro, por iso sempre o
detiñan. Por exemplo, nas Enchousas, cando unha pa quería tirar a casa dunha
señora el montou nela para evitar o derribo. Era un líder doutro tipo, estaba
disposto a todo pero consideraba que el non era o máis indicado para decidir o que
había que facer.
En canto aos partidos políticos participou
activamente na AN-PG e no BNPG. Nunca deixou nesta época a súa condición
de crego ou pensou en abandoar o mundo da
igrexa?
Moncho morreu sendo crego, dicía que o facía polo
pobo. Entendía por exemplo que a oración era ir a unha manifestación, esa era
unha forma de adorar a Cristo para el. A Igrexa non a deixou pero coma se o
fixese, non lle facía caso. El non cría neses curas que non ían máis alá da
misa, el vía a fe como algo revolucionario, por iso estaba tan involucrado no
mundo da política.
Este ano faría 78 anos. Como cres que sería a súa
vida na actualidade?
Pois iso é moi difícil de saber, pero penso que
sería igual ou aínda máis radical, que os vellos a certa idade radicalizamonos
moito.
Como definirías a súa persoa e o seu compromiso con
Galicia?
Como persoa era un home moi aberto, campechano,
simpático. Todos o querían moito e el facíase querer, tiña moito don de xentes.
Hai unha anécdota moi boa, un día entráronlle a roubar e golpeárono, a
situación acabou do xeito menos esperado, acabou convencendo o ladrón e este
chorando despois de falar con Moncho. O crego acaboulle deixando cama no
reitorado para pasar a noite e mesmo o defendeu ante a garda civil
asumindo as culpas por "encubridor", é un exemplo da súa alma
bondadosa, ao igual que cando viu un dos seus torturadores pola rúa e o
convidou a unha cervexa e falaron. O seu compromiso foi sempre ao lado do
débil, considerou que se había partidos que loitaban polo mesmo que el, tiña
que loitar xunto a eles.
Por cousas como esta son moitos os que o teñen como
exemplo pero, a quen admiraba el?
Na cuestión relixiosa el admiraba
moito a San Francisco de Asís, que era o crego da pobreza, un simbolo para el,
co que se sentía identificado. Tamén admirou moito ao Che Guevara e a
outro cura guerrilleiro de Latinoamérica, Camilo Torres. Tamén falaba moito de
Basilio Álvarez, líder agrarista na súa época, aínda que nós cremos que el foi
mellor que Basilio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario