Que pasou en Pontevedra desde o 36 ao 39?. Xosé Álvarez Castro tenta
recrear o horror que se viviu na Pontevedra do golpe de Estado de Franco na que
non faltaron os paseos e os fusilamentos.
Por Manuel Rodríguez Alonso | Cangas | 10/10/2013 galiciaconfidencial.com
Estes días
pasados estamos fartos de ler na prensa defensas e gabanzas do franquismo, como
as declaracións dos alcades de Baralla (Lugo), Beade (Ourense) ou mesmo actos
de exaltación de símbolos franquistas como o de Quijorna, en Madrid. Fronte a
estas versións interesadas do franquismo son máis que necesarios libros coma
este de Xosé Álvarez Castro, que nos presentan a ditadura franquista, sobre
todo nos seus comezos, xa non como un golpe de Estado, senón como un xenocidio.
O autor
comeza por nos presentar cal era a situación sociopolítica na Pontevedra
anterior ao golpe de Estado de 1936. A seguir desmiúza polo miudo a trama
golpista na Pontevedra de 1936. Acerta plenamente o autor cando inclúe textos
das Instruccións Reservadas do golpista xeneral Mola sobre o procemento que se
debe seguir cos líderes políticos, sindicais e cidadáns opostos ao Movemento.
Arrepía ler unha crueldade programada tan grande. O autor cita por nomes e
apelidos os militares rebeldes e os seus apoios civís. Así temos a infamia
concretada en nomes e apelidos.
O autor
estuda polo miúdo os procedementos de eliminación dos opositores ao golpe de
Estado. Distingue entre os paseos e mais os consellos de guerra, que, na práctica
totalidade dos casos, nin aparencia tiñan de legalidade. Loxicamente aparecen
os nomes das vítimas, mais tamén, como xa vimos a propósito dos militares
golpistas, tamén rexistra o autor os nomes e apelidos dos represores máis
caracterizados. Sobresae entre estes a figura pavorosa de Víctor Lis Quibén,
que seica sorría cando lle dicían que participara en douscentos paseos.
Se os paseos
eran asasinatos puros e duros, os consellos de guerra, que o autor describe
polo miúdo e con reprodución das intervencións das autoridades militares, eran
verdadeiras farsas legais para levar ao paredón ou ao cárcere os disidentes. Se
entre os paseadores destacaba a figura de Lis Quibén, aquí sobresae o tremendo
fiscal militar Rivero de Aguilar. Son, como xa dixemos, os nomes da infamia.
O autor para
dar unha visión completa do que foi o horror na Pontevedra do golpe de Estado
pasa tamén revista á actuación da Igrexa a prol do Movemento, á represión no
Ensino ou mesmo aos cárceres dos primeiros anos. Nin tan sequera falta a
incautación dos bens de moitos dos antifranquistas.
Xa que logo
estamos perante unha obra que resulta imprescindible para comprender o que foi
a ditadura franquista. O autor, con estes datos, demostra que foi un verdadeiro
crime contra a humanidade ou xenocidio. Aparecen persoas de relevo, como Bóveda,
que sufriron a furia fascista, mais tamén moitos outros personaxes anónimos que
foron paseados, fusilados ou encarcerados porque defendían unhas ideas que non
coincidían coas dos golpistas. Non foron estas mortes froito de odios
ocasionais ou vinganzas persoais, senón que había un plan xeral de exterminio
dos disidentes e líderes cívicos, de acordo coas terribles e arrepiantes
Instrucciones Reservadas do xeneral Mola.
En
fin, temos que ler e mesmo utilizar nas nosas clases de Secundaria e
Bacharelato este e outros libros coma este (penso nos de Amoedo ou Agrafoxo,
tamén publicados en Xerais) que nos poñen diante, con total obxectividade e
documentación incontestable, que o franquismo foi un verdadeiro xenocidio. Para
que despois algún alcalde diga por aí que as vítimas do franquismo algo tiveron
que facer… Simplemente defendían de xeito pacífico as ideas de seu. Iso
levounos ao cárcere ou mesmo á morte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario